PÁXINAS DE ENTROIDO NA OBRA DE TABOADA CHIVITE
Mateo Fontán couto
Xesús Taboada Chivite (1907-1976) legounos unha valiosa bibliografía, dentro da cal ten cabida o tema do Entroido. Sabemos que non podería ser doutro modo, pois ao profuso da súa obra antropolóxica únese o aspecto de que era natural de Verín, e iso suma, digo eu.
Este sabio do Val do Támega sentía curiosidade e paixón investigadora polos costumes, e acerca deles escribiu máis que abondo. Xa no seu libro de 1972 Etnografía galega. Cultura espiritual, publicado por Galaxia, dedica concisos apuntamentos ao Entroido dentro do capítulo «Calendario festivo»; estes, veñen ser o resumo de traballos anteriores e lecturas sobre o tema. Doutra banda, sería unha boa cousa facer colleita dos posibles folletos e dos seus artigos esparexidos polos xornais que fan referencia ao Entroido e, xa postos, tamén a outros asuntos. Mais o que aquí se pretende é falar un pouco dos traballos que asinou en revistas e publicacións especializadas acerca desta celebración ritual tan rica e variada no noso pais.
No ano 1953 Taboada Chivite publica na revista Zephyrus o artigo «Algunos aspectos del Carnaval en Laza (Orense)», un traballo que recolle a información que apañou en 1948, cando foi coñecer de primeira man este afamado Entroido. O autor escribe acerca das tradicións que observa durante o domingo, luns e martes de Entroido, sinalando a súa ausencia no xoves e domingo precedentes, que son días tamén con costumes propios.
O artigo,
de lectura moi interesante, reflicte ben a importancia que posúe esta
celebración en Laza. Así, o autor fai notar a obrigación de gardar a festa e o castigo
aos transgresores. Ao infractor das sagradas normas poderíaselle chegar a encortellar; este encerro por xustiza popular
estaba por riba das normas oficiais, claro síntoma da seriedade con que se
tomaba o asunto. Durante os tres días o etnógrafo sinala varios costumes
dende o anuncio do Entroido e a súa chegada, o domingo, proxectada no percorrido
da gaita tocando A farandula.
Claro
está que a figura do Peliqueiro –piliqueiro
escribe el– recibe a atención debida no estudo: os días que saen, a súa
inmunidade, os agravios que se lles profiren... Anota tamén que o luns era o día
en que os veciños de Castro de Laza entraban no pobo disfrazados de Peliqueiros
e que a estes os chamaban, de forma despectiva, «leiteiras». O investigador asocia
á máscara co Cigarrón verinés e a trata como unha derivación deste. Quedan constatados
os costumes –ou as normas– asociados ao Peliqueiro: estreo de prendas, número e
distribución de chocas ou o relacionado con ese doce chamado bica dos piliqueiros.
Peliqueiro (Foto do calendario de 1981 editado pola Caixa de Aforros de Ourense. Arquivo Histórico Provincial de Ourense / Xunta de Galicia) |
Mais polo artigo adiante tamén topamos con outros
importantes momentos do Entroido da Laza da época, como o Testamento de
animais: especie de simulacro de testamento improvisado e versificado a cargo
dun veciño. Taboada Chivite transcribe o testamento do 1948, que el mesmo
recolleu, e apunta paralelos en Galicia e fóra dela. Relacionados con este
testamento estaban os Xuicios e Sermóns do Entroido, dos que tamén apunta algún
dato o noso autor. O final do artigo dedícao a personaxes como a Morena, os
Maragatos, o Albardeiro e a outros costumes, algúns con continuidade hoxe en
día dentro de xornadas como o «Luns Borralleiro».
Nunha
separata do boletín de etnografía e historia Douro-Litoral, do ano 1954, descubrimos o traballo que Taboada
Chivite titulou «El entierro de la sardina, ritualidad del carnaval gallego».
Neste estudo dá conta dun costume extinto do Entroido en Verín como era o «Enterro
da Sardiña», onde facíase unha parodia de funeral para dar remate ao Entroido
durante o atardecer do Mércores de Cinza, tradición esta aínda vixente en
varias localidades galegas e españolas. Descríbese o delirante enterro e as
súas características principais: o enterro propiamente dito, o sermón na praza
Maior e o lanzamento do boneco –ou cadaleito– ao río Támega. Chivite fai
constar o mal vista que estaba esta celebración no seu tempo, o que provocaba
incidentes habituais até a súa desaparición no 1936.
No número 79 da revista Vida Gallega, de 1962, Taboada Chivite escribe «El cigarrón». Á vestimenta, prácticas, posible orixe e paralelos desta emblemática máscara do Entroido en Verín están dedicadas as divulgativas liñas escritas nesta colaboración.
Cigarróns en 1950 (Fonte: Ollar Galicia. Fotografía Antiga / grupo de Facebook) |
Outras páxinas referidas ao Entroido atopámolas dentro
de artigos de temática máis ampla. É o caso da separata «La cencerrada en Galicia»,
saída do I Congreso Nacional de Artes y Costumbres Populares, celebrado en
Zaragoza no 1969. Neste escrito Taboada Chivite fala deste costume de
desaprobación relacionado cos matrimonios tardíos, viudos, segundas nupcias...
Mais un tipo de cinzarrada, das cinco que presenta, son as carnavalescas.
Á súa
vez estas cinzarradas carnavalescas divídeas en dúas modalidades: aquelas anunciadoras
do Carnaval e as cinzarradas do Entroido. As primeiras danse nas vésperas –bastante
amplas nalgúns casos– da festividade onde facíase soar cinzarras, cornos,
latas, morteiros..., dependendo do lugar. As cinzarradas de Entroido soaban
antes da lectura dos «testamentos» ou tomando parte nos diversos festexos durante
os tres días, como a queima de bonecos ou os desafíos entre aldeas. Con respecto á súa orixe, Chivite observa que:
Se hallan imbricadas
en el variado complejo de los rituales de periocidad cósmica y ritmo de la
vegetación, dentro de la gama diversa y significativa del Carnaval, que se liga
en muchos aspectos, por el cambio calendárico, a costumbres propias del llamado
duodenario místico.
Atopamos novas referencias ao Entroido dentro do artigo «El Meco en el contexto místico de regeneración cósmica y vegetativa», publicado en Lisboa no 1974. Aquí o sabio analiza esta figura tan importante na tradición galega atendendo á súa etimoloxía e ao papel que xoga no folclore. Dentro dos diferentes Entroidos galegos o Meco pode ser unha máscara carnavalesca ou ben un boneco, xeralmente feito en palla, que acabará por arder, lanzado a un río ou tiroteado. Deste xeito despídese ao Entroido en moitos lugares, simbolizando unha reminiscencia do antigo rito de renovación cosmogónica, ou sexa, cando o inverno morre para deixar paso á primavera.
Finalmente Taboada Chivite tamén dedica un exhaustivo
estudo, dentro do III Congreso Nacional de Artes y Costumbres Populares (1975),
a «El juego de las ollas en Galicia». Analiza este curioso e extinto enredo infantil mais as súas variantes e teoriza acerca da súa interpretación orixinaria. O xogo realizábase, dependendo a localidade, en datas
distintas pero ambas significativas: Pascua de Resurrección ou en pleno tempo de Entroido.
Xesús Taboada Chivite |
Comentarios
Publicar un comentario