A ELITE GALAICA
Mateo Fontán Couto
Coa obra titulada Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa, Martín Fernández Calo logrou o XII Premio de Ensaio Manuel Murguía, outorgado pola Deputación da Coruña. Esta mesma institución encargouse da súa publicación, e agora podemos falar dun libro rigoroso que vén ocupar un oco pouco reenchido pola historiografía galega e alén desta. O tema non resulta doado de abordar: existiu unha elite autóctona no mundo castrexo? A partir desta cuestión o autor desenvolve, mediante a técnica do ensaio, unha coidadosa posta en escena que fai que o libro sexa a mellor achega ao asunto até o de agora, con visos de obra case definitiva a non ser pola incerteza que, por exemplo, os futuros descubrimentos arqueolóxicos poidan deparar.
O xove investigador de Porto do Son realizou a súa tese de doutoramento sobre a Xenealoxía do poder local galaico na antigüidade, esta foi o alicerce onde construír o seu moi ben recibido libro Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a.C.-VIII d.C. (2018). E daqueles pos estoutros lodos; o traballo recentemente premiado conta, pois, coa capacidade dun especialista na historia socio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, así como os seus antecedentes e legado.
A tese principal que defende Martín Fernández é a existencia dunha xefatura indíxena prerromana. Para iso pivota arredor do xentilicio Callaici e da institución dos principes, tirando das fontes dispoñibles. A análise de dúas lapidas romanas coas súas correspondentes epígrafes, a lectura dos clásicos e unha “alborotada” e nada consensuada bibliografía conforman o vieiro pouco nidio polo que o autor se move. Con todo, na obra conséguese ofrecer unha acaída visión do asunto mediante unha notable claridade expositiva e un sistema analítico estrito..., académico.
O resultado, como o propio autor apunta, é unha interpretación particular do principatus galaico, da súa entidade conceptual. Cunha fonda análise da historia das investigacións en torno a este principatus, Martín González escapa de teorías asumidas e movementos como o “celtic revival”. Do mesmo xeito, un atento estudo epigráfico, de comparación con outras latitudes e interpretativo das manifestacións artísticas e do rexistro arqueolóxico dotan á obra do peso científico que transpira dende a primeira páxina.
Asistimos ao enfrontamento entre posturas que falan dunha creación institucional indíxena ou unha creación romana. Dez capítulos ben nutridos que desembocan nunha conclusión a xeito de clímax de “peli” de autor onde o principatus vese como o intento das comunidades galaicas de se implantaren coma entes independentes, de influencia republicana, cunha orixe moi antiga e que persiste na época Xulio-Claudia. O enunciado soa potente, e o lector terá que acudir ao campo sementado para apreciar os froitos. Compartindo ou non a súa teoría, o libro de Martín Fernández merece a pena de se ler aínda que só sexa pola sistematización e posta en valor que fai de tema tan suxestivo.
Comentarios
Publicar un comentario