Mateo Fontán Couto
Nado na vila do Baño (Cuntis), Héitor Picallo Fuentes é un home comprometido.
Comprometido coa arte, coa escrita, coa pescuda... comprometido tamén, e ante
todo, co seu país, ao que dedica o mellor dos seus esforzos intelectuais. E
resulta que Héitor, que herdou do seu avó o alcume do Carrapucho, conxuga o seu
compromiso cun demostrado talento. E cando compromiso e talento mestúranse a
favor de nobres empresas os demais témonos que felicitar, pois recibimos froitos
que son coma agasallos.

O
libro As Letras Galegas en Caricatura
amosa ben a querenza, compromiso e talento que este autor desprega. De Rosalía
de Castro a Carvalho Calero embarcamos nunha viaxe artística e guieira a
través dos cénits da nosa cultura que obtiveron o recoñecemento de seren
homenaxeados cada 17 de maio. Unha obra que aínda que sufriu as normais complicacións
impostas pola actual situación pandémica para ver a luz, goza da consideración de
ser un dos libros galegos máis vendidos deste ano 2020. Son 60 caricaturas elaboradas
en acuarela e tinta chinesa; as estampas complétanse con diferentes materiais
de refugallo (recortes de xornais, teas, madeiras...). Nelas descubrimos unha
visión entusiasta, a toda cor e reivindicativa de cada persoeiro que aparece
rodeado de diferentes e suxestivos atributos. Cada caricatura vai acompañada de concisos datos biográficos e a selección dalgún texto destacado do homenaxeado.
A obra conta con limiar de Fina Casalderrey e epílogo de Mercedes Queixas nunha
coidada edición que a converten nun belido obxecto artístico e nun valioso
recurso didáctico.

Caricaturas de Castelao e Manuel María
Nas
últimas semanas este autor vén de publicar un moi interesante traballo en
coleccionable a través das páxinas do xornal Nós. Leva por título O Escudo do Reino da Galiza: unha ollada
internacional. Foron 18 entregas mediante as cales se ofertan moitas cuestións acerca deste símbolo galego e a súa
evolución. Así, partimos dunha realidade territorial e cultural do Reino de
Galicia durante a Idade Media e a súa presenza
na literatura. No tocante á representación deste escudo, o camiño dá comezo na
simboloxía preheráldica, os signos rodados e a primeira aparición coñecida das armas galegas no pergameo Segar´s Roll, datado
no seu orixinal perdido a finais do século XIII, e consistentes en tres cálices
de ouro sobre campo azur.

Escudo galego no Segar´s Roll Ilustración de Héitor Picallo
Dende
aí o desfile de armoriais, e outros varios soportes, onde se representa ao brasón galego nas súas variantes é constante e fluído. Abórdanse moitas cuestións
sempre dun xeito contextualizado e didáctico, mais tamén anovando datos e opinións: cálices e copóns eucarísticos, o tema das armas falantes, a aparición dos atributos eclesiásticos, os paus e
os trevos nas armas de Galicia, a aparición das cruces, o campo de gules, a man
de Durero no escudo galego... Libros de armas, misais, mapas, trípticos,
tapices, xilografías, labras...; toda unha viaxe polo vello continente documentada en 30 países e unha morea de arquivos e bibliotecas nun relato claro, ameno, un tanto “detectivesco” e con estilo xornalístico.
Foi agradable lembrar o sabor do coleccionable a través dun xornal, formato que tantas
boas obras ten acollido. Botei en falta a posibilidade de adquirir unhas pastas
para encadernar o traballo o cal, por outra banda, atópase profusamente ilustrado.

E non quixese pasar por alto a fermosa iniciativa
vertida na idea Unha Manda de Pezas para
Isaac (Díaz Pardo) onde se festexa o centenario do nacemento de tan querido
e destacado persoeiro da cultura galega. Trátase dun recurso web onde cada
día incorpórase unha creación ben sexa literaria, artística, artesanal ou
musical. Todo ten cabida para a homenaxe, e esta procede de moitos lugares do planeta.
Ademais de destacados intelectuais e artistas, xente do común, diversas
plataformas e establecementos toman parte da empresa, democratizando e dando
aire novo ás creacións, tal e como a Díaz Pardo gustaríalle. A publicación dun
catálogo sería broche de ouro para a gran idea. E detrás dela está o esforzo
das mulleres e homes de Alento Esbravexo, asociación da que o bulideiro de Héitor
Picallo é unha das cabezas visibles. En hora boa!
Comentarios
Publicar un comentario