DOUS FORNOS TRADICIONAIS DE PAN NA ALDEA DE ABAIXO (SOBRADO DOS MONXES)

Mateo Fontán Couto

No concello coruñés de Sobrado dos Monxes, moi preto do campamento militar romano da Ciadella, vai un camiño polo lugar coñecido como Aldea de Abaixo que chega ás ruínas do que outrora foran vivendas particulares. Entre estes restos, acompañando aos entullos, consérvanse os vestixios de dous fornos tradicionais para nos falar de actitudes devanceiras, tal e como era a cocedura do pan.

En efecto, o pan constituía en tempos cada vez máis afastados un produto esencial na dieta da xente do rural. Os esforzos para a obtención deste alimento converxían nun ciclo, o ciclo do pan, que ía dende a sementeira até poder saborear o modesto manxar. Antes tíñase que preparar a terra, sementar, facer o mondado, a sega, atado e carrexo dos mollos, preparar a meda e facer a malla. Todo tiña o seu tempo, e a colaboración comunal en moitos destes procesos constituía unha mostra evidente da cooperación e necesidade dos uns cos outros á hora de afrontar e traballar a terra. No Ecomuseo Casa do Patrón, no lugar de Codeseda en Lalín, celébrase dende o ano 2000 unha festa a finais de agosto onde se recrea a malla tradicional.

Tras a moenda no muíño, outro dos nosos grandes símbolos etnográficos, obtíñase a fariña: alma do pan; dos bolos, boliños e petadas; da empanada..., chegaba o momento, despois de peneirar a fariña, de cocer o pan no forno de leña. O proceso utilizaba un pequeno trisco de masa da fornada anterior para así acadar o fermento necesario tras doce horas de repouso. A fariña fermentada e crecida era amasada e mesturada con auga e sal na artesa. Despois deixábase repousar na mesma artesa durante, máis ou menos, tres horas mentres o forno comezaba a quecer con leña de carballo outro tanto tempo. Despois a mestría, sempre amiga do costume, facía o resto.

O forno de pedra podía ser comunal ou particular, neste segundo caso formando parte da casa ou independente dela. As partes do forno foran descritas por Xaquín Lorenzo, “Xocas”, nas súas impagables atencións á cultura material galega. El falou acerca do seu valor social; o forno comunal era sitio, amais para cocer, de xuntanza e foco de coñecemento das novas e rexoubas do lugar. Peregrinos e pobres atopaban nel un refuxio cálido para durmir, por iso o forno endexamais pechaba.

Reparemos agora neses dous fornos da Aldea de Abaixo. Son as ruínas e a vexetación as protagonistas. Polo que alcancei saber trátanse dos restos de dúas vivendas que pasan o tempo esborrallándose.

Escasamente quedan en pé un par de paredes de cada habitáculo. Dende o camiño vese ben o que denominaremos forno 1. Ábrese nun muro cara ao interior do que podería ser a cociña da casa. A boca rectangular mide 60 cm de alto por 50 cm de ancho. Non amosa indicios de que tivese porta de ferro polo que é o máis lóxico pensar que tapábase por medio da bouta ou, máis ben, cunha lousa de pedra contra a boca. Conserva a capela con piso de lousas, as alzas e o resto de doelas conformando a bóveda. Á súa vez conserva outrosí a lareira (lousa saínte) co burato que servía para facer caer a cinza na fornalleira ou borralleira, esta parte na súa abertura presenta unhas medidas de 60 x 30 cm. Este forno 1 posúe as seguintes coordenada: 43,0808610, -8,0464691.






Forno 1
(Fotos: Mateo Fontán)

O que chamaremos forno 2, moi preto do primeiro, é aínda máis vistoso. As súas coordenadas son: 43,0803972, -8,0464296. A vexetación ocúltao, mais cando conseguimos salvar un pequeno pórtico de silveiras chegamos a el. Ten capoeira. Unha abertura rectangular (77 x 110 cm) precede á boca do forno, na parte alta apoia o chapilé ou bufareira cuxa misión era a de protexer contra as faíscas do lume. A lareira non insinúa ningún  burato. A boca mide 60 x 50 cm, tampouco amosa indicios de que posuíra porta de ferro. A capela móstrase ben conservada e as alzas aínda amosan os restos de feluxe das fornadas. A fornalleira presenta unhas medidas de 60 x 50 cm. Este segundo forno resulta ser un exemplo máis ca digno á hora de apreciar as diferentes partes que o compoñen. Non resulta doado asegurar que se trataba dun forno particular, aínda que polos vestixios estruturais conservados e algún informante do lugar pensamos que así o era.







Forno 2
(Fotos: Rita Sanmamed)

Alí están, como testemuños. Son restos do que foi unha forma de vivir moi preto do lar. Case quenta o achegarse a eles e, con todo, seu futuro pinta frío. Que estas liñas sirvan para debuxarmos a silueta do seu uso non hai tantos anos


Referencias bibliográficas

- BLANCO VILLAR, M.: A Casa do Patrón. O gran ecomuseo do mundo rural galego. A Formiga Rabicha, 2017, pp. 84-97.

- de Gardón, F. J. L.: “O Cambio tecnolóxico nos fornos de pan de Cea a través dunha panadeira”. Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, nº 26, 2007, pp. 68-74.

- de LLANO CABADO, P.: Arquitectura popular en Galicia. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela, vol. 1, 1981, pp. 111-113.

- LORENZO FERNÁNDEZ, X.: “A cultura material”, en Historia de Galicia. Akal, Vol. 2, 1979, pp. 129-136. IDEM: A casa, Galaxia, Vigo, 1982, pp. 152-156.



Debuxo de Xaquín Lorenzo

Comentarios

Publicacións populares