A BIOGRAFÍA DE VIRXINIA PEREIRA
Mateo Fontán Couto
Co atinado título A
Vida incerta, Montse Fajardo tráenos unha descuberta biográfica de fondo
calado por todo o que a persoa de Virxinia Pereira representou: por unha banda
está a inseparable e oufana figura da dona de Castelao, pola outra a que racha co estereotipo de muller algo
frívola e afastada do compromiso político.
Virginia
Nicolasa María de Gracia Tomasa, tal era
o seu nome completo, naceu na Estrada un 19 de outubro de 1884 no seo
dunha familia acomodada conformada polos seus pais Peregrina Renda e Camilo Pereira
mais os nove irmás que chegaría a ter, seis mulleres e tres varóns, coa nota lutuosa
de perder a dous deles a idade temperá.
Comeza
pois a biografía de xeito ortodoxo con datos da infancia e mocidade de Virxinia
e a súa contorna. Pronto entra en escena un Castelao estudante de Medicina para
facerlle as beiras, aínda que ao parecer non gustaba demasiado nin ao pai nin
ás cuñadas. Tampouco Virxinia era do agrado das irmás de Castelao. A parella,
fiel reflexo de tantas, rompe para despois volver ata que a historia remata en
voda, a todo isto, oficiada por Antonio Rey Soto, bo amigo do de Rianxo.
A partir
de aquí mergullámonos de cheo na vida pouco estable dunha muller, e dun
matrimonio co seu fillo. Como ben explica a autora do libro: “Se algo ensina a
biografía de Virxinia Pereira é que a vida é un camiño incerto”. Todos os capítulos
vitais acaecidos, moitos deles coñecidos e outros non tanto, son tratados nas
páxinas que imos pasando con interese: os problemas de vista de Castelao que o
fan renunciar á medicina para converterse en funcionario, a relación con
Pontevedra, o affaire do artista con
Marie Fischer, a nai envorcada ante a enfermidade do fillo e a tráxica morte de
Alfonsiño no Nadal de 1928, acontecemento este último do que para sempre
quedarán ligados nunha dor imperecedoira: “Somos orfos de fillo”, escribiría
Castelao.
O libro
vai debullando con precisión
Cun Castelao xa exiliado e unha Virxinia moi consciente do que o seu marido simboliza, e da súa transcendencia, a parella non cesa na actividade antifascista e cultural, colaborando cos moitos centros galegos esparexidos pola cidade e fóra desta. O seu piso, chamado o Farol de Belgrano, tamén será un importante epicentro da acción galeguista. Virxinia secunda a actividade política do seu marido dun xeito pragmático e comprometido.
Chega a morte do home Castelao e o nacemento do mito. Virxinia viviu en primeira liña a cruel enfermidade do seu esposo e acompañouno ata o final. A misión agora é continuar a loita e reivindicar o seu legado. Virxinia convértese na mellor embaixadora da memoria de Castelao. As súas actividades durante este tempo son recollidas no traballo, nunha das súas partes máis interesantes ao meu entender. A loita por manter o legado espiritual de Castelao e mais de facer cumprir a súa vontade con respecto do material, non sen dificultades, serán as empresas de Virxinia ata o seu propio pasamento en 1969. Isto afástaa da imaxe que se tiña dela ata a chegada deste libro.
Un libro que revela a unha Virxinia de moitas arestas, mais uniforme: a profundamente relixiosa, a afeccionada aos xogos de cartas, a amiga de Fita (dona de Otero Pedrayo) ou Manuela Fraga, a nai esnaquizada, a compañeira de viaxe, a defensora da lingua, a escritora de cartas, a cumpridora de vontades...
Nove capítulos mais o epílogo, os agradecementos e a bibliografía. Máis de 300 páxinas para contar unha vida necesaria de coñecer, a cal evidentemente non se pode narrar sen estar presente a de Castelao. Aínda que este sempre será protagonista, nesta historia gusta de acompañar. Destacan, así mesmo, as moitas e moi interesantes ilustracións e fotografías, saídas de diferentes fondos e arquivos, que acompañan ao texto.
A obra combina moi ben as diferentes fontes para a súa realización, desde unha exhaustiva bibliografía, un importante baleirado epistolar e dos recursos web ata o valor documental da entrevista e as fontes orais. Montse Fajardo elévase como unha das cabezas visibles do magnífico proxecto A memoria das mulleres que cristaliza en traballos como a web www.dogrisaovioleta.gal. e tamén neste libro, co gallo do cincuenta aniversario da morte de Virxinia Pereira Renda. Con el, contribúese ao mapamundi biográfico sobre Castelao mais, sobre todo, ábrense as portas a unha muller reivindicada.
(Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=31550)
Comentarios
Publicar un comentario