ILLA DO COVO / ILLA DAS ESCULTURAS
Mateo Fontán Couto
ARTISTAS E OBRAS
Sita
nunha das zonas máis fermosas de Pontevedra, as sete hectáreas da
Illa do Covo amosan unha máxica simbiose entre natureza, arte e
paisaxe. Todo conflúe nun
poema de sensacións que asaltan ao paseante que se deixa caer por
ela co ánimo disposto á reflexión e a experimentar emocións non
sempre fáciles de contar.
Foi en 1999, dentro do Xacobeo compostelán celebrado
ese ano, cando a Illa do Covo –tamén coñecida como Illa da
Xunqueira do Lérez ou o Parque da Familia– pasou a compartir
denominación co proxecto artístico da Illa das Esculturas. Os
artistas elixidos foron, como se de apóstolos se tratasen, doce.
Doce apóstolos do granito, xa que este será o material protagonista
empregado; haino rosa Porriño, negro de Campo Lameiro, gris de
Arcade ou gris perla de Mondariz... O granito, do que as terras da
provincia de Pontevedra levan sendo grandes produtoras dende tempos
prehistóricos, como homenaxe á pedra e aos canteiros que a
traballan; homenaxe tamén aos monumentos ao longo do Camiño de
Santiago. Un diálogo entre pasado e presente da man de doce obras e
un belido paraxe que conforman unha paisaxe cuxa contemplación
atesoura momentos íntimos e distintas impresións. A pedra amósase
envolta nun halo sacralizado inherente a Galicia, onde a litolatría
sempre gozou, e mesmo goza aínda hoxe, de recia saúde.
Ulric
Rückriem. S/T
(Foto.: Mateo Fontán Couto,
2012)
Non importa ser un entendido na arte contemporánea
para gozar do paseo pola illa. Mesmo coido que primeiro e bo
relacionarse con ela dunha forma «virxinal», deixándose levar por
primeiras sensacións e o impacto que reflicte o lugar. Na aventura
artística dos tempos actuais o concepto das obras ben pode partir
dunha impresión persoal allea a aquilo do que o autor quere
falarnos. A arte dialoga con nós e pídenos opinión, moitas veces
baseada na mera contemplación. Aí están os textos dos comisarios
que levaron o proxecto adiante, Antón Castro e Rosa Olivares, para
poder mergullarnos nas peculiaridades das obras expostas, e poder
coñecelas, xunto cos autores, máis a fondo. Pero a interacción coa
illa vai máis aló do coñecemento artístico, o cal é sempre
recomendable para unha maior visión e desfrute.
Os autores, de recoñecido prestixio, transmiten a súa
relación coa illa. Cada un co seu estilo, e todos implicados cunha
misión onde arte e natureza compleméntanse a distintos niveis.
Algunhas esculturas son de maior visibilidade que outras, máis
inmersas no contacto coa vexetación do lugar. Temos de todo un
pouco: estelas que gañan terreo ao ceo, liñas transformadoras do
paisaxe, bancos inscritos con leccións vitais, pantasmas de árbores
graníticos, reminiscencias de sonetos de Petrarca, arcadas que
conducen a un gran cerebro, unha casa sen porta nin fiestras e ata un
labirinto que recorda ao do petróglifo de Mogor. Obras de afamados
galegos como Leiro, Fernando Casás ou o pontevedrés Enrique Velasco
comparten espazo con persoeiros internacionais da arte. Todo
conectado por pontes e pasarelas nun espazo natural protexido onde
árbores e fauna son protagonistas xunto coas esculturas.
Francisco Leiro:
Saavedra. Zona de lecer
(Foto: Mateo Fontán Couto,
2012)
Un lugar que invita ao paseo, durante o cal podémonos
atopar co mosteiro de San Salvador de Lérez ao fondo, trala ponte
do tren, ou «leer o prólogo» dos fermosos salóns do río Lérez.
Sitio tamén para o deporte xa que nel sitúanse instalacións para
eso, e sempre pode verse a xente practicando footing ou
piragüismo polo tramo final do Lérez. Un lugar, en definitiva, onde
albiscar estampas de fonda beleza é tarefa ben fácil, cómpre tan só
ter os ollos abertos, pero tamén o olfacto e os demais sentidos.
José pedro Croft:
S/T
(Imaxe: Mateo Fontán Couto,
2012)
ARTISTAS E OBRAS
- Giovanni Anselmo: Ceo acortado
- Fernado Casás: Os 36 xustos
- José pedro Croft: S/T
- Dan Graham: Pyramid
- Ian Hamilton Finlay: Petrarca
- Jenny Holzer: S/T
- Francisco Leiro: Saavedra. Zona de lecer
- Richard Long: Liña de Pontevedra
- Robert Mnorris: Labirinto de Pontevedra
- Anne & Patrick Poirier: Unha Folie ou Pequeno
Paraíso para Pontevedra
- Ulrich Rückriem. S/T
- Enrique Velasco: Xaminorio xunquemenes obay
Para saber máis:
- ANTÓN CASTRO, X.; OLIVARES, R.: Isla de
Esculturas, catálogo editado por Olivares & Asociados, S.
L., 2000.
- ANTÓN CASTRO, X.: Illa das Esculturas,
Diputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra, 2003.
-
http://elblogdefarina.blogspot.com.es/2009/11/illa-das-esculturas-pontevedra.html
Comentarios
Publicar un comentario