A SOCIEDADE CORAL POLIFÓNICA DE PONTEVEDRA
Mateo Fontán Couto
Vén
de celebrarse
o
noventa
aniversario da fundación da Polifónica de Pontevedra cun belido
concerto na igrexa conventual de San Francisco
o pasado día 9 de abril. Foi nese mesmo
escenario onde iniciou a súa andaina
un Xoves Santo, tamén 9 de abril, de 1925. Ao día
seguinte daría outro concerto na
basílica de Santa María.
A
Polifónica é unha desas institucións das que os pontevedreses
deberían sentirse orgullosos ao mesmo tempo que presumir dela. A
Pontevedra que a viu nacer, a dos anos vinte
do pasado século, foi berce de moitas iniciativas de carácter
cultural debido, entre outros factores, a unha profusa nómina de
intelectuais de excepcional valía que conduciron as súas arelas e
inquietudes a potenciar os
valores culturais da cidade e de Galicia. Exemplo disto foi a traída
da Misión Biolóxica, a fundación do Museo Provincial ou a propia
creación da Coral Polifónica, entre outras. Foi unha época
esplendorosa aquela, polo
menos no senso cultural, coa
Deputación
presidida
por De la Sota e os talentos que se atopaban pola cidade de Teucro.
Varios
destes intelectuais coincidirán
en iniciativas, moitas delas
de
carácter galeguista, unindo
forzas. Así, na creación da Polifónica interviñeron personaxes
tales como: Losada Dieguez, Blanco Porto, Iglesias Vilarelle,
Castelao,
De la Sota, Alexandre Bóveda, etc.
A pretensión de Castelao de
fundar un Teatro de Arte para Galicia e a actividade dos membros do
club Karepas foron factores
que puxeron os alicerces
dunha entidade que habería de se converter nun embaixador da cidade e un referente musical dentro e
fóra
de Galicia.
A
finais do século XIX a
música coral europea
cobra renovada forza baixo o influxo do cecilianismo. A Polifónica
pontevedresa adscríbese a este movemento musical na súa maneira de
executar as obras, reivindicando unha interpretación da antiga
música sacra e facéndoa inspiración para as novas creacións. O
repertorio da Polifónica móstrase rico e variado: música medieval;
música relixiosa; polifonía profana; cancións populares galegas, e
tamén non galegas, harmonizadas; outras composicións clásicas e
tamén estreas, aspecto
este último debido ao traballo e sensibilidade dos seus directores.
Ao primeiro deles, Antonio Blanco Porto, debémoslle a harmonización
do afamado tema «Se vas a San Benitiño». Isto supoñía unha
formulación nova
para a época; a nosa coral
nada tiña que envexar a
outras europeas e de grandes cidades, e mesmo a súa influencia
chegaría a distintas
formacións musicais.
A
pesar de
de que o camiño percorrido pasou por distintos momentos e
altibaixos, non cabe dúbida de que os case setecentos concertos,
aquí e por varios lugares do mundo, a
discografía gravada e máis
os premios recibidos dan
proba dunha traxectoria de éxito. E todo conseguido por xente non
profesional no ámbito da música, pero si cunha firme
disposición e, en moitos casos, unha sensibilidade e talento máis
que latente. Chegaron
a actuar para personaxes como Alfonso XIII, o Papa Xoán
Paulo
II ou Felipe VI, actual rei
de España. Tamén actuou no
polémico día do traslado dos restos de Castelao a San Domingos de
Bonaval. En 1951 foi
dirixida excepcionalmente polo británico Leopold Stokowski nun
concerto na catedral de Santiago. O director de orquestra dedicou
sentidas gabanzas á Coral, a elas únense varias críticas
laudatorias de Otero Pedrayo, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde,
Adolfo Salazar, Rafael Dieste, Castell, Joaquín Turina, Ribas
Montenegro, Rancine Benoit, Federico Sopeña...
Co
paso do tempo a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra adquire un
patrimonio musical de inmenso valor, pero tamén posúe en propiedade
tesouros materiais como os panos
de fondo
e decorados elaborados por
Castelao que foi cantor, escenógrafo e logo presidente. Estes
decorados constitúen unha
fermosa mostra das artes escénicas en Galicia
e atópanse depositados no Museo de Pontevedra. A
Castelao
tamén se debe a creación do emblema da Coral, o cal ao principio ía
ser a representación de san
Ero de Armenteira pero ao final optouse polo
rei
músico David
que atopamos no pórtico da
fachada de Praterías da catedral compostelá.
Emblema da coral deseñado por Castelao
Para
os novos tempos, Pontevedra ten que ser consciente do valor que supón
contar con agrupacións como a Polifónica, que dende a ilusión e o
ideario culto fíxose forte
e constitúe un dos referentes da cidade que a acolleu. De
momento a placa conmemorativa, desaparecida un día na rúa Laranxo,
non foi reposta.
PRESIDENTES
- Antonio Losada Diéguez: 1925-1929
- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: 1929-1932
- José Blein Llinas: 1932-1947
- Vicente Riestra Calderon : 1947-1967
- Augusto García Sánchez: 1967-1978
- Xosé Fernando Filgueira Valverde: 1978-1996
- Xosé Carlos Valle Pérez: 1996 – (actualidade)
DIRECTORES
- Antonio Blanco Porto: 1925-1940
- Antonio Iglesias Vilarelle: 1940-1964
- Manuel Fernández Cayeiro: 1964-1967
- Agustín Bertomeu Salazar:1968-1977
- Jose Antonio Sánchez rodríguez: 1977-1980
- José Verea Montero: 1980-1998
- Manuel Fernández Cayeiro: 1998-2007
- Marlene Armentero Cutiño: 2008-2013
- Nanette Sánchez Ordaz: 2013 - (actualidade)
ALGUNHAS
DISTINCIÓNS
- Primeira medalla de prata da cidade de Pontevedra
- Medalla de Prata do Ateneo «Santa Cecilia» de Marín
- Premio «Amigos de Pontevedra»
- Medalla de Prata das Rutas Cicloturísticas do Románico
- Colaboradora de honra da asociación Española de Periodistas y Escritores de Turismo
- Premio Cidade de Pontevedra
Para saber máis:
- VV.AA.: Sociedad
Coral Polifónica Pontevedra. 75 aniversario da súa fundación
(1925-2000),Deputación
de Pontevedra, Pontevedra, 2000.
- COSTAS
VÁZQUEZ, L.: Sociedad
Coral Polifónica de Pontevedra. Unha voz na polifonía europea,
libro-CD, Ouvirmos, 2004.
-
http://ramonrozas.blogspot.com.es/2015/04/tres-actos-de-un-concierto-de-90-anos.html
[consultado
26-4-2015]
Concerto da Coral Polifónica polo centenario da chegada de Castelao a Pontevedra
Foto: Diego Torrado / fonte: pontevedraviva.com
Comentarios
Publicar un comentario