XIGANTES E CABEZUDOS
Mateo Fontán Couto
As páxinas destinadas a enriquecer a historia de
Pontevedra festexan a nova publicación do investigador Leoncio Feijoo Lamas. O
traballo leva por título: Los gigantes de Pontevedra; tónica habitual é
a edición a cargo do autor, cando ben merecería estar subvencionada. Cobrou
forma na tan senlleira Imprenta C. Peón, a mesma da que saíra un bando que
dicía: Os vellos non deben de namorarse.
O autor é un investigador serio, dos que non erran o
tiro. A Leoncio Feijoo gústalle enfrontar coa documentación. Vótalle horas de arquivo, traballa con
paciencia e manexa un estilo claro e didáctico. Sendo un dos grandes
coñecedores da historia pontevedresa, demostra especial sensibilidade con aspectos
pouco tratados ou relegados. Esta apetencia fano un dos máis interesantes
escritores para falar das nosas cousas. O seu traballo sobre o Voto a San
Sebastián é das mellores e máis orixinais leccións recentes á historiografía sobre
Pontevedra. O que dedica ás orixes do fútbol nesta cidade é, ata o de agora, a
maior achega ao tema. Os seus artigos sempre
descobren aspectos interesantes relacionados coa vila que tanto lle apaixona.
Tráenos agora Leoncio Feijoo un traballo que fala dos xigantes
pontevedreses, un tema suxerinte e necesario pola escaseza de estudos. Como
ocorre en tantos outros temas foi Filgueira Valverde quen, antes do libro ao
que estámonos a referir, adiantou algunhas liñas sobre estes personaxes e a súa
posible significación; pouco máis podemos atopar no panorama bibliográfico
pontevedrés sobre este asunto. A monografía pois, cobra valor de pioneira en
toda Galicia
Os xigantes e cabezudos forman parte do imaxinario e do
patrimonio colectivo de moitos pobos, cidades, países e até dun continente, o
europeo, que os acolle en multitude de lugares. Danzan por sempre na nosa
lembranza e marcan co lume do inesquecible as primeiras impresións infantís. Ao
respecto é de sobra coñecido que o tan sabio beneditino Fr. Martín Sarmiento
tivo como primeiro recordo aos xigantes do Corpus pontevedrés. Estas figuras de
cortexo constitúen unha das mostras de patrimonio popular máis salientables,
polo seu carácter lúdico, vinculado ás festas, e o seu senso, poderiamos dicir,
emocional. Posúen un valor material e artístico, pero tamén están cubertos pola
pátina do símbolo e a tradición inmaterial.
Trala introdución, o libro de Feijoo divídese en quince
capítulos. Neles vai debullando a historia destas
figuras e a súa vinculación coa cidade. Séguelle o rastro a todas as parellas
de xigantes das que se ten constancia e dótaas dos seus posibles significados
ao longo do tempo, dentro das celebracións que lles dan sentido, sobre todo o
Corpus Christi, berce común dos xigantes do mundo.
O traballo aséntase principalmente
en fontes xornalísticas e na documentación do Confraría da Peregrina conservada
no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. O autor conxuga moi ben a
realidade e a dinámica da cidade do Lérez, en cada momento histórico, cos
xigantes protagonistas do traballo. Así, o libro supón tamén un constante ollar
a Pontevedra onde o lector atento pode descubrir datos da intrahistoria da
capital, nun marco amplo e sempre ben contextualizado. Os xigantes non paran de
bailar en Pontevedra durante as diferentes épocas e reinados. No entanto, xa
antes da Real Cedula de su Magestad de 1780, os xigantes non saían ás rúas
pontevedresas até que, finalmente, foron recuperados pola Confraría da
Peregrina e consolidados a comezos do século XX. Outro período difícil para
estas figuras foi o republicano, sen dúbida debido á súa vinculación cos
festexos relixiosos. Porén, na obra de Leoncio dámonos conta da versatilidade
destes xigantes, os cales alén do Corpus, chegaron a participar nalgún momento
da súa persoal historia –e aínda o
fan nalgunhas hoxe en día– nas Festas
de san Bartolomeu, as da Peregrina, as de Santiaguiño do Burgo, as de san Roque
ou mesmo as de san Miguel, en Marcón. Ademais tamén farían parte na Cabalgata
dos Reis Magos ou na estival Batalla de Flores.
A obra ofrece multitude de aspectos curiosos. Pode servir
de exemplo O errado “certamén de cabezudos” de 1907; ou as diferentes parellas
de xigantes documentadas. A parella de “mouros”, da que tanta saudade sinto,
adquiriríase en Barcelona, no ano 1889, e chegarían a “convivir”, uns poucos anos
máis adiante, con outra parella. Pero o autor tamén está atento a noticias como
a feitura de novos traxes, restauracións ou proxectos vinculados a estes
personaxes; así como tamén se fala da compra de cabezudos novos, en diferentes
épocas e estilos. Ou a existencia, durante a década de 1960, das figuras dos
“cabaliños” que viñan a enriquecer á comparsa. En fin, o rexistro do devir
destes xigantes e cabezudos outorgan ao libro certo carácter mitolóxico dentro
dunha viaxe engaiolante.
Un dos capítulos máis interesantes da obra atende ao
factor humano dos xigantes ou papamoscas, pois así
se chamaban na cidade. É dicir, as persoas que os dotan de vida e miran
por eles. O recordo á saga dos Estévez ou á a actual dos Carballeda constitúe,
a un mesmo tempo, severidade para o traballo e xusto homenaxe.
O estudo péchase cun interesantísimo capítulo de
documentos, que estruturan e complementan ben ao traballo, máis as fontes e a bibliografía.
Recordo, nunha das nosas amigables charlas, estar falando
con Leoncio na Cata, o establecemento do emblemático Petete, sobre a necesidade
da realización dun traballo preocupado polos xigantes e cabezudos. Pasou o
tempo e o resultado, aínda sendo de esperar, supera as expectativas. Convido á
xente a comprobalo adquirindo un libro rigoroso e un anaco de nostalxia.
Portada do libro
Comentarios
Publicar un comentario