NOTAS HISTÓRICAS SOBRE A DENOMINADA FESTA DO DEMO

Mateo Fontán Couto

Sometido aos pés de san Bartolomeu, o Demo agarda cada ano para, por unhas horas, ser libre polas rúas de Pontevedra. Durante a véspera do día do santo a Boa Vila, no seu afán festivo, é capaz de celebrar que Lucifer anda solto, xa que este pactou co santo un tempiño para poder facer maldades.

Foi no agosto de 2001 cando o Concello recuperou, tras varías décadas, esta tradición que veu rebautizar como Festa do Demo, aludindo ao restablecemento de festas de carácter etnográfico. E ben feito estivo!

Porén, se quixésemos ser precisos, habería que anotar que tal festa nunca existiu. Era durante as populares Festas de san Bartolomeu que se producía o gozoso episodio, para nenos e maiores, da solta do Demo. Pode deberse a un golpe de mercadotecnia laicista o querer facer protagonista nestes tempos ao Maligno diante do patrón da freguesía. Se ben é certo que os festexos actuais céntranse nun só día, o 23 de agosto, véspera do día de san Bartolomeu, mentres que antes as festas duraban polo menos dúas xornadas, xa que non tiña sentido deixar de celebrar o día propio do santo ao cal se honraba.

Xa no ano 1906 faise constar na prensa que os festexos non recibirían ningún tipo de prestación económica por parte da Comisión de Festas da cidade, polo que serían os veciños os que correrían cos gastos, coma en ocasións anteriores. Os xornais da época ían publicando a lista de doantes bastantes días antes das festas; nomes coñecidos, e outros moitos non tanto, contribuirían para a súa realización durante anos. Nunha ocasión o marqués de Riestra participou con vinte e cinco pesetas da época, e non foi o que máis aportou.

Entre as diferentes actividades programadas ao longo do tempo nestas Festas de san Bartolomeu destacaban as carreiras pedestres e, sobre todo, as de burros; o concurso de “Murgas”; os encontros de fútbol, ou as “cucañas”. Ademais a Comisión organizadora da parroquia outorgaba premios a quen os merecese.

Por suposto, as xornadas eran anunciadas con bombas e dianas mais música de gaita. Conforme o día deixaba paso á noite chegáballe a quenda a orquestras como a Municipal ou a dos Exploradores, mencionadas nas crónicas de 1919 ou 1923. Dentro das obrigadas celebracións relixiosas, pode chamar a atención a procesión que se celebraba no interior do templo coa reliquia do apóstolo e mártir. E pola noite folión e carallada.

Con respecto ao Demo habería que dicir que, facendo gala do seu esquivo carácter, non sempre se menciona nas celebracións da véspera do vinte e catro de agosto. No entanto, non cabe dúbida que a súa saída ás rúas constituía todo un acontecemento, sobre todo para os máis cativos, os cales facían del un pandeiro, como se adoita dicir. Xigantes e cabezudos formaron parte do seu cortexo polo menos dende 1921 e, tal e como nos conta Leoncio Feijoo no seu traballo sobre os xigantes pontevedreses, aínda en 1969 produciuse esa escena.

No fermoso libro Pontevedra, Boa Vila o egrexio Vicente Risco dedícalle un texto a esta tradición, acompañado dun debuxo de Agustín Portela onde o Demo vese envolvido no boureo dos pícaros. Ese Demo foi interpretado durante moitos anos por un personaxe, o cal andaba rengo, denominado Dominguiños.

Na actualidade a Festa do Demo inclúe dúas saídas desde os arcos de San Bartolomeu, pola mañá e pola tarde. A comitiva leva música e espectáculo, e mesmo os cativos son convidados a formar parte nela, ataviados con disfraces infernais, para dar renda solta ás súas falcatruadas. Música de banda e foliada soen completar esta xornada, xa clásica, do noso calendario festivo.
 

                                        Debuxo de Agustín Portela no libro Pontevedra, Boa Vila

Artigo publicado no Diario de Pontevedra o 22 de agosto de 2019

Comentarios

Publicacións populares