UNHA PORTA QUE LEVA AOS XARDÍNS
Mateo Fontán Couto
Dentro do programa adscrito
ao LV Concurso Exposición Internacional da Camelia, celebrado en Pontevedra,
presentouse o día 10 de marzo o libro Xardíns
históricos de Pontevedra, cuxo subtítulo convida: Un paseo por 20 xardíns singulares da provincia.
Trátase
dun volume de case trescentas páxinas editado pola Deputación de Pontevedra que
vén ocupar un espazo destacado na, aínda pouco nutrida en estudos, historia
da xardinería galega. Os autores son: Carmen Salinero, Ángeles Barros, Gaspar
Bernárdez, Xesús Fernández e Antonio Rigueiro. Tras os saúdos pertinentes da presidenta da Deputación Provincial e o
da deputada da Estación Fitopatolóxica Areeiro, chegan os agradecementos e o
índice.
O
libro dá comezo cunha breve historia da xardinería galega. Nela albiscamos as
orixes nos claustros e as hortas dos mosteiros medievais, nas cales
cultivábanse especies ornamentais, medicinais e de interese culinario. Crese
que estes xardíns hortícolas, dos que conservamos moi poucos vestixios,
consistían en espazos xeométricos divididos en compartimentos.
Após
destes primeiros, chegarían da man da
igrexa e a nobreza outros tipos de xardín como o palaciano, o renacentista, o
barroco ou o paisaxista inglés. O momento de eclosión da xardinería galega
prodúcese durante o barroco coa xardinería palaciana de tipo xeométrico. É o
gran momento dos pazos e as casas señoriais, unha das arquitecturas máis
representativas do rural galego con zonas de bosque, de prado e dedicadas ao
cultivo agrícola. Os pazos convértense nos grandes receptores de influencias
sobre todo francesa –con Versalles como paradigma–, con conxuntos simétricos;
pero tamén se reciben influxos renacentistas ou do paisaxismo inglés, dando
como resultado un estilo propio galego. Xa que logo, os pazos serán os grandes
depositarios da flora ornamental. A arquitectura indiana, de mediados do século
XIX a mediados do XX, tamén contará con fermosos xardíns, sobre todo no norte
do país.
Debido
á meteoroloxía e á maior concentración de pazos e casas señoriais, a fachada
atlántica galega é o sitio onde maior número de xardíns, tanto públicos como
privados, dáse. As Rías Baixas están consideradas como o xardín da camelia, unha
das flores máis prezadas que temos, e a pesar de que a súa orixe é foránea hoxe
sentímola plenamente galega. Así pois, na Galicia occidental está máis
representada a flora oriental que a americana.
A
obra refire a importancia de certos elementos na configuración do xardín galego
como a auga e o granito. Resulta doado toparse con fontes, estanques, pozos ou
outros elementos nun paseo polo xardín dun vetusto pazo señorial. Auga, pedra e
por suposto o elemento vexetal representado na variada gama de especies florais
que engalanan os cada vez máis traballados xardíns. Tamén o habitual espazo de
bosque integrado nos pazos resulta engaiolante pola presenza de carballos
centenarios, castiñeiros, bidueiros...
Os
espazos públicos axardinados foron cobrando un gran protagonismo no deseño das
cidades desde o século XIX ata a actualidade; as alamedas constitúen un exemplo
ben definidor do dito. Ao mesmo tempo, cobran importancia os xardíns botánicos
ou os asociados a balnearios.
Xunto aos de estilo francés, inglés ou
italiano, hoxe en día son varios os deseños de xardín que podemos gozar:
minimalista, xaponés, de repoboación, en altura, verticais, etc. Os hortos
urbanos ou a xeroxardinería, baseada na adaptación e a sustentabilidade das
especies ao medio e ao clima, tamén son tendencias importantes nos tipos de
xardíns actuais.
A
ficha que presenta a obra para cada un dos vinte xardíns sitos na provincia de
Pontevedra inclúe: localización, propietario actual, historia, un paseo polo
xardín, singularidades e un catálogo botánico. O remate do libro compóñeno un
capítulo dedicado á camelia nas Rías Baixas, e dous cadros: un deles coa
distancia entre xardíns e o outro coas coordenadas de situación. Pecha a
bibliografía.
Libro
traballado, curioso, ben ilustrado, dos que gusta ter. Ferramenta de consulta
valiosa, con trazas de guía. Unha porta á fermosura sensible dos xardíns e a
todo aquilo que nos teñen que contar como testemuñas que son da nosa historia.
LISTAXE DOS
XARDÍNS PRESENTES NA OBRA:
·
Pazo de Oca (A Estrada)
·
Parque-xardín e carballeira de Caldas de Reis (Caldas de
Reis)
·
Pazo de Fefiñáns (Cambados)
·
Pazo de Gondomar (Gondomar)
·
Granxa de Briz / parque dos Sentidos (Marín)
·
Pazo da Saleta (San Vicente de Meis)
·
Xardín do balneario de Mondaríz (Mondaríz Balneario)
·
Estación Fitopatolóxica Areeiro (Pontevedra)
·
Pazo da Carballeira de Gandarón / Misión Biolóxica de Galicia
(Pontevedra)
·
Pazo de Lourizán (Pontevedra)
·
Xardíns de Monteporreiro (Pontevedra)
·
Xardíns de Vicenti e Colón (Pontevedra)
·
Pazo de Torres Agrelo (Redondela)
·
Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia)
·
Parque botánico do castelo de Soutomaior (Soutomaior)
·
Alameda de Vigo / Praza de Compostela (Vigo)
·
Parque do Castro (Vigo)
·
Parque de Castrelos / pazo Quiñones de León (Vigo)
·
Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa)
·
Casa-Museo Valle-Inclán / pazo do Cuadrante (Vilanova de
Arousa)
Comentarios
Publicar un comentario