NOVA MONOGRAFÍA E XORNADAS SOBRE O ENTROIDO
Mateo Fontán Couto
O
xornal Sermos Galiza edita «De Nós». Monografías con perspectiva galega.
A número catro, saída o mes pasado, leva por título Antroidos e mascaras na Galiza rural. Este traballo, a cargo de
Alfonso García Santos, supón unha atractiva publicación tanto no formato do
libro, como no tocante ao seu contido para achegarnos a unha das celebracións máis
variadas e singulares que temos, tinxida de rituais ancestrais.
O
Entroido galego posúe leis propias. Os seus variados ritos son cousa moi seria
alí onde se producen. Os elementos que compoñen este mundo (máscaras, sons,
danzas, lume, adobíos, etc.) dan vida e dotan de significación a esta festa chea
de matices onde a participación da comunidade resulta fundamental. Os crecentes
estudos e o impagable traballo de diferentes asociacións na recuperación dos
vellos entroidos fan que miremos con optimismo cara o futuro. Pola contra, o
éxodo do campo á cidade, o turismo masivo e outros factores actuais poden levar
a desvirtuar ou poñer en perigo a continuidade de tan fermosos acontecementos.
O
libro está composto por suxestivas fotografías, cargadas moitas delas dunha
fermosura case telúrica, e apoiadas por pequenos textos ilustrativos. Felipe
Senén escribe o limiar da obra. A continuación desprégase o desfile
carnavalesco: Xenerais da Ulla, o Exercito dos Panos; Vixigueiros de Samede;
Madamas e Galáns de Cobres; os diferentes Felos e Boteiros; Peliqueiros de Laza
e de Campobecerros; os Vergalleiros de Sarreaus e as Vergalleiras das
Teixugueiras, as cales comparten protagonismo co Meco; o Oso de Salcedo; a
Morena de Matamá e a de Laza; o Boi da Veiga; os Folións e varios outros entroidos
máis, todos de gran interese e con particularidades. García Santos, con trinta
anos ás costas fotografando entroidos, agasállanos con instantáneas que aportan
valor documental e artístico.
![]() |
(M.F.C.) |
Doutra
banda, os días 15 e 16 de marzo
celebráronse en Pontevedra, nas instalacións do Centro de Interpretación das
Torres Arzobispais (CITA), as VII Xornadas sobre o Entroido de Galiza.
Organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), constitúen unha cita
única no eido da divulgación sobre o tema.
Tras
a apertura das xornadas, a cargo de Rafael Quintía, a primeira charla versou
sobre o teatro popular no Entroido de Pazos de Bordén, e foi compartida por
Guillerme Ignacio e Xosé Anxo Rosales. O aspecto teatral dos entroidos estase a
perder, por isto testemuños como o de a señora Nieves, que os poñentes
presentaron nun vídeo, resultan dun gran valor para o seu estudo e posible
recuperación. Outros materiais audiovisuais antigos da aldea de Amoedo e
pinceladas sobre zonas onde atopar este elemento teatral completaron o
relatorio. Pedro Basalo falou da historia recente da figura do Boteiro de Viana
do Bolo, onde factores como o illamento territorial cobra gran importancia na
conserva da tradición e as súas variantes nas aldeas próximas. A última
disertación da xornada titulouse «As máscaras no Entroido ourensán», por
Xerardo Dasairas.
A
xornada do sábado 16 deu comezo coa exposición dos traballos sobre o Entroido
realizados pola SAGA, da man do seu presidente Rafael Quintía. Ao respecto, é
de celebrar que moi pronto poderemos gozar dun novo número, o once, do Caderno de Campo que esta asociación
edita, e que está dedicado, nos oito artigos que o conforman, integramente ao
Entroido. Na web da SAGA poderase acceder a esta interesante publicación que
tamén recolle as actividades desenvoltas pola agrupación.
A charla de Emilia Cagiao, que apareceu caracterizada,
versou sobre o Entroido de Samede. Falouse da recuperación, fai catro anos, da
muiñeira cruzada; da figura do Carolo e a dos
Contrarios; do roubo do pino e a característica rivalidade entre aldeas;
amosáronse mascaras… O derradeiro
relatorio das xornadas estivo a cargo da arqueóloga portuguesa Patricia
Cordeiro, a cal achegou algo da historia e novas sobre o Carnaval de Podence,
co Careto como protagonista, e o traballo para convertelo en Patrimonio
cultural inmaterial da Humanidade. Unha interesante mostra fotográfica
instalada no propio CITA complementou a estas xornadas.
As conferencias foron
gravadas. É probable, como adoitan facer, que pronto se poidan ver na web da SAGA. Por isto, remito
a ela a quen estea interesado, e só quédame felicitar a esta asociación polo gran
traballo que están a realizar.
![]() |
Xornadas sobre o Entroido (M.F.C.) |
Comentarios
Publicar un comentario