UNHA HISTORIA DE ENTROIDO: ANDRÉS MURUAIS E O URCO
Mateo Fontán couto
O Entroido de 1876 supuxo en Pontevedra un fito nas
celebracións que se viñan dando ata entón. Foron un grupo de
intelectuais da nosa cidade os encargados de incorporaren un novo
festexo baseado na lenda do Urco. Entre estes estaban: Renato Ulloa,
Rogelio Lois, Federico Guisasola, Demetrio Durán ou Prudencio
Piñeiro; pero foi o poeta Andrés Muruais (1851-1882) o que
acaudillou a iniciativa, aínda que tamén o seu irmán Jesús Muruais
(1852-1903) tivo moito que ver na implantación dun novo Entroido,
revolucionario e moderno. Os Muruais forman parte de moitas das
páxinas da historia contemporánea de Pontevedra.
Durante datas anteriores prepararon o ambiente facendo
correr noticias das trasnadas que o monstro Urco estaba a realizar na
cidade, instalando o temor na poboación. Andrés Muruais aproveitou
unha intempestiva noite para saír polas rúas de Pontevedra ataviado
con peles e unha careta de animal, arrastrando cadeas e dando
estrondosas voces e ouveos. No tan pontevedrés barrio da Moureira
foi onde se asociou a este personaxe, encarnado por Andrés, co Urco,
acrecentándose desta maneira o mito urdido polos artistas. Aos
poucos días, produciuse unha gran representación do desembarco do
Rei Urco na cidade do Lérez que sería antesala doutras,
duraron dende o domingo 27 de febreiro ata o mércores 1 de marzo.
Quedaba instaurada así a nova festa para o Carnaval pontevedrés.
As parodias que se levaron a cabo durante as
representacións foron recollidas no texto Reinado y muerte del
Urco, cunha crónica preliminar firmada por Larfin Farafullán: «Cronista de mi poderoso señor Urco». A trama argumental tecida
viña a contar a historia de que Urco, deixando de lado a súa
caracterización no folclore galego coma monstro ou demo de mal
augurio, era un poderoso rei que fora expulsado da cidade á cal
chegaría Teucro, mítico fundador de Pontevedra, para defendela
xunto cos seus homes do regreso de Urco. As representacións
producidas na cidade viñan a relatar o resto da historia: Teucro,
seguindo unha argucia, recibe ao Rei Urco con honras e festexos e aos
tres días este morre envelenado. O fillo de Urco, chamado Urquín,
tratará de vingar ao seu pai declarando a guerra. Durante o domingo
de carnaval as rúas de Pontevedra convertéronse no escenario desa
guerra. Mesmo se chegou a recrear na Praza da Ferrería –e por iniciativa de Federico
Guiasasola– un castelo, fortaleza de Teucro, con foso, almenas e ata ponte levadizo para resistir o asedio de
Urquín. A cidade enteira participou nestas xornadas tal e como nolo
relata Prudencio Landín na súa afamada obra De mi viejo carnet.
O certo é que a diversión e
algarabía mesturouse coa teatralidade, a
música, Xogos Florais e
outras
pegadas artísticas.
Este
tipo de feitos dan testemuño
do carácter
da sociedade pontevedresa daquela época, onde á profusa nómina de
intelectuais de gran valía e actividade uníase o entusiasmo dunha
cidadanía involucrada
nas celebracións e iniciativas, sobre todo aquelas que podían
reflectir
o senlleiro
humor e retranca que a cidade zumegaba.
Na actualidade o Rei Urco
segue a estar presente no Carnaval de Pontevedra aínda que con menor
intensidade que nos tempos desta historia.
Para saber máis:
- DURÁN, J. A.: Historia e lenda dos Muruais: do folletin posromántico ó andel modernista, Deputación Provincial de Pontevedra / (Xunta de Galicia) Dirección Xeral de Promoción Cultural, Pontevedra, 2004.
- FUENTES ALENDE, X.: «El Carnaval de 1876 en Pontevedra», en Coñeces o teu?, (8/03/2011), [en líña], [citado o 16-2-2015], en www.museo.depo.es
- LANDÍN TOBÍO, P.: De mi viejo carnet, 2ª edición, Pontevedra, 1984, pp.95-98.
- ROZAS DOMÍNGUEZ, R.: Libro de Oro del Carnaval de Pontevedra, El Diario de Pontevedra, Pontevedra, 2005, pp.16-42.
- http://hermanosmuruais.blogspot.es (neste blog facilítase a lectura da obra Reinado y muerte del Urco, ademais de ofrecer outros títulos bibliográficos).
Andrés Muruais
Rei Urco en 2015
(Foto : Rafa Vázquez)
Comentarios
Publicar un comentario