CEDROS DO HIMALAIA NO PARQUE DAS PALMEIRAS

Mateo Fontán Couto


Moitas veces, sendo conscientes do valor patrimonial dos nosos monumentos, restos arqueolóxicos, obras de arte, etc., ndese a obviar outro tipo de monumentos de carácter «natural» ou «vexetal» que nos rodean. É preciso non esquecer a estas testemuñas da historia, e membros, como seres vivos que son, da nosa comunidade.

Nos xardíns de Vicenti, popularmente coñecidos como parque das palmeiras, atopámonos con algunhas das árbores máis impresionantes da cidade. Nesta ocasión, chamarei a atención sobre os maxestosos cedros procedentes do Himalaia. Neste lugar contamos con catro exemplares mesturándose con outras especies, tamén de moito interese.

Esta variedade de árbore conífera, de porte cónica e follas aciculares, dáse a chamar tamén cedro chorón. O seu nome científico é Cedrus deodara –familia Pinaceae– e ten a súa orixe nas montañas do Himalaia, no continente asiático, onde andavía producen inmensos bosques. O nome do seu xénero procede do grego kedron, namentres que o epíteto deodara procede do sánscrito devadara significando «madeira dos deuses». Constitúen uns exemplares moi aptos, durante todo o ano, para a ornamentación, por isto é frecuente localizalos en parques e xardíns; durante a súa poda é posible realizar diferentes e fermosas figuras no enramado destes espécimes que poden alcanzar os 50 metros de altura e os 3 metros de diámetro no seu tronco. Como notas curiosas podemos dicir que a introdución desta especie en Europa levouna a cabo Leslie Melville; que da madeira aromática procedente desta árbore sácase incenso e o aceite de cedro, con moitas propiedades como ben saben na India; ademais un paxaro denominado Tragopan occidental vive con exclusividade nos bosques desta especie.

Os exemplares que se atopan nos xardíns de Vicenti están integrados no Catálogo de formacións senlleiras de Galicia; con todo, non é o único lugar de Pontevedra onde podemos admiralos xa que tamén existen exemplares nos xardíns de Rosalía de Castro, na Illa do Covo, o cemiterio de Santo Amaro, o Campus Universitario da Xunqueira e noutros varios lugares.

Cando un párase a contemplar detidamente a estes xigantes, decátase da súa atracción que non proven tan só da súa beleza, senón tamén do misterio das formas que producen e das telúricas sensacións de poderío manso que transmiten.


Para saber máis:

- Alvarez Corbacho, A.; Molina Poch, M. J.; Porta Vila, M. del C.: Árboles y arbustos en los jardines de Pontevedra, Excema. Diputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra, 1990.

- Bernardo Blanco-Dios, J.; Castro González, A.: Pontevedra. As árbores da cidade, Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2010.


                                            Un cedro do Himalaia nos xardíns de Vicenti en Pontevedra. 
                                                    (Foto: Mateo Fontán)


Comentarios

Publicacións populares