A historia que canta na Polifónica

Mateo Fontán Couto

Arredor de 730 concertos dan para contar moitas historias. Tamén para reconstruír cen anos de actividade dunha das institucións musicais máis queridas de Pontevedra. Ese é o percorrido que propón José Raposeiras Correa en A pegada imborrable dunha coral centenaria. Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un volume no que reúne documentación, fotografías, referencias xornalísticas e numerosos testemuños para recuperar a historia da Sociedade Coral Polifónica desde os seus primeiros pasos até os nosos días.

A publicación permite achegarse á traxectoria dunha entidade que é moito máis ca unha agrupación musical. Pola súa historia pasaron músicos, intelectuais e figuras fundamentais da cultura galega, nunha relación coa cidade que se foi construíndo a través dos concertos, das actuacións e dunha presenza continuada na vida cultural pontevedresa. Castelao ocupa, neste relato, un lugar destacado, tanto pola súa vinculación cos primeiros tempos da coral como pola súa contribución á identidade da institución. Xunto a el, cómpre lembrarmos outros nomes de enorme relevancia, e ben coñecidos, na vida cultural e intelectual galega que tamén estiveron vinculados á Polifónica, como os Losada Diéguez, Blanco Porto, Alexandre Bóveda, Vilarelle ou Xosé Filgueira Valverde. A súa presenza axuda a entendermos a dimensión que a entidade acadou desde os seus primeiros anos e a estreita relación que mantivo con persoas decisivas para a cultura galega.

A primeira impresión do volume xa merece unha mención. A portada, ilustrada polo afamado pintor José María Barreiro Gómez, representa a Polifónica no interior dun templo e ofrece unha imaxe moi acaída para acompañar esta viaxe pola súa historia. O libro conta cun xusto limiar de Luis Costa Vázquez, un prefacio do propio autor e unha introdución que dan paso a unha estrutura ampla, organizada para facilitar a consulta e seguir a evolución da entidade. A abundancia de fotografías e documentación gráfica contribúe tamén a facer da lectura un percorrido especialmente atractivo.


Capa do libro

Natural de Presqueiras, no concello de Forcarei, José Raposeiras Correa desenvolveu unha longa traxectoria profesional vinculada ao ensino. Doutor pola Universidade de Vigo e antigo profesor asociado, mantivo sempre un interese especial pola cultura e pola recuperación da memoria histórica. A súa relación coa Polifónica comezou en 1995 e, desde entón, asumiu distintas responsabilidades na entidade ata chegar á presidencia en 2026. Paralelamente, participou na asociación Amigos da Terra de Montes e traballou na investigación e divulgación da historia e do patrimonio da comarca. Esa experiencia explica o coidado documental e a vontade divulgativa que caracterizan este volume.

Un dos aspectos máis interesantes da obra está na propia orixe da coral. O autor sitúa un antecedente significativo o 4 de abril de 1924, cando a Sociedade Filharmónica de Pontevedra organizou unha función na que actuou o coro dos cosacos de Kubán, unha agrupación de cantos e bailes rusos. Daquela experiencia xurdiría certa inspiración para un proxecto que acabaría converténdose nunha institución centenaria. A partir de aí, Raposeiras reconstrúe os primeiros pasos da Polifónica, o ambiente cultural no que naceu, as persoas que participaron na súa fundación e as iniciativas que contribuíron a consolidala.

A historia avanza polos primeiros actos públicos, as actuacións na Semana Santa de 1925 e os escenarios nos que a Polifónica foi dando a coñecer o seu traballo. Entre os fitos recollidos figura o concerto (o primeiro considerado na obra como tal) do 26 de marzo de 1926, celebrado no Teatro Principal. Nas primeiras páxinas aparece tamén un amplo elenco de persoas que contribuíron á posta en marcha da entidade, nun contexto cultural especialmente activo. Noso autor non se limita ás figuras máis coñecidas e procura recuperar tamén os nomes de quen, desde outros planos, fixeron posible a continuidade da agrupación.

Raposeiras organiza ese percorrido atendendo ás diferentes etapas da dirección musical, aos concertos máis relevantes, ás condecoracións recibidas e ao legado discográfico. O resultado combina a evolución artística da Polifónica coa historia humana da agrupación. As fotografías, os artigos de prensa e os textos de difícil localización que se incorporan ao volume achegan un valor engadido á lectura e permiten consultar materiais que, doutro xeito, poderían acabar perdidos ou esquecidos. Todo ese aparello documental está disposto cunha intención claramente didáctica, sen renunciar ao rigor nin converter a lectura nun exercicio reservado aos especialistas. O libro péchase cunhas consideracións de carácter final e cun excelente epílogo de Ramón Rozas, situado antes da bibliografía e da webgrafía que completan o volume. Son apartados que contribúen a rematar o percorrido histórico e documental e que reforzan o valor dunha publicación concibida tamén como obra de consulta.

Entre os episodios que recupera o libro hai tamén espazo para unha cuestión que continúa pendente na memoria urbana de Pontevedra: a placa conmemorativa instalada na rúa Padre Luis. En 2008, con motivo da inauguración das obras de reforma urbana daquela vía por parte do Concello, colocouse unha placa na que se recoñecía a longa actividade cultural da Polifónica e a figura do Padre Luis María Fernández Espinosa, membro destacado da agrupación musical. Por razóns que non están suficientemente aclaradas, a placa desapareceu en algún momento posterior.

Raposeiras dedica tamén atención a este suceso, que non é menor se entendemos que a historia dunha institución debe ter o seu reflexo na propia cidade. A placa non ocupaba daquela o lugar nin a altura máis axeitados, unha circunstancia que xa facía recomendable buscar unha localización máis digna. A súa desaparición non debería significar o esquecemento daquel recoñecemento. É unha reivindicación que tamén veño mantendo desde hai tempo: a recuperación da placa e a súa recolocación nun espazo máis apropiado. Se a Polifónica merecía aquel recoñecemento en 2008, hoxe, despois de continuar a súa traxectoria e sumar novos éxitos, mereceo con máis razón.

A presentación do libro tivo lugar o 29 de setembro, ás 19:30 horas, no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra, nunha xornada de forte chuvia que non impediu que o recinto se enchese de público. A resposta á convocatoria foi unha boa mostra do interese que continúa espertando a Polifónica e do vínculo que mantén coa cidade; non puideron faltar unhas pezas interpretadas pola coral. O libro vén sumarse así a outras publicacións e iniciativas que, ao longo dos anos, contribuíron a documentar a historia da entidade, entre elas os traballos editados con motivo do seu 75 aniversario e outras propostas de carácter sonoro e documental.

O valor desta publicación está, precisamente, en reunir e ordenar un patrimonio documental que permite comprendermos mellor a dimensión da Polifónica e o seu papel na vida cultural pontevedresa. José Raposeiras Correa pon ao servizo desa memoria anos de traballo, consulta de arquivos e recompilación de materiais, cunha exposición accesible que facilita o achegamento tanto dos afeccionados á música como de quen queira coñecer mellor a historia cultural da cidade.

Cento un anos despois da súa fundación, a Polifónica continúa escribindo a súa historia. Este libro deixa constancia do camiño percorrido, das persoas que o fixeron posible e dunha actividade que segue sendo motivo de orgullo para Pontevedra. Unha achega  que tamén serve para lembrarmos que o patrimonio cultural precisa ser coñecido, conservado e recoñecido.


Á esquerda, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra en 1930 (fotografía procedente de Wikipedia); á dereita, a placa conmemorativa dedicada á Polifónica e ao Padre Luis María Fernández Espinosa, hoxe desaparecida (fotografía: Mateo Fontán).


Comentarios

  1. Moitas grazas, Mateo, por esta coidada recensión do libro de José Raposeiras e polo agarimo coa nosa Polifónica. Como secretario da Sociedade, agradézoche que contribúas a dar a coñecer a súa historia e o seu vínculo con Pontevedra. Compartimos tamén o desexo de recuperar a placa da rúa Padre Luis: a memoria da Coral merece seguir presente nas rúas da cidade. Unha aperta.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares