A Santa Compaña: cando a memoria tamén camiña

Mateo Fontán Couto

A miña nai, criada en Quintela de Leirado, sempre contou unha lembranza que a acompañou desde a infancia. Sendo unha nena, deitada xa na cama, algunhas noites escoitaba pasar unha voz que rompía o silencio e dicía:

«Pecador que estás dormido en tu cama descansando, acuérdate de las almas que por ti están penando».

Nunca soubo quen pronunciaba aquelas palabras. Nin sequera se atrevía a mirar pola ventá. Naquel tempo había cousas que non precisaban explicación. Simplemente sabíase que era mellor permanecer en silencio.

Co paso dos anos, aquela lembranza volveu á miña cabeza moitas veces. E foi lendo a antropólogos como Carmelo Lisón Tolosana cando comprendín que detrás desas historias non había só medo, senón toda unha maneira de entender o mundo. A Santa Compaña non era unha simple procesión de pantasmas. Era a expresión dunha Galicia na que os mortos nunca deixaban de formar parte da comunidade.

Entre os pioneiros no estudo da Santa Compaña destaca Vicente Risco. Nun traballo publicado na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares reuniu algunhas das máis importantes tradicións arredor da procesión de ánimas en Galicia: os seus diferentes nomes, o cerimonial, o portador da cruz, as premonicións de morte e o curioso caso da Sociedade do Oso, en Berán.

Quizais por iso a Compaña nunca aparece en calquera lugar. Sempre percorre corredoiras, encrucilladas, camiños parroquiais, adros das igrexas ou cruceiros. Son espazos de paso, lugares onde a tradición situou desde antigo a fronteira entre o mundo dos vivos e o dos defuntos. Non hai nada casual nese percorrido.

Hai, ademais, un detalle que me parece fascinante: a Santa Compaña non percorre Galicia enteira; percorre unha parroquia. O antropólogo Francisco Calo Lourido, estudando a tradición da Illa de Ons, explica que esta crenza está intimamente ligada á freguesía, que durante séculos foi a verdadeira unidade social do país. Nela nacíase, nela vivíase e nela se recibía sepultura. Mesmo despois da morte, as ánimas seguían pertencendo ao mesmo territorio. Por iso a Compaña non atravesa os seus límites: os mortos continúan camiñando polo espazo que tamén foi seu en vida.

Esa idea encaixa perfectamente cun costume hoxe case desaparecido. Antigamente, os enterros seguían sempre os chamados camiños parroquiais, deténdose en cruces determinadas para rezar os responsos. Non importaba que existise un atallo; o importante era respectar o camiño da parroquia. Como sinala Calo Lourido, a tradición prolongou esa mesma orde no mundo das ánimas: se os vivos pertencían á súa freguesía, tamén os mortos.

Quizais por iso tantas versións da Santa Compaña falan dun vivo obrigado a encabezar a procesión, levando a cruz e o caldeiro da auga bendita. É unha figura inquietante, condenada a acompañar ás ánimas ata conseguir entregar a súa carga a outra persoa. Máis ca un castigo, semella a ponte entre dous mundos que nunca chegaron a separarse completamente.

Durante moitos anos repetíuse que a Santa Compaña era unha herdanza directa do mundo celta. Hoxe sabemos que a realidade é bastante máis complexa. O profesor Fernando Alonso Romero xa advertía da necesidade de ser prudentes. Na tradición mestúranse antigas crenzas sobre os mortos, a relixiosidade medieval, o culto ás ánimas e séculos de transmisión oral que foron modelando un dos símbolos máis poderosos da cultura galega.

E Galicia non está soa. Asturias conserva a Güestia, Portugal fala da Procissão das Almas e na Bretaña francesa atopamos a figura do Ankou. Son expresións diferentes dun mesmo sentimento: a idea de que os mortos seguen compartindo o camiño cos vivos.

Volvendo á lembranza da miña nai, nunca souben quen podía pronunciar aquela cantiga nas noites de Quintela de Leirado. Existen interpretacións populares que contan que, nalgunhas ocasións, persoas obrigadas a transitar de noite —entre elas contrabandistas— podían aproveitar o respecto e o temor que inspiraba a Santa Compaña para evitar seren molestados. Quizais fose así. Ou quizais non. O certo é que esa explicación importa menos ca o feito de que aquelas palabras quedaron gravadas para sempre na memoria dunha nena.

E iso é, probablemente, o máis extraordinario da Santa Compaña. Non importa tanto se alguén chegou a vela. O importante é que conseguiu permanecer viva na memoria dun pobo durante séculos. Porque hai tradicións que non sobreviven por seren certas ou falsas, senón porque expresan unha forma de entender a vida.

Mentres alguén lembre unha historia contada ao pé da lareira, unha campá rompendo o silencio da noite ou aquela voz que dicía «Pecador que estás dormido en tu cama descansando, acuérdate de las almas que por ti están penando», a Santa Compaña seguirá facendo o seu camiño. Non polas corredoiras envoltas na néboa, senón pola memoria colectiva de Galicia, ese lugar onde os vivos e os mortos nunca deixaron de camiñar xuntos.




Comentarios

Publicacións populares