DA MAN DE LEUCOÍÑA
Mateo Fontán Couto
Ás veces a música vai máis alá de escoitar, nótase no ambiente. Este 23 de marzo, Pontevedra asistiu a unha desas veladas que se
lembran, cando se estreou mundialmente Leucoíña. O canto das augas,
a cantata de Brais González, interpretada pola Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e pola Orquestra Sinfónica de Pontevedra. Todo parecía disposto
para que o imaxinario da ría se misturase co son: a dirección, a
interpretación, a palabra e mesmo o silencio convertéronse en aliados dun relato
que é ao mesmo tempo mítico e íntimo.
A obra, cun libreto que en ocasións se deixa levar
polo mel das palabras, mestura o idioma secreto das sereas coa narración en
galego da nosa mitoloxía. Leucoíña,
a serea protagonista, convértese en eixo e luz da historia, acompañada por Lontra, unha londra que introduce unha dinámica de
ficción trepidante e sempre respectuosa co pulso poético da cantata. Brais
González cede todo o protagonismo á serea, afastándose do mito fundacional de
Pontevedra, cando esta namora a Teucro, e crea unha voz que é ao mesmo tempo
eterna e fresca, lembranza e invención.
As escenas vanse abrindo coma pétalos: "A ría canta", “Aldeáns”, “Nálua” ou "Memoria de auga e pedra", títulos que máis que anunciar un episodio, abren unha sensación, unha experiencia. Pontevedra non asistiu a un concerto, asistiu a si mesma, a un espello no que se recoñece na auga, nos seus mitos, na súa lingua e nunha forma de vivir que é tan propia como invisible. Cada acorde e cada palabra parecían soster o peso da cidade, e ao mesmo tempo liberala. Mágoa que non fose publicado o libreto e repartido aos asistentes, a ocasión ben o merecía.
A Polifónica cantou baixo o bo facer de sempre da súa directora Nanette Sánchez Ordaz —mestra, por certo, de Brais González—, guiando o coro cunha sensibilidade e
precisión que fixeron de cada pasaxe un organismo vivo, cheo de densidade e
matiz. Mentres, Brais González dirixía dende o
seu piano aos membros da Orquestra Sinfónica de Pontevedra,
ofrecendo unha proposta de grande riqueza expresiva e emocional. A soprano Pilar
Baamonde reflictiu luz particular, completando unha
interpretación meritoria. A actuación resultou extraordinaria, mais tamén o espectáculo visual: o
grafismo e as ilustracións proxectadas eran xeniais, e xunto á excelente locución, engadían unha dimensión poética que
completaba a experiencia sensorial cun lene lirismo.
Mais por riba de todo houbo uns protagonistas persistentes, case sagrados: Pontevedra e a Ría.
Non un escenario, non un decorado, senón unha cidade que entende a música como
algo propio, que a recibe e a devolve con recoñecemento. Con serenidade e
autoridade moral, coa súa dimensión humana elevada a forma de arte social,
Pontevedra foi este día 23, máis que un público, unha compañeira da cantata, cómplice do
soño que se cantou.
Leucoíña é un fío que une o mito e a ría, a
memoria e a emoción, a cidade e a música. É un recordo de que unha noite pode
ser histórica non polo lume do espectáculo..., si pola intensidade coa que unha
cidade se atopa a sí mesma. E así, entre o brillo das luces, o suspirar dos ventos e cordas, o latir da percusión e o canto do coro, Pontevedra mirouse no espello da súa propia beleza e
sorriu en silencio, recoñecéndose, lembrando que a cultura non é un adorno,
senón a esencia dunha maneira de estar no mundo.
![]() |
| Imaxe sacada de https://www.facebook.com/PolifonicaPontevedra |




Comentarios
Publicar un comentario