UN CAFÉ, UN LIBRO, UNHA ESCAVACIÓN: LEMBRANDO A PACHO
Mateo Fontán Couto
![]() |
De colaborador no xacemento da Lanzada / CSIC. |
Coa nova do pasamento de José Carlos Pascual Vázquez, coñecido por todos como "Pacho", vaise unha presenza discreta pero fonda, un deses homes que deixan pegada sen levantar a voz. Foi un dos asistentes fieis á entrañable tertulia que tiña lugar no café Milano dos Mares, antigo Cosmos, onde compartía conversas e risas con amigos ligados ao Museo de Pontevedra, especialistas en antropoloxía e arqueoloxía, fotógrafos e outros compañeiros reunidos naquel espazo de encontros onde a súa figura era xa parte do mobiliario emocional do lugar. No pouco que tiven a sorte de tratalo, sempre me impresionou o seu humor agudo, a súa intelixencia tranquila e esa amabilidade serena dos que non precisan demostrar nada.
De profesión foi mariño mercante, xefe de máquinas na antiga Transmediterránea, e por vocación, amante apaixonado da historia e da arqueoloxía. Os seus coñecementos neses eidos eran fondos e precisos, tanto era así que moitos dos que nos dedicamos profesionalmente a estas disciplinas ben poderiamos envexar a súa sabedoría nacida da experiencia e da curiosidade auténtica.
Foi autor de dous libros que saíron do corazón e da paixón pola historia. O primeiro, aló polo 2009, levaba por título Pontevedra y la invasión francesa de 1809. Aquel foi un traballo no que deixou ben claro o seu dominio do tema, contado con ese xeito tan seu que engancha e fai pensar. Un libro que paga a pena descubrir —ou volver abrir—, porque segue tan vivo coma o primeiro día.
O segundo viu a luz no 2018: El Colegio del Sagrado Corazón de Placeres: 1918-1974. Nel, Pacho recolleu anos de pescudas e lembranzas arredor do tempo no que aquel colexio era internado. Foi unha obra feita con mimo, autofinanciada polos exalumnos —na súa maior parte mulleres— que quixeron deixar constancia da súa historia.
Pero Pacho non só era home de libros. No mundo da arqueoloxía tamén deixou un rastro duradeiro. Formou parte do Grupo de Arqueoloxía "Alfredo García Alén", un colectivo que puxo luz sobre o pasado máis antigo da nosa terra. No volume Traballos de Arqueoloxía II, encargouse do capítulo adicado aos castros da provincia, tema que tamén levou ao Diario de Pontevedra. Sería bonito agora recoller outros textos seus, espallados por xornais, programas ou folletos, que quizais aínda andan agochados agardando por quen os volva ler.
É posible que tamén dera algunha charla ou conferencia, quen sabe... seguramente compartiu saberes en actos do propio grupo arqueolóxico, ou mesmo noutras ocasións, falando con paixón dalgún deses temas que lle acendían os ollos.
Na revista desaparecida Pontenova, número 11, escribiu sobre a política de publicacións do seu querido grupo de arqueoloxía, repasando actividades e traballos con ese estilo seu tan claro coma fondamente respectuoso. E xunto a Emilio Moledo asinou un artigo no número 36 de El Museo de Pontevedra, titulado «Nuevos materiales procedentes del Castro a Subidá (Marín)».
Ademais, Pacho puxo as mans na terra en máis dunha trintena de escavacións, nuns cantos lugares máxicos como A Subidá, Lavapés, Santa Trega, Xidoiro Areoso, Torroso ou A Lanzada. Porque para el, escavar era tamén un xeito de escoitar os segredos da nosa historia.
Pacho foi, en definitiva, un home íntegro, culto e entrañable. O seu recordo permanecerá vivo non só nas memorias compartidas dos que o coñeceron, senón tamén nesas conversas que seguramente continúan noutro lugar, alén deste mundo, cun café por diante e moitas historias por contar.
Descanse en paz.
Fermosa lembranza. Parabéns Mateo
ResponderEliminarMoitas grazas
ResponderEliminar