ARQUÍMEDES ARTAL: A PACIENCIA DO TEMPO EN IMAXES

Mateo Fontán Couto



Dende o 15 de agosto ata o 31 do mesmo mes pódese desfrutar da mostra de Arquímedes Artal, na Sala de Exposicións do Palacete das Mendoza, de suxestivo título «Paciencia: óleo sobre lienzo». Unha boa oportunidade para achegarse á obra dun dos pintores máis persoais e evocadores da súa xeración.

Arquímedes Artal (Zaragoza, 1968) naceu nunha familia de pintores e trasladouse a Vigo en 1976; destacou dende neno por un talento precoz que lle valeu numerosos recoñecementos en artes plásticas. Formouse nas Facultades de Belas Artes de Salamanca e Sevilla, obtendo sempre as máximas cualificacións, consolidando unha carreira académica brillante e cultivando un rigor técnico que permea toda a súa obra. A súa primeira grande exposición celebrouse en Madrid no 1989, e dende entón as súas pezas mostráronse en cidades de España e do estranxeiro, como Londres, deixando constancia dunha linguaxe pictórica propia, universal e atemporal. Paralelamente, profundou na música en conservatorios de Vigo, Salamanca e Sevilla, especializándose en instrumentos históricos; esta sensibilidade musical reflíctese na pintura, onde cada composición parece resoar como unha partitura visual.

A obra de Artal fusiona realismo e romanticismo, transformando o cotián e o antigo en imaxes de evocación poética, cun hiperrealismo que parece máxico e, ao mesmo tempo, reflexivo. Os cadros transmiten o paso do tempo no verde das pedras, nunhas escaleiras gastadas ou na follaxe que renxe murcha e morta sobre o chan. Muros e vestixios arqueolóxicos, reminiscencias de edificios da cultura clásica e estatuas de pedra gris, interiores maxestosos ou humildes bodegóns acadan unha monumentalidade serena que invita á contemplación. Unha fonte solitaria, das que teñen un botón no chan para beber, pode aparecer de súpeto, cargando a escena de intimidade e misterio. Os retratos, de precisión insólita, funcionan como espellos que capturan a esencia do suxeito, mentres que as naturezas mortas parecen respirar baixo o paso do tempo.


Dous cadros exentos forman a obra Bispo


As paisaxes e escenas que todos podemos ver transfórmanse baixo a ollada de Arquímedes nunha plástica persoal, cunha atmosfera fría e outonal, onde se percibe certa melancolía. A obra amosa un historicismo mistérico, no que se entrelazan arquitectura antiga e elementos da vida cotiá, ás veces modernos, como un detalle que rompe a composición dominada polo clásico —por exemplo unha fiestra vermella en Esperando a Godot—. O uso da cor e dos volumes compartimentados dá estrutura aos seus cadros, que poden ser exentos —como os dous do bispo— confrontándose entre si pero buscando ao mesmo tempo unha finalidade unitaria, técnica e harmoniosa dende diferentes ángulos.

A obra de Arquímedes Artal aliméntase dunha rede de influencias diversas que dialogan na súa pintura. No técnico, a súa formación e o contacto con Antonio López García vincúlano á tradición do hiperrealismo español, onde a paciencia, a minuciosidade e a luz convértense en protagonistas. Tamén resoan no seu traballo os ecos do hiperrealismo internacional dos anos sesenta e setenta, coa súa aspiración de levar a fidelidade fotográfica ao terreo artístico.

Mais alén do técnico, en Artal latexa unha profunda atracción pola Antigüidade clásica. As esculturas gregas e romanas que poboan os seus lenzos non son simples motivos estéticos: funcionan como símbolos do paso do tempo e como vestixios da memoria colectiva, inseridos en escenarios actuais que os resignifican. Esa tensión entre o antigo e o contemporáneo conecta a Artal con artistas como Paul Delvaux ou René Magritte. Delvaux, ao incorporar elementos e edificios clásicos en escenas misteriosas, e Magritte, ao descontextualizar obxectos cotiáns para xerar estrañamento, anticipan unha linguaxe visual que Artal retoma dende o rigor hiperrealista. No seu caso, as figuras do pasado irrompen en paisaxes urbanos ou naturais do presente, xerando un clima de estrañeza e contemplación que une o onírico e o tanxible.

A súa pintura sitúase, así, entre a fidelidade óptica e a evocación poética. Con raíces familiares na pintura, impregnado pola luz atlántica de Galicia e atento ao diálogo entre memoria e historia, Arquímedes Artal consegue que cada lenzo se converta nun espazo de encontro onde o espectador debe exercitar, como suxire o título da mostra, a paciencia: paciencia para pintar, paciencia para mirar, paciencia para comprender que a arte pode tender pontes entre tempos e mundos distintos.

A influencia musical maniféstase na composición das súas obras, comparables a partituras visuais nas que cada trazo e cada cor teñen ritmo e melodía, conferindo unha cualidade sinestésica que involucra o espectador máis aló do visual. Cada lenzo convida a unha reflexión sobre a identidade, o tempo, a memoria e a relación do ser humano co seu contorno, establecendo un ponte entre o visible e o invisible, entre o mundo exterior e as paisaxes da alma.

Arquímedes Artal logra conxugar rigor técnico, sensibilidade poética e musicalidade visual; as súas obras trascenden a mera representación para se converteren en espazos de introspección, exploración da memoria e diálogo coa fugacidade da existencia. Percíbese unha forza evocadora que sorprende, conmove e permanece na memoria do espectador, transformando a pintura en experiencia, emoción e reflexión profunda e paciente no tempo.


Esperando a Godot


Comentarios

Publicacións populares