VIGO, A CIDADE DO NADAL
Mateo Fontán Couto
É de
dominio público que nos últimos anos Vigo converteuse na cidade onde, como din,
habita o Nadal. Isto débese, na súa meirande parte, ao pulo que o actual
alcalde Abel Caballero deu a estas festas, cunha espectacularización das mesmas
encarnada nos milleiros de luces LED que toman a urbe olívica, nos adobíos e o
ambiente creado para a ocasión. Unha aposta, un show, un fenómeno sociolóxico, unha
actitude ao cabo que os cidadáns asumen como propia dando lugar a unha das facianas
máis características do Vigo actual, compartida con entusiastas foráneos. No
entanto, cabe preguntarse se a tradición do Nadal realmente é algo tan intrínseco
a esta cidade galega, algo que vén de lonxe, de antigo. Isto é ao que se
procura dar resposta no libro Vigo y la
Navidad. Del blanco y negro al color, de Ceferino de Blas.
A nova
obra do Cronista Oficial de Vigo parece nacer, pois, ante a necesidade de avalar
a febre que nestas datas invade á poboación e, xa de paso, encher un baleiro
bibliográfico na historia local, analizando a transformación e evolución desta festa. O libro chega co Faro de Vigo que o edita e pono no mercado, tendo o seu autor unha
coñecida relación con este xornal do que foi seu director e co que colabora dende
hai anos historiando multitude de aspectos sobre Vigo en artigos de divulgación
e libros.
O
volume componse de cinco capítulos, case chegando ás duascentas páxinas. De
capa dura e con numerosas fotos presenta unha xeitosa edición, máis aínda tendo
en conta o alcanzable do seu prezo. Actúa como fonte principal para o autor o
propio Faro de Vigo e a hemeroteca xeral,
aínda que tamén se citan algunhas obras que axudaron a conformar o texto.
Tras
unhas páxinas introdutorias, o primeiro que se abrangue no libro son as pegadas
máis remotas da tradición do Nadal en Vigo. Neste senso fálase de pezas
artísticas como o tímpano da colexiata (o actual é unha réplica pois o orixinal
atópase no Museo de Pontevedra) ou do mural na igrexa románica de Castrelos,
ambas as dúas mostras representando o episodio da Epifanía, ou sexa, o pasaxe da
adoración dos Reis Magos. Do mesmo xeito repárase noutra serie de obras tales como
nacementos, tallas, ou mesmo a táboa flamenga, da autoría de Van der Goes, reproducindo
a Adoración dos Reis e procedente da capela do Colexio do Cardeal, en Monforte,
sendo vendida en Vigo a un museo berlinés en 1913.
Con respecto
ao tímpano da colexiata de Vigo o autor insiste moito ao longo do libro de que é
proba da importancia desta festa e da celebración dos Reis dende tempos
inmemoriais. Coido que isto non ten porque ser así, xa que logo ocórreseme que
unha cidade como Compostela tan cargada de Epifanías no seus templos tería, neste
sentido, máis tradición de Nadal.
Continúan as páxinas do libro indagando no Nadal vigués do século XIX, concretizando en tradicións como a Misa do Galo, as vivencias na Noiteboa ou o carácter solidario, propio destas datas, levado cara adiante por asociacións e a cidadanía.
Ceferino de Blas toca varios episodios curiosos, rescatados na prensa, que lle axudan a dotar de unidade ao conxunto da obra. Así, constatamos a primeira ilustración de Nadal no Faro de Vigo, por certo obra de Carlos Sobrino, en 1903; o primeiro anuncio relacionado con esta festa nun xornal; a primeira cabalgata de Reis, en 1929; a chegada co Colexio Alemán de Papa Noel en torno aos anos trinta, ou da árbore de Nadal cara a 1900, normalizándose a partir de 1913 e xa estando plenamente integrado nos anos sesenta da pasada centuria.
Outros varios aspectos moi vinculados co Nadal tales como a gastronomía, a lotería, a lírica ou a música son analizados dende a súa relación coa cidade. Xa cara ao final abórdase o enorme auxe nos últimos tempos desta celebración en Vigo, erixíndose en marca local e no grande acontecemento anual xunto coa procesión do Cristo da Vitoria e a Festa da Reconquista.
Aínda que neste libro xustifícase a tradición e amor polo Nadal en Vigo, por momentos tiven a sensación que algúns argumentos poderíanse trasladar a outra poboación. Existe certa inconsistencia no discurso que atopa na celebración actual a escusa deste traballo, por outro lado interesante e pioneiro na súa realización. Unha achega valiosa e imprescindible na biblioteca dos amantes da historia local viguesa que abre camiño a posteriores estudos sobre esta festa en Galicia, xa que ata o de agora tiñamos aquel Nadal en Galicia de Carmiña Piñeiro e José Caamaño, e case nada máis.
Comentarios
Publicar un comentario