MÁIS CASTELAO

Mateo Fontán Couto

Que Castelao sempre suscitou interese no eido da investigación é un feito. O poliédrico personaxe representa un símbolo nacional para os galegos e as galegas, e atrae moreas de achegas á súa figura, unha das máis sobranceiras da Galicia contemporánea. Que nos últimos anos as pescudas sobre Castelao incrementaron de forma exponencial é outro feito evidente. Os diversos campos e ópticas dende as que nos podemos achegar á vida e obra do líder galeguista carrexan un nutrido número de publicacións arredor dese eixo chamado Castelao. Vai ben como exemplo a monumental obra Castelao. Construtor da nación, de Miguel Anxo Seixas Seoane, unha triloxía pormenorizada sobre canto fixo o de Rianxo case que no seu día a día. Mais existen  outros varios modelos de obras recentes que enchen o universo Castelao: Castelao e os vascos, de Iñaqui Anasagasti Olabeaga; Castelao alén mar, de Roberto Taboada e Lino J. Pazos; Castelao: plástica e pensamento, de Xesús Andrés, etcétera.  

O pasado 12 de novembro no marco da Fundación Cuña-Casasbellas, en Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez recibiu o “Premio Pedra do destino” 2022. Foi Felipe Senén, presidente do colectivo Amigos dos Museos de Galicia, o encargado de lle entregar o diploma esgrimindo razóns como a defensa e divulgación do patrimonio galego por parte do galardoado así como a súa traxectoria ao fronte do Museo de Pontevedra, o gran museo de Galicia.

O devandito premio conlevou a edición dun libro do laureado. É aquí onde retomamos o fío de Castelao, pois Valle Pérez decidiu dedicar esta publicación á obra de Castelao no Museo de Pontevedra. Contra o que poida parecer non se trata dun traballo que analice a obra artística albergada na institución museística. Nese senso existen xa algunhas publicacións como por exemplo a de José Manuel Castaño co recente libro, de case homónimo título, Castelao no Museo de Pontevedra que inaugurou a serie “Esenciais”, promovida polo centro.

Carlos Valle, director que foi do centro cultural dende 1987 até 2018, trata neste texto do que poderiamos chamar a intrahistoria do legado que Castelao, por vontade propia, quixo deixar ao seu benquerido Museo.

O libro dá visibilidade ao proceso de busca, rescate ou exposición da obra de Castelao. Así, xorden escenas como a de Virxinia Pereira, viúva do intelectual, dando cumprida conta da manda do seu home. Tamén as irmáns de Castelao, Teresa e Josefina Rodríguez, xogan o seu papel neste proceso ao longo dos anos facendo valer os seus dereitos sobre a obra. Asistimos á descuberta dos orixinais do álbum Nós no medio da preparación dunha mostra sobre o escritor, artista e político; introdúcesenos na musealización deste legado de Castelao tanto nos vellos edificios coma no máis recente que precisamente leva o nome de Edificio Castelao e que conta, caso excepcional, con dúas salas dedicadas a el.

Deste xeito o libro de Carlos Valle proponnos unha visión dende a angueira e o traballo levado a cabo por unha institución encargada de velar polo noso patrimonio. Trátase dun testemuño de primeira man que achega o Museo ao lector. O voluminoso corpo de notas finais que acompañan ao texto, característica habitual do autor, focalizan os detalles e dotan de cientificidade á proposta temática.

Este título súmase ao copioso número de obras que sobre Castelao xa existen. Unha  achega, aínda que con certos antecedentes, nova sobre o centro que conserva a meirande  parte do legado deste persoeiro. Unha pedra máis na “castelaoloxía” reinante nos nosos días. E que así siga a cousa, máis Castelao!


Capa do libro (Foto: M.F.C.)

 

O acto celebrouse na Fundación Cuña-Casasbellas (Foto: M.F.C.)


Comentarios

Publicacións populares