Anecdotario do cemiterio de Santo Amaro
Mateo Fontán Couto
Neste
Día dos Fieis Defuntos os nosos camposantos énchense de visitantes, adquirindo
un especial protagonismo. Amais da sentida lembranza polos que xa non están con
nós, a conmemoración resulta acaída para percorrermos con tranquilidade estes
lugares de memoria cargados de patrimonio artístico. Emporiso, os cemiterios
tamén albergan detalles menos coñecidos e curiosos episodios que enriquecen a
súa historia e amenizan as visitas, tan en auxe nestes tempos co necroturismo.
O
cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra non escapa a estes pormenores, e son
varias as curiosidades que reflicte a súa arte funeraria. Poderiamos advertir a
primeira na mesma porta principal, onde no enreixado do seu arco central lemos
o ano 1879 como testemuño da construción do recinto; porén non sería até o 29
de setembro de 1882 cando o sacerdote Antonio Loimil Rodríguez bendicirá o novo
cemiterio, permitíndose realizar soterramentos a partir do día primeiro de
outubro dese mesmo ano.
![]() |
Entrada do cemiterio (Foto: Mateo Fontán) |
Xa dentro, e tras repararmos nun baldaquino que hoxe
ampara unha tumba da familia Malvar, visitamos o panteón onde descansa
Francisco Javier Sánchez Cantón, na rúa A do cemiterio. Destaca unha pequena
escultura en pedra representando a san Francisco que moi probablemente proceda
da desaparecida capela “dos Santos”, en Mollabao.
Na
sepultura de Manuel Quiroga atopámonos cun busto do virtuoso violinista que
imita ao que vemos no seu excelente monumento en Pontevedra, obra de Asorey.
Non obstante, pese ao que se diga e repita, a copia resulta evidente que non
saíu das mans do afamado escultor cambadés, entre outros motivos pola feitura
da mesma.
(Fotos: Mateo Fontán) |
Continuando
co noso anecdótico paseo chegamos ao fermoso panteón de Ramiro Trapote e
familia, cuxo cerramento imita á reixa que se pode apreciar na coñecida casona
de “Villa Pilar”, da que fora propietario.
Máis
coñecido é o dato concernente á capela de San Mamede sita no cemiterio. Esta
fora trasladada dende o lugar de Moldes por mandato do alcalde Filgueira
Valverde quen decidiu colocala coa cabeceira cara ao poñente, é dicir ao
contrario da preceptiva católica. Isto foi debido, ao parecer, a que o edificio
está destinado a acoller actos de tódalas relixións; a capela foi inaugurada
precisamente un Día de Defuntos de 1966.
![]() |
Capela do cemiterio (Foto: Mateo Fontán) |
Acorde á concepción do cemiterio como sitio lúgubre e onde suceden cousas estrañas é un macabro episodio de 1895 cando apareceu un corpo de neno recentemente nado coa cabeza separada do tronco. En novembro de 1897 o Eco de Galicia recolleu unha noticia segundo a cal un grupo de rapaces atoparon nunha fosa sen cubrir unha especie de saco manchado de sangue. Avisado o sepultureiro sacou o que resultou ser unha funda de almofada que contiña un pé aínda sangrante, un fémur poeirento e mais unha caveira canina. Pouco tempo despois o mesmo xornal brindaba a solución do misterio publicando que o pé fora botado alí por un mozo do hospital cando o sepultureiro estaba ausente. O referido pé fora amputado o día anterior polo médico Sr. Cobián Areal. Remata a noticia informándonos que o alcalde reprendeu ao mozo e mais ao sepultureiro.
E deste xeito poderiamos seguir
paseando polas páxinas da historia
curiosa do cemiterio pontevedrés que se municipaliza coa Segunda República en
1931. Xustamente entre as peculiaridades do camposanto está, ou estaba, a dun
gato ao que se lle achacan tendencias republicanas, pois non abandona a parte
civil da necrópole e gusta de tomar o sol ou a sombra nas tumbas de destacados
militantes como Celestino Poza Pastrana que de seguro volverá lucir flores coas
cores da outrora bandeira.
![]() | |
|
Comentarios
Publicar un comentario