UNHA NOITE NA EIRA DO TRIGO...

Mateo Fontán Couto

Hai uns meses, coido que a finais de maio, intereseime por unha noticia na Voz de Galicia na que se dicía que unha tese doutoral en musicoloxía, realizada pola ribeirense Estibaliz Santamaría, afirmaba que Curros Enríquez apropiouse da cantiga "Unha noite na eira do trigo". Parece ser que o traballo pretende demostrar que a composición era unha canción popular, do pobo, e anterior á súa suposta creación polo poeta en 1869 e posterior publicación en Aires dá miña terra, no 1880. A investigación levou a esta estudante a Cuba onde comprobou que a canción galega era moi coñecida xa no século XIX e mesmo en Florida observou a uns músicos cubanos tocando esta peza, que chamaban “La Galleguita”, a ritmo de chachachá. A tese, calificada con sobresainte, está aí para calquera interesado e o tempo dará ou quitará razóns.

Portada de Aires da miña terra


O caso é que isto lembroume que a primeira vez que topei con esta cantiga non foi lendo a Curros; sería na versión cinematográfica de 1959 de La Casa de la Troya, dirixida por Rafael Gil, e que meus pais tiñan gravada en cinta VHS. Vin a película mil veces antes de ler o libro de Lugín. Na escena a actriz Ana Esmeralda interpreta a peza docemente e ao piano. Nela a estrofa varía lixeiramente e o “unha noite na eira do trigo” muda a “no xardín unha noite sentada”. 

As versións deste tema serían case infindas ao longo do tempo (Los Tamara, Rosa Cedrón, Luis Dapena, Pucho Boedo, Ana Quiro, distintos coros e orfeóns, etc.). Conservo o VHS e deume por buscar a cantiga na voz de Esmeralda, no Youtube vén o corte mais interrómpese cara ao final.



Cartel da película La Casa de la Troya (1959)




Comentarios

Publicacións populares