DOS PASTORES E OS SEUS RABAÑOS

Respecto da actual polémica en relación coa supresión dos cadaleitos na procesión de Santa Marta de Ribarteme realizamos as seguintes reflexións:

 

1. Cando unha institución leva tanto tempo nun territorio a identidade de quen o habita enlázase intimamente a ela. Isto inclúe ás súas formas de autoidentificarse, aos seus símbolos comunitarios e os modos en que se consideran a si mesmos.

De tal modo moitos actos agora tradicionais que xurdiron cunha pura e exclusiva natureza pasan a ter varias. No caso que nos ocupa falamos dunha procesión que é á vez un acto litúrxico (todas o son) e un feito identitario integrante do patrimonio inmaterial de Galicia.

Quen administra entón este tipo de realidades non poden actuar coma se devanditos actos tivesen unha soa connotación.

Opinamos que só debería ser causa de supresión dunha tradición que administre a Igrexa o ser contraria á doutrina ou ao dogma, e isto non sucede frecuentemente.

 

2. Non discutimos aquí a desviación que a presenza dos cadaleitos poida causar no fin litúrxico último da procesión, senón a forma de actuar da Igrexa, agora que pasou a considerala nociva (e dicimos “pasou a”, debido a que ata este momento parece ser que todo estaba en orde, tendo en conta que os anteriores curas non se opuxeron ás cousas tal e como se estaban desenvolvendo, ou polo menos non o fixeron publicamente).

Concorre ademais que noutras partes de Galicia persiste este costume, coma na procesión do Nazareno da Pobra do Caramiñal ou, aínda que con menor intensidade hoxe en día, nas romarías do Cristo de Xende ou dos Milagres de Amil.

Calquera nova consideración ou reflexión da Igrexa debería ser explicada con profundidade e tempo, e caberían en todo caso outras actitudes para a modificación, como fomentar nos ofrecidos outra forma de facer efectivo os seus sentimento e devoción, pero xamais mediante a chaira e ferinte imposición.


3. Chegados a ese punto moitas veces quen temos interese no mantemento da identidade e as tradicións só temos unha opción: esperar. Esperar pacientemente a que o señor cura sexa trasladado ou faleza. A iso tristemente conducen estas actitudes: a agardar a que unha persoa desapareza e a súa obra se vaia xunto con ela.

E isto ademais fainos preguntarnos acerca do fundamental desta situación: que confianza pode transmitir unha institución que se conduce deste xeito? Como podemos traballar durante anos para manter ou recuperar tradicións se non nos ampara ningunha seguridade de que en calquera momento xurdirá un ministro da Igrexa que tire por terra todo o feito? Como é posible que a interpretación particular dunha persoa adquira un rango decisorio sobre a identidade das comunidades?

Isto é o verdadeiramente lamentable e perigoso, a fonte do desasosego, o que dana a credibilidade da Igrexa e a suma dunha nova causa para que o fin último da Igrexa (o anuncio do Evanxeo) retroceda.

Así pois procede non tanto interpelar a este párroco de xa triste memoria acerca da súa concepción ditatorial e autocrática do mundo e da fe, senón sinalar aos seus superiores xerárquicos, con especial incidencia no seu bispo (pero non só), acerca de que seriedade e coherencia xacen tras semellante forma de actuar.

Urxe que a Igrexa reflexione sobre esta cuestión de fondo. Este tema ten un transfondo lamentable e totalmente rexeitable. As formas foron desastrosas, a forma de implantación irrespectuosa e a incoherencia transmitida daniña para o fin da institución.

Animamos desde aquí aos veciños de Ribarteme a loitar polo propio, polo que ven no espello cada día, e a lembrar con esperanza unha verdade: os pastores pasan, os rabaños permanecen.

Asinado:

José Luis Arellano Guiance.

Mateo Fontán Couto.

Luciano Otero Álvarez.

Publicado en Pontevedraviva.com o 03/08/2022

Fonte: http://santamartaderibarteme.org/

Fonte: http://santamartaderibarteme.org/


Comentarios

Publicacións populares