FILGUEIRA VALVERDE EN NÓS

Mateo Fontán Couto

Deixamos atrás a efeméride do centenario da nacenza da revista Nós. Tendo en conta o complicado do annus horribilis vivido por todos diría que a repercusión, vertida nos actos e homenaxes así como nas publicacións e mostras arredor do destacado acontecemento, estivo á altura do desexado. Unha das últimas iniciativas levada adiante foi a dixitalización da senlleira revista nunha web propia, dotada de interesantes recursos, dentro do portal Galiciana. O gran tesouro cultural acumulado nas páxinas de Nós ofrécesenos agora de modo moi accesible a través de calquera dos 144 números ou mediante a procura concreta  dalgún dos seus moitos  colaboradores.

Un dos máis destacados destes cooperantes foi o pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) tanto pola cantidade de colaboracións coma pola súa valía. Apenas cumpridos os vinte anos de idade aporta o seu primeiro traballo para a revista, en 1925. A periodicidade coa que seguirá a contribuír é anual até o ano 1932 no que se recolle a súa derradeira achega; o mozo Filgueira participa xa con bitola de sabio poliédrico. Ninguén discute que a figura do profesor foi das máis sobranceiras da cultura galega do século XX, e enorme é o seu legado. 

Retrato de Filgueira Valverde

Queremos lembrar
, procurando un xeito sintético, as colaboracións que Filgueira Valverde deixou rexistradas en Nós. Xa anotamos que o primeiro artigo data de 1925, incorporado no nº21 da revista e tendo a súa continuación no nº22; o tema sobre o que versaría foi a lenda de San Ero de Armenteira, escrito que como el mesmo especifica sairía dun traballo para o Seminario de Estudos Galegos realizado en 1924. A fermosa lenda do frade e a paxariña, recollida nas Cantigas de Santa María de Afonso X, sería o eixo vertebrador da súa celebrada tese de doutoramento e tema recorrente ao longo da súa dilatada obra. Un aceno de identidade que acabaría por se plasmar no ex libris que Castelao fixo para el. Como curiosidades poderiamos anotar o friso de criaturas con gusto de bestiario medieval que vai na parte superior da primeira páxina, así como a cabeceira do texto consistente nunha man empuñando a Cruz de Santiago a xeito de espada. Ambos debuxos son obra de Castelao e repetiríanse, ao igual ca outros, nos diferentes números da revista; mesmo o da espada sería elixido para a capa do nº6. No remate da primeira parte do artigo topámonos co anuncio da impresión de Os nenos, unha colección de contos do propio Filgueira que publicaría a editorial Lar.

Debuxo de Castelao 

Baixo o título de «A Lénda d´Armenteira: (notas de folk-lore)» Filgueira volve sobre esta lenda tratando desta vez o tema das súas derivacións. O texto foi sacado dunha conferencia no SEG, no Nadal de 1925. Nós o publica no 1926 en dúas partes distribuídas nos números 25 e 26 da revista. Desta volta encabeza o texto o devandito friso e o icónico debuxo de Castelao consistente nun dolmen sobre o que se atopa unha estrela refulxente.

No nº31 (1926) desta publicación aparece o relato curto titulado «Paspallás», no cal Filgueira aventúrase na escrita creativa. O pequeno conto reflicte o bo facer do autor no manexo da descrita e o pulso narrativo xogando coas figuras dunha ave, unha avoa e o narrador protagonista. O conto tomaría parte no libro Quintana viva do que Filgueira iría presentando varios estratos mediante a plataforma da revista Nós.

Xa no 1927 este autor dará a coñecer un artigo, nos números 37 e 38, acerca da paisaxe no Cancioneiro da Vaticana. O texto sairía do traballo anual presentado ao SEG para o ano 1925-1926; varios membros do Seminario adoitaban presentar as súas pescudas anuais, ou parte delas, nas páxinas de Nós que, sabemos, gustaba de se facer eco das investigacións de tema galego. Neste estudo de Filgueira, introducido con friso de redeiros, letra capital e dedicado a Otero Pedrayo, a intención é dar a coñecer o valor dos cancioneiros como fontes históricas na procura de determinados eidos. Filgueira desagrega en varios apartados as paisaxes presentes no Cancioneiro da Vaticana: o soutelo; as árbores e flores; os prados; as aves; as fontes e os cervos; o pintoresco; o témero; o laquismo e, remata a exposición, co mar nos versos de Chariño, Martín Codax, Xohan Zorra e Mendiño. Novamente Filgueira móstrase como un dos meirandes entendidos do seu tempo no estudo da lírica galaico portuguesa.

A seguinte colaboración de Filgueira Valverde en Nós foi no nº44, de novo en 1927. Desta volta volverá ofrecernos textos de creación literaria en forma de tres contos que tomarán parte na futura obra Quintana viva, no capítulo dedicado aos artistas aldeáns. Os relatos foran lidos na Festa da Prosa Galega do SEG, a saber: «Florinda a fogueteira», «O organista de Iria» e «A moza que fai frores».

No nº48, en decembro de 1927, escribe na sección «Os homes, os feitos as verbas» o texto «Ecol dos primeiros moimentos galego-portugueses»

No nº54, xa en 1928, virían tres relatos máis: «O zoqueiro de Pedre», «O perito» e «A muller do cego». Filgueira continua coas entregas do que será Quintana viva: conxunto de relatos traballados durante medio século que ofrecen as mellores páxinas do Filgueira espectador e sutil narrador dunha realidade cicelada polo seu traballado estilo. Nas dúas entregas fai aparición a ilustración dos redeiros. Nesta última e como colofón apreciamos un interesante debuxo de Castelao, o cal describimos, seguindo un traballo de Ana acuña e Vázquez Monxardín para a revista Madrygal, como un sanguiño (elemento simbólico druídico) enraizado nunha caveira (ou agarrándoa a través das poutas-raíces) e peteirado por un paxaro. Este debuxo sería portada da revista nos números 5 e 8, tamén foi frecuente a súa reprodución no interior de varias entregas así como estivo presente noutras publicacións.

O debuxo de Castelao no nº 54 de Nós

Seguindo coas colaboracións do erudito pontevedrés na revista Nós descubrimos a seguinte achega no nº62, no 1929. Foi titulada «A eirexa pre-románica de Francelos» e nela atopamos un texto dando conta da primeira misión de estudos arqueolóxicos que organizou en toda Galicia a Junta para la ampliación de estudios. Así, coa axuda do eminente arqueólogo Manuel Gómez Moreno quen foi responsable do estudo, o xove Filgueira ofrece unha cumprida noticia informativa acerca deste magnífico monumento que encadra no estilo do Asturiano avanzado. A capela foi declarada BIC en 1985 e actualmente recibe a advocación de San Xes de Francelos. O escrito vai acompañado de fotografías. A ilustración en friso das criaturas infernais resulta acaida para o contido da publicación, ao remate da mesma descubrimos unha fermosa Piedade que realizaría Castelao, director artístico da revista, e que fora portada no nº4.

Artigo sobre a igrexa de Francelos

Co texto «Unha lección de Losada Dieguez» participa no nº 71 da revista, dedicado ao intelectual galeguista falecido en 1929 e que fora profesor de Filgueira no Instituto de Pontevedra.

Para o nº75, en 1930, Filgueira publica «Duas notas». A primeira sobre a biblioteca do prelado Lago González inventariada nun catálogo; as verbas de Filgueira resultan emocionantes á hora de facer ver o necesario de conservarmos e pór en valor as boas bibliotecas: «Non podería facerse biografía mais ouxetiva que a recadada n´este Catálogo. Dispersal-os libros de un morto é mais noxento que espallar as suas cinzas». Unha boa lembranza biográfica de Lago González a publicaría Filgueira na revista Logos en 1934. A outra nota a dedica a unha concisa recensión do libro Beyond arquitecture do gran medievalista e experto no románico Kimpsley Poster.

Dúas carolas moradas encabezan o artigo «Estampas compostelanas: a Duquesa de Chevreuse en Santiago», onde Filgueira Valverde ofrece unha descrición ben documentada da viaxe e estadía que esta nobre dama fixo en Santiago de Compostela, e anteriormente en Madrid, no ano 1638. O texto reflicte a querenza do autor polos temas composteláns, dos que será referente. Foi publicado no nº79, en 1930.

Na seguinte colaboración é unha paisaxe solitaria a que encabeza o artigo, no mesmo ano de 1930, para o nº82 de Nós onde Filgueira retoma as entregas narrativas. Desta volta titula «Artistas aldeans: parábola dos catro mestres canteiros» recollendo catro historias, cun fío común, onde tres mozos de diferente profesión acaban por se facer canteiros e triunfaren no oficio. A cuarta historia rompe coa estrutura xa que o protagonista, fillo de canteiro, acada un mal final. Os contos: «O labrego», «O fogueteiro», «O carpinteiro» e «O canteiro» formarían, co tempo, o terceiro capítulo de Quintana Viva que leva por título «Obradoiro».

Unha paisaxe encabeza o artigo de Filgueira no nº 72 de Nós

Un elo máis na cadea de contribucións para a revista chega en 1931, no nº92. Supón o regreso do noso autor ás cantigas medievais, nesta ocasión ilustrando sobre as de Martín Codax. Trátase dun comentario crítico a un estudo realizado por J.J. Nunes na revista Lusitania sobre as cantigas do devandito poeta e presunto xograr. No transcurso da recensión, onde se pon en relación as cantigas de amigo coas populares e os seus paralelismos ideolóxicos, Filgueira fai gala da súa erudición sobre o tema incorporando interesantes referencias a novas publicacións como, por exemplo, o Cancioneiro da Ría de Arousa, editado por Bouza Brey nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.

A derradeira colaboración de Filguera Valverde na revista Nós asínaa en 1932. Trátase do traballo de maior extensión (28 páxinas) que presentará nesta publicación, polo que o fará en dúas quendas, nos números 103 e 104, amais de publicarse tamén en separata. O título: «Cancioneiriño de Compostela», unha escolma con anotacións de poemas composteláns. Baixo o encabezado que encerra o nome da revista escoltado por dous animais fantásticos, lemos o atinado limiar. Filgueira estrutura o traballo dedicando o primeiro capítulo a falar dos cancioneiros e ofrecendo referencia dalgúns autores destacados que cantaron a Compostela; segue coas Cantigas de Santa Maria do rei Afonso X e a súa relación coa cidade do apóstolo; o terceiro capítulo está dedicado á decadencia e o cuarto aos precursores que insuflan nova vida á urbe na linguaxe poética; o remate confórmao unha escolla de poesía popular na que Compostela é protagonista. En 1969 o noso personaxe publicaría en Edicións Castrelos o Cancioneiriño Novo de Compostela.

En total Filgueira Valverde participa de dezaoito números de Nós, catro son continuacións de artigos comezados no número anterior; a meirande parte de achegas, cinco, están relacionadas coas cantigas e a lírica medieval galaico portuguesa; catro son de creación literaria; dúas de tema Compostelán; unha sobre arte e arqueoloxía e outra adicada á bibliografía e crítica de traballos, aínda que a esta poderiamos sumar tamén a que fala sobre as cantigas de Martín Codax. O resultado é unha boa colleita de colaboracións que reflicten o saber dun home de vasta cultura, un dos protagonistas indubidables na loita do movemento cultural galeguista de comezos do século XX, e que tivo na revista Nós un dos seus mellores expoñentes.

Ilustración dos redeiros por Castelao






Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares