MALAS DECISIÓNS E NOVOS LIBROS

Mateo Fontán Couto

Xa podemos adquirir nas librarías o último traballo do investigador Leoncio Feijoo Lamas. Unha investigación histórica acerca do peirao pontevedrés do Burgo, tema este de actualidade por mor da polémica reforma producida na histórica ponte e tamén nos restos do devandito peirao.

O libro expón unha viaxe a través dos séculos para coñecer este importante molle da Boa Vila,  así como a tradición portuaria pontevedresa diminuída co paso do tempo. O lector enfróntase a nove capítulos onde, mediante unha rigorosa pescuda, poderá saber da importancia dos vestixios recentemente cubertos de formigón, nunha moi desafortunada decisión, os cales constituían a derradeira lembranza portuaria daquel tan mariñeiro barrio que fora A Moureira.

Así, mediante a documentación conservada, as fontes gráficas e unha selecta bibliografía o autor procura reconstruír o devir deste peirao, cuxo frontal resistiu á inclemencia do tempo e ás gaitadas da Administración, polo menos ata o de  agora. Feijoo Lamas, que é un gran coñecedor da historia de Pontevedra, contextualiza no primeiro capítulo á Pontevedra que miraba cara ao mar, coa súa importante actividade e infraestruturas portuarias. Nos seguintes seis capítulos abórdase a historia do peirao dende o século XVI ata o XXI. Para iso o autor vota man de documentos como poden ser o debuxo realizado por Rodríguez Moñiz en 1595 e o celebérrimo de Pier María Baldi de 1669. Pero xorden outros interesantes testemuños gráficos co pasar das páxinas como debuxos da Sociedade Arqueolóxica, esbozos, planos e variadas fotografías. Isto outorga consistencia visual ao tema do traballo; cousa non doada de conseguir ao tratarse de algo tan concreto.

P
orque aínda que concreto, o libro toca moitos aspectos de grande interese: o diferente calado da zona e a súa influencia na chegada de grandes embarcacións co paso do tempo; Mateo López posible construtor do peirao?; as diferentes reformas acaecidas na contorna; o fin do molle cara a 1960...

O
s dous capítulos finais están dedicados ás embarcacións históricas e ao patrimonio inmaterial ligado ao peirao do Burgo, apartado este último interesantísimo e claro reflexo do valor que transcende duns simples restos se neles póusase unha mirada sensible e comprometida coa salvagarda do noso patrimonio.

En definitiva estamos ante un libro que vén a enriquecer a copiosa bibliografía sobre Pontevedra en xeral e os seus recunchos, tan impregnados de historia, en particular. De temas e camiños pouco ou nada transitados tennos afeitos o autor a aventurarse, sempre é de agradecer a súa valentía. Cabe esperar, inxenuo de min?, que a súa lectura abra os ollos a quen son responsables das decisións acertadas e das que non o son tanto.

D
unha boa resolución que foi, ao meu xuízo, a peonalización da ponte deriváronse malas consecuencias. Con traballos como este de Leoncio Feijoo as páxinas da historia de Pontevedra gañan o que o noso patrimonio perdeu.



Comentarios

Publicacións populares