A PONTEVEDRA ENCALADA


Mateo Fontán Couto

O cal, expresado na fórmula CaO, é oxido de calcio obtido a partir da calcinación de rochas calcarias, tarefa desenvolta polos caleiros nas caleiras. Se ao cal engadímoslle auga desprenderá calor obtendo o cal hidratado, apagado ou hidróxido de calcio, ou sexa, Ca(OH)2.

Dende a antigüidade, o cal foi un compoñente moi importante empregado na construción e até na elaboración de alimentos. Se reparamos un intre nas grandes construcións da historia na súa feitura aparecerá o cal, así: as pirámides de Exipto, o Coliseo de Roma, a Vía Apia, construcións da Cultura maia... un dos edificios máis antigos onde se empregou o cal foi o denominado Templo Blanco da cidade de Uruk, unha das alfaias da arquitectura mesopotámica. O uso do cal continuou sendo importante até os nosos días, onde xoga un papel fundamental por exemplo como aglutinante na preparación de morteiros ou en moitas tarefas de restauración.

Hai uns meses lía no suplemento Faro de Cultura un interesante artigo de Alberte Reboreda titulado «Memoria da Galicia albeira». Neste escrito o autor daba conta do uso do cal nas construcións galegas até non hai moito tempo. Construcións descritas por viaxeiros, as cales destacaban polo seu brancor nunha imaxe que, talvez, nos pode evocar máis ás urbes e poboados do sur peninsular. Así mesmo, as normativas municipais reflectían con claridade a obriga de calear as fachadas e o interior das vivendas, perseguindo un obxectivo estético mais, sobre todo, hixiénico. Pois o PH do cal posúe un carácter bactericida e antiviral que o fixo idóneo para o saneamento e a desinfección de edificios e fogares humildes. Tras episodios pandémicos como a Gripe Española, iniciada en 1918, o caleado volve á palestra como medida obrigada na loita contra a infección.

Tamén Pontevedra mostrábase albeada a comezos do século XX. Son moitos os testemuños fotográficos e mesmo pictóricos que así nolo confirman. As rúas de barrios como o da Moureira, co seu intenso sabor mariñeiro, mostraban as humildes vivendas coas fachadas caleadas. Do mesmo xeito, templos relixiosos como as capelas do Nazareno ou a de San Xosé tamén branqueaban as paredes; aínda hoxe o simbólico santuario da Peregrina presenta cachotería calada salvo no seu fronte. Varios edificios civís do XIX eran concibidos no seu deseño para mostrar a súa fachada albeira, xa que logo o cal podía agochar os lenzos dos muros peor feitos realzando coa pedra núa as partes mellor labradas; o edificio do Concello, o Teatro Principal ou o Palacete das Mendoza serven de exemplo disto. Moitas das casonas senlleiras da cidade posuían esa pel caleada, tal era o caso  da Torre dos Montenegro ou a casa onde nacera o Xeral D. Joaquín Miranda, Conde de San Román

Prazas como a da Leña, da Verdura, do Teucro ou de Méndez Núñez; pazos como os destinados ao Museo Provincial; rúas; soportais; balconadas e outros elementos arquitectónicos tamén posuían unha aparencia alba que conxugaba coa pedra sen revestir, igualmente presente nos espazos urbanos, e os románticos xardíns pontevedreses. 

Non hai tanto Pontevedra, e o resto de vilas e cidades galegas, mostraba un urbanismo recuberto polo cal nunha imaxe que distorce a aparente eternidade que a pedra espida parecía posuír. Pois o que consideramos «de toda a vida» non sempre é  así. Para iso están as fontes, para regar a nosa memoria.



                                                                                       Soportais
 
                                                                            Casas mariñeiras da Moureira

                                                                            Praza da Verdura (Foto: Zagala, ca.1900)

 Soportais da Ferrería


Soportais na actual Praza da Estrela

                                                               Torre dos Montenegro (Foto: Zagala. 1880)
                                                                        
  Capela de San Xosé
 
                                                                                      Rúa San Guillerme

                                                Capela do Nazareno (Foto : Julio F. de los Ríos. 1922)

                                                               Praza da Leña (Foto: Ksado. 1927)

Rúa Alta  

Pazo García Flórez  (Foto: Arxiu Mas. 1919)

                                                     Rúa San Guillerme  (Fonte: José Valero Casal)  

                                                               Rúa Nova de Abaixo (Fonte: José Valero Casal)  

Casa dos Mariño de Lobeira  (Fonte: José Valero Casal)  

Antigo peirao da Moureira e aspecto actual 
  (Fonte: José Valero Casal / Jose M. Facorro Búa)  

        A Formigueira, Campillo de Santa María
         Carlos Sobrino Buhigas. 1905.



Comentarios

Publicacións populares