ÁNGEL DEL CASTILLO: UNS OLLOS ERUDITOS POSTOS NO XACEMENTO DA CIADELLA
Mateo Fontán Couto
Ángel del Castillo nun retrato realizado polo pintor Sotomayor
T ras a Guerra Civil o silencio envolve ao xacemento, del
Castillo acusa o seu republicanismo e tan só dispoñemos de dúas mencións acerca
do achado dunha nova epígrafe en 1938 e dunha lucerna de bronce en 1939. No
entanto, sabemos que o ilustrado coruñés era meticuloso na súa documentación
persoal, parte dela consérvase no museo da Coruña depositada pola familia
deste; mais a meirande parte desapareceu ao igual que moito dos materiais
rescatados nas escavacións. Na actual intervención as pegadas destes inicios
arqueolóxicos aprécianse con distancia e certa nostalxia reflectida en
vestixios como os envases de bebidas da época, un vello zapato ou a conserva
dunha fragrancia no seu cristal.
Afrontando o tramo final desta nova
intervención arqueolóxica no campamento de Ciadella, pretendemos traer á
lembranza a un dos pioneiros investigadores deste importante xacemento que
aínda hoxe tanto nos revela en cada día de traballo.
É,
sen dúbida, a figura de Ángel del Castillo López unha das máis sobranceiras
para a cultura galega do seu tempo e, co decurso do mesmo, mutaría xa nun
persoeiro “clásico”, un fondo polígrafo e home dun elevado espírito engarzado
coa súa terra da que nada lle foi alleo, da que todo lle interesaba...
Naceu
na Coruña un 24 de xaneiro do 1886. Moi cedo conságrase en corpo e alma ao
estudo e comeza a súa carreira de docente como profesor particular, na Academia
Politécnica ou no colexio coruñés Dequidt, no que bota vinte e seis anos.
Porén, non iniciaría unha carreira universitaria, a de Filosofía e Letras (Sección
de Historia), até cumpridos os corenta anos. No entanto, comezou a publicar
artigos sobre arte en idade moi temperá e, así mesmo, vinculouse coa Real
Academia Galega dende a súa fundación en 1905 como membro adxunto para pasar a
ser Académico Correspondente en 1908 e xa de Número en 1927. No boletín desta
academia espallará a meirande parte das súas pescudas. É habitual velo asumir
diferentes e numerosos cargos sendo parte de organismos e institucións
relevantes como o Seminario de Estudos Galegos ou, no ámbito arqueolóxico, membro
da Associação dos Arqueólogos Portugueses
e, cara o final da súa vida, correspondente do Deutsches Archäeologisches
Institute.
Ángel del
Castillo remata a carreira en 1926 con Premio
Extraordinario, deseguido complementaraa coa de Arquivos e Bibliotecas,
examinándose en Valladolid. A súa actividade é frenética: pronuncia
conferencias, publica asiduamente e desenvolve un traballo constante na
catalogación da arte e os monumentos galegos. Del Castillo asemella varios
homes realizando tantas funcións. Nas verbas do seu mellor biógrafo, Filgueira
Valverde: “[...] ordenó archivos, dirigió museos, organizó exposiciones,
presidió coros, comisiones, patronatos y academias, actuó en congresos, gobernó
una provincia, pero en ningún momento abandonó la tarea de conocer y dar a
conocer su tierra”. Foi un iniciador na recollida de datos e o traballo de
campo mais un constante divulgador do patrimonio galego. Non está de máis
lembrar as complicacións deses tempos para percorrer Galicia polos seus propios
medios, fornecéndose dunha documentación exhaustiva con apuntamentos, debuxos e
moitas fotografías, na época de cando unha foto ben merecía pensar a súa tirada
máis de dúas veces. Entre os moitos recoñecementos que recibiría Ángel del
Castillo lembramos aquí o de fillo adoptivo do municipio de Sobrado dos Monxes,
en 1931. Merecido nomeamento debido ao alto número de traballos dedicados a
este concello, en especial ao seu mosteiro.
(Fonte: Museo Belas Artes Coruña)
O
froito de tanto traballo viuse reflectido nunha liña divulgativa que abrangue
centos de artigos repartidos en revistas, xornais, folletos e outras
plataformas. A temática do mestre é variada dando prioridade ás páxinas
dedicadas á arte e a arqueoloxía. Fala de arquitectura cristiá preocupándose
moito pola descrición e o estudo das igrexas e cenobios espallados polo país.
Investiga polo miúdo as diferentes fortalezas e publica un variado catálogo de
pezas nas súas notas arqueolóxicas. Del Castillo perfílase como un brillante
epigrafista, sobre todo medieval; é referencia no estudo do graal do Cebreiro e
autoridade indiscutible sobre a historia da Coruña, cidade da que chegou a ser,
entre outros varios cargos, director do museo, arquiveiro municipal ou cronista
oficial (máis tarde tamén provincial). Un traballo inmenso fortalecido por un
profundo gusto pola erudición e un alicerzado amor a Galicia até o seu
pasamento en 1961.
Mais
se unha obra define o labor deste grande erudito esta sería o Inventario de la Riqueza Monumental y
Artística de Galicia, publicado máis de dez anos despois da súa morte pola
Fundación Barrié de la Maza e a Editorial de los Bibliófilos Gallegos. Nesta monumental
creación comprobamos a hercúlea capacidade de traballo de Ángel del Castillo á hora de dar conta
dos xacementos arqueolóxicos, monumentos, poboacións e lugares, artes menores e
todo canto dato poida ter interese patrimonial. Desta guía imperecedoira faise
reedición en 1987 coa mesma introdución e bibliografía complementaria a cargo
de Xosé Filgueira Valverde. Unha última edición veu novamente da man da
Fundación Barrié, en 2008, con estudos críticos de Alfredo Vigo e Lois Ladra.
Primeira edición do "Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia"
(Foto: M.F.C.)
No
tocante ao campamento militar romano de Ciadella, unha acaída frecha
“cupidiana” namoraría ao noso protagonista. O seu traballo viuse escurecido
pola desaparición de moita da documentación que o propio del Castillo procurara
do xacemento. A José Manuel Costa García debemos a mellor aproximación á hora
de poder reconstruír a angueira arqueolóxica deste sabio en Ciadella. Así
mesmo, neste mesmo blog facilitouse unha entrada sobre as investigacións
históricas levadas a cabo no lugar.
Xunto ás
primeiras intervencións realizadas polo médico J. Martínez e o sacerdote
Benigno Cortés súmanse as achegas de C. García Romero, R. Balsa de la Vega e
outros nomes para poñer no mapa e espertar o interese intelectual do enclave.
Ángel del Castillo visita o lugar en 1916, pronto o seu aguzado instinto faille
sospeitar que o sitio podería ser os restos dun campamento militar romano
vinculado á expedición de Décimo Junio Bruto
pois así o insinuaba a morfoloxía das estruturas conservadas e os restos
materiais. Esta teoría sería apoiada polo afamado arqueólogo alemán Adolf
Schulten que visita o xacemento en 1930. Isto dá pulo a del Castillo, para promover a intervención arqueolóxica no
lugar, anunciada no boletín da RAG en 1931 e iniciada en 1934. Xunto a el abandeiran
a intervención Ciriaco Pérez Bustamante e, sobre todo, a gran figura de
Sebastián González García-Paz, exiliado tras o alzamento nacional a Puerto Rico
onde desenvolveu unha brillante carreira académica.
Dende
aquí prodúcese un baleiro na información das escavacións. As dúas novas das que
dispoñemos extráctanse do xornal La Voz
de Galicia nos anos 1934 e 1935. Guiados polas fotos podemos albiscar dous
sectores de actuación principais: un correspondente ao latera praetorii , o denominado “sector Castillo”, e outra zona
situada nos lenzos N e L da muralla perimetral romana. Tamén se escava unha
torre de intervalo do lenzo L e os restos doutra esquinal localizada no vértice
L Entre os achados producidos nestes
primeiros tempos destacaría o realizado
polo campesiño Manuel Pardo López en 1929, consistente nunha fermosa figura en
bronce dunha Minerva atopada nas inmediacións do campamento. Filgueira Valverde
refire a querenza que del Castillo profesaba por esta peza: “Se decía entonces
que la preciosa Minerva de bronce que había hallado en Cidadela y que tenía
depositada en nuestro Museo , registraba sus sinsabores (-«Filgueira embáleme la Minerva»)”.
Minerva de Ciadella
Fotografía grupal dos asistentes á homenaxe a Otero Pedrayo polo seu ingreso na RAG, coa presencia de A. del Castillo (segundo sentado pola dereita) (Fonte: RAG / Galiciana) |
Para saber máis
Caamaño Gesto, J. M. (1984). Excavaciones en el campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes.
Coruña). Memoria preliminar de la campaña de 1981. NAH 18:
233-254.
del Castillo García, C. (1969). “Don Ángel del Castillo
López. Datos más importantes de su vida y obra”. Abrente 1:
15-51.
del Castillo, A. (1972). Inventario
de la riqueza monumental y artística de Galicia.. (Vol. 3). Edit. de los
Bibliófilos Gallegos. (Reeditada en 1987 e 2008).
Filgueira Valverde, X. (2005). “Del Castillo López,
Ángel”. S. Cañada (Ed.), Gran Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela. T. V, 223-224.
García, J. M. C. (2013). “Las
primeras intervenciones arqueológicas en A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A
Coruña)”. Gallaecia, (32), 109-127.
Comentarios
Publicar un comentario