MOURÓN, O ACUARELISTA
Mateo
Fontán Couto
Unha acuarela pode resultar ser unha belida, e tamén
divertida, suxestión ocular que nos amose a realidade a xeito de
encanto. Pode esluír sensacións até facelas efémeras e mesturalas
coas capas de cores superpostas, case que transparentes, nunha
elegante vivencia volátil a cal, con todo, queda fixada no papel e
pode que no noso maxín de por sempre. Coido especiais aqueles
artistas que senten querenza pola acuarela, e a miúdo están pouco
recoñecidos, ou así mo parece neste noso gris país galego, tan
propicio a ser interpretado por esta nobre técnica.
Recoñecida como tal no século XVII, e estando en voga
a finais do século XIX, co paso do tempo acusouse á acuarela,
dentro do mundo da arte, de ser pouco máis ca un pasatempo elitista
e unha técnica de «segunda», onde a inestabilidade da cor e a
transformación posterior das obras executadas xogan na contra dunha
boa consideración.
Carlos García Mourón pertenceu ao club dos namorados
da acuarela, por ser a preparación favorita e máis
abundante da súa obra. Naceu no ano 1935 tendo como pai a Manuel
García Filgueira, o destacado socialista e logo pioneiro comunista
pontevedrés que chegou a ser, á parte de Presidente da Federación
Obreira, o último alcalde republicano da cidade. Co golpe de
Estado tivo que permanecer agochado varios anos, mentres que a súa
dona Enma Mourón era encarcerada, até que en 1949 entregouse ás
autoridades gobernativas e foi condenado a reclusión e
posteriormente indultado. Os pais de Carlos e seus irmáns foran pois
destacados dirixentes da causa obreira. Nos fondos do Museo de
Pontevedra consérvase un retrato de Manuel García Filgueira
realizado polo seu fillo. Outro persoeiro moi destacado e coñecido
na cultura galega: Xosé Filgueira Valverde, que fora alcalde de
Pontevedra durante o franquismo, era primo de Carlos García Mourón.
As escasas fontes contan que con dezaseis anos comeza
Carlos a realizar os seus primeiros cadros. Foi estudante do
Instituto de Pontevedra para despois facer Belas Artes en Madrid. En
1955 acadou unha bolsa da Deputación de Pontevedra para ampliar a
formación.
Tamén foi discípulo de Bejamín Palencia. Desde entón, foron moitas as obras, con especial
protagonismo das acuarelas, asinadas sempre co seu apelido materno:
Mourón.
Gran afeccionado ao teatro, chegou a interpretar en teatros
nacionais xunto aos escenógrafos Burgos e Cortezo. Formou parte da
primeira promoción de decoradores, obtendo o título en Barcelona, con traballos
en Munich, Viena ou Roma e sendo membro de honor da Unión Europea de Decoradores . Así mesmo, viviu un tempo en
París.
O vínculo con Pontevedra foi unha constante na vida do
artista. De carácter educado e con porte garboso, o seu abano de
amizades mostrábase amplo e heteroxéneo. Firme católico, cousa normal era
velo participar das diversas procesións pontevedresas, tal vez con
especial agarimo cara á do Corpus Christi. Por mor da súa extensa
produción artística establecementos hostaleiros, oficinas e
institucións amosaban obra do coñecido e recoñecido acuarelista.
Realizou non poucas mostras na cidade, e mesmo quen estas liñas
escribe gañou as súas primeiras pesetas pegando carteis dalgunhas
das súas exposicións. E falando de carteis, para Pontevedra
realizou en 1997 o das Festas da Peregrina.
Á cidade de Teucro consagrou gran parte do seu talento,
enchendo numerosos cartóns, podéndose dicir que foi un dos
artistas recentes que máis retratos dedicoulle á Boa Vila.
Mourón durante unha procesión do Corpus pontevedrés
(Foto: Mateo Fontán / Colección Fontán Portela)
Cartel para as Festas da Peregrina
Ora ben, outra vila gañou tamén o corazón de Mourón: Ponte Caldelas. Este municipio de tradición termal foi pano de fondo para moita da obra deste. As acuarelas do pintor recollen tanto paisaxes cheos de cor e botánica como pequenos pormenores de certa inspiración etnográfica, a saber: pechaduras, fiestras, elementos patrimoniais... Á súa vez foi tamén autor de carteis de festas e dinamizador cultural da zona. En 2012 Ponte Caldelas dedicoulle unha mostra colectánea, con moita da súa obra achegada por particulares. O 11 de xullo de 2016 finaba o artista, con oitenta anos de idade.
Ponte de Ponte Caldelas. Augatinta (Tirada numerada, limitada e asinada / colección particular) |
As acuarelas de Mourón xa forman parte dun testamento
augado e de cor pastel. As flores que tanto gustaba de pintar non
languidecen, e rezuman intensidade mais luz. As paisaxes rurais
conxugan simultaneamente unha visión clásica e persoal, onde a pedra
galega adquire unha coloración ocre e o ceo faise violeta. Os
recunchos diluídos de cidades, en especial Pontevedra e Ponte Caldelas, enchen
boa parte dunha produción caracterizada por unha amorosa atención
aos detalles que nos rodean. Eses detalles nos que vale a pena
repararmos, aqueles que no pincel de Mourón falaban con voz de acuarela
e que reflicten o mundo exterior e o seu mundo interior
a un tempo.
(Colección particular)
Comentarios
Publicar un comentario