A OMNIPRESENZA DO CIGARRÓN
Mateo Fontán Couto
Cheguei a Verín a causa dunha escavación arqueolóxica
que a Universidade de Vigo realizaría no xacemento coñecido como A
Cerca ou Muro de Búbal, situado entre os concellos de Monterrei e
Oímbra. Así pois, foi Verín para nós, parte do equipo
arqueolóxico e de consolidación, coma unha especie de campamento
base onde decidimos vivir durante os meses de outubro e novembro.
Dende o primeiro día tiña claro que cumpría
aproveitar o tempo para coñecer mellor a localidade e parte da
comarca. Moi cedo abraioume a sombra poderosa do castelo de
Monterrei; quedei cativo ante a portentosa imaxe do Cristo das
Batallas; puiden namorar de pequenos e saborosos poboados como Vilaza
ou Santa María de Mixós, coa súa icónica igrexa; empreguei tempo
en paseos que conducían a famosos balnearios como o de Cabreiroá e
gocei de moi belidas e amplas paisaxes, así como de recunchos
feiticeiros. Tamén desfrutei do trato da xente e da gastronomía.
Verín acolle afablemente ao visitante con viños de renome e
saborosos produtos, xa o sabemos.
Porén, tiña claro que chegaba á terra do Cigarrón:
máscara ancestral e oficiante do Entroido verinés. Símbolo por
antonomasia da localidade, resulta curioso como practicamente alí
onde se mire emerxe esta fascinante figura. O Cigarrón preséntase
co seu sorriso burlón ben sexa en forma de monumento (o de Xosé
Lois Carreira na rúa Viriato), paneis rueiros, cadros e máscaras
colgantes nos bares e tabernas ou no máis variado merchandising:
chaveiros, imáns, vasos de
chopo, adobíos e un interminable etcétera. Do
mesmo xeito, dá nome a todo
tipo de negocio ou a lambonadas como a Torta do Cigarrón; sae
nas etiquetas de viños e botellas de licor café e
mesmo aparece
nos panos de mesa dos establecementos hostaleiros.
A omnipresenza do
Cigarrón é signo de orgullo e
de certa
ansiedade. Verín devece durante o ano a chegada do seu Entroido, e
mentres chega cóbreo
todo co Cigarrón. A fama e masificación deste Entroido Ourensán
alértanos para un
coidado responsable. O Cigarrón debería
continuar sendo ese personaxe próximo e misterioso a un mesmo tempo,
familia doutras soadas
máscaras galegas
e de fóra, contrasinal
dunha tradición a
cal, aínda que moi cinguida
a un período, resulta atemporal.
Artigo publicado no xornal Móvete (Verín) nº38 data 7/1/2020
Comentarios
Publicar un comentario