UN ENCONTRO COA IGREXA DE SANTA MARÍA DE MIXÓS
Mateo Fontán Couto
Igrexa de Santa María de Mixós
Cristo crucificado no altar central
Cristo no lado do Evanxeo
Virxe dos Remedios
O mesmo acontece fóra do templo onde Fiti continúa a darme detalles: os arcos de ferradura das xanelas, as escaleiras externas que levan ao campanario, as numerosas marcas de canteiro inscritas nos perpiaños, as pedras saíntes de territorio. O certo é que nas casas do pobo atópanse múltiples elementos construtivos de diferente época, pedras e perpiaños que abofé formaron parte do mosteiro que existiu asociado á igrexa e a esta mesma. Así, nas precisas indicacións de Fiti, os meus ollos atópanse con arcos, doelas, xambas, pedras con sogueados, partes de columnas, molduras ou mesmo un escudo heráldico, o dos Biedma coas súas características oito caldeiras, posto do revés.
Cheguei
camiñando, a través dun tramo da vetusta Vía da Prata, até ese fano con sona
prerrománica que é Santa María de Mixós. O camiño desembocou de forma directa
na contemplación do templo, que agardaba no soño dese día agrisado e chuvioso. Deseguido
preguntei a un tipo, recentemente aparcado diante de min, sobre a posibilidade
de visitar a igrexa e foi entón cando escoitei o nome de Nelson: o encargado que
dispuña da chave. O home indicoume a casa do tal Nelson mais puiden observar
que na porta da igrexa aparecía o seu
teléfono para poder concertar unha visita; chameino.
-
Estou en Verín, tes
présa?, en quince minutos estou aí.
Botei
un ollo rápido ao adro e ás casiñas do minúsculo poboado, resulta ser un sitio
encantador, dos que sosteñen con dignidade a condena da extinción. Apareceu un
home moreno e aínda novo, cunha expresión sinxela e amable. Era Nelson, aínda
que enseguida matizou, creando un ambiente de confianza, que podía chamarlle
“Fiti”. Á visita uniríase un can, o cal actuou de anfitrión cando dei chegado
ao lugar.
Fiti,
xunto a súa nai de avanzada idade, son os custodios da chave que abre as portas
da igrexa, tal e como ocorre en tantos sitios rurais do país. Coido que sería
interesante e de xustiza a realización dun traballo sobre estas persoas que
portan chaves especiais, das que conducen á historia, á arte, aos costumes e aos sentimentos relixiosos. O caso é que
Fiti é un apaixonado destas cousas, como el mesmo afirma. Foi un cicerone
excepcional, con el a visita gañou en tódolos aspectos que se me poidan
ocorrer.
A
igrexa de Santa María de Mixós posúe na actualidade unha soa nave rectangular
con cabeceira de tres ábsidas. Accédese ao interior mediante un arco oxival
situado no costado sur da edificación. Unha vez dentro xorde a imaxe coñecida
nos libros, mais posúe un sabor diferente debido ao directo da sensación. Xa
adaptado á escuridade do lugar, e axudado por Fiti cando prende as luces,
puiden observar os característicos arcos de ferradura, cubertos por bóvedas de
ladrillo, que anteceden aos altares situados nas ábsidas. Destes tres altares
dous posúen, a xeito de base, aras romanas; a do norte é anepigráfica, decorada
con listeis, arcos, aspas e dentes de lobo; acerca desta ara existen dúbidas
sobre o seu período de feitura e mesmo sobre se se trataría realmente dunha ara. A do altar central está consagrada ao deus guerreiro
Bandua. Neste mesmo altar central consérvanse os restos dunha pintura que representaría
moi probablemente á Trindade xunto ao Tetramorfos. Mais estas son cousas
sabidas. Menos coñecidos son os datos sobre as imaxes que alí gobernan e que me
contou o meu guía particular.
Frontal
Aras
No
altar norte atópase a antiga talla da Virxe das Virtudes. Segundo Fiti a esta
imaxe encomendábanse as mulleres para poder dar leite, debido a isto tamén é
coñecida como a Virxe do Leite, malia que a iconografía da talla non se
corresponda. De
feito, lendo o imprescindible traballo de Xaquín Lorenzo –o noso “Xocas”– no
número 2 do Boletín Auriense descubrimos
que Mixós foi parroquia co nome de Nosa Señora das Virtudes, sendo un coto polo
menos dende 1715 até 1893. Contoume o meu interlocutor que, animados a recuperar a tradición, a súa dona
encomendouse á Virxe e o meniño destes mamou durante dezasete meses. Ao lado
dereito da Virxe puiden apreciar un Neno Xesús bendicinte.
Virxe das Virtudes
No
altar central sitúase un crucificado que ostenta a categoría de patrón do
lugar. Trátase dunha talla moi interesante. Non está proporcionada e o seu
tratamento suxire unha feitura en tempos do gótico tardío: é un Cristo morto
con abundante sangue, cabeza inclinada cara a dereita, rostro pouco expresivo, boca
e ollos pechados, adiantamento do xeonllo, ventre deprimido e pano de pureza
anoado á esquerda; atópase crucificado con tres cravos e posúe a característica
coroa de espiñas que substitúe á coroa real a partir do século XIV. A imaxe está
sobre as andas usadas para a a procesión mais Fiti faime saber que na
actualidade non sae por mor da súa mellor conservación. No seu lugar sácase outro
Cristo, situado no lado do Evanxeo, de feitura máis moderna. Escoltando ao crucificado no altar están dúas pequenas
e antigas representacións de san Brais e san Rosendo, este último testemuñaría
o período de anexión ao mosteiro de
Celanova.
Cristo crucificado no altar central
Cristo no lado do Evanxeo
No altar que nos resta comentar atópase a talla da
Virxe dos Remedios escoltada por dous anxos. Esta imaxe acompaña ao Cristo durante a procesión, o día do
patrón. Cóntame o guía que a orixinal foi presa do lume polo que a actual é
unha réplica. Fáloume Fiti sobre un interesante achado detrás deste altar:
unha morea de bolsas de lino con terra dentro. Isto
responde a un ritual dos de curación explicado no traballo de Xaquín Lorenzo,
porén nese artigo dise, que tras realizar labores arqueolóxicas, as bolsas
saíron detrás do altar da ábsida correspondente ao lado do Evanxeo. Ou ben
tratouse dun lapsus do bo de Fiti ou talvez as bolsiñas encontrábanse nos dous
altares. Postos a complicar o asunto, na memoria de escavación asinada
por Xocas e Chivite dise que estas bolsiñas saíron no altar do Cristo.
Virxe dos Remedios
No devandito traballo sobre esta igrexa de Mixós infórmasenos do avanzado estado de abandono no que se atopaba o monumento e tamén das labores de restauración acometidas; tamén fai referencia sobre a escavación arqueolóxica que el mesmo realizou xunto con Taboada Chivite, en 1960. Nas fotos que acompañan ao interesante traballo non se ve ningunha das imaxes relixiosas das que estamos a falar, nin tampouco se fai referencia algunha a elas.
Quedarían moitos elementos por sinalar do interior
desta alfaia: a pía bautismal con restos cromáticos a cal, retomando outra tradición, volve servir para bautizar aos nenos e nenas; as interesantes ménsulas
con rosáceas nos costados que puideron soportar, na súa localización
primitiva, a un coro; o pequeno rosetón; un pendón de grandes dimensións utilizado
na procesión...
Pía bautismal
Ménsula
Pendón para a procesión
O mesmo acontece fóra do templo onde Fiti continúa a darme detalles: os arcos de ferradura das xanelas, as escaleiras externas que levan ao campanario, as numerosas marcas de canteiro inscritas nos perpiaños, as pedras saíntes de territorio. O certo é que nas casas do pobo atópanse múltiples elementos construtivos de diferente época, pedras e perpiaños que abofé formaron parte do mosteiro que existiu asociado á igrexa e a esta mesma. Así, nas precisas indicacións de Fiti, os meus ollos atópanse con arcos, doelas, xambas, pedras con sogueados, partes de columnas, molduras ou mesmo un escudo heráldico, o dos Biedma coas súas características oito caldeiras, posto do revés.
Escaleira do campanario
Marcas e elementos construtivos nas casas
Chama a atención a tampa dun sartego colocada enriba do muro do adro. Representa a un
monxe guerreiro identificado pola tonsura e o elemento bélico da espada. Cóntame Fiti dos seus esforzos para levalo ao interior do templo e así estar máis protexido. Nese mesmo
muro sinálame unha pedra con cazoliñas que na súa colocación actual asemellan parte da
constelación do Carro ou Osa Maior. Para
acceder ao recinto sagrado do camposanto Fiti repara no paso que facía deterse aos
animais... nada se lle escapa a este home amable que sabe impregnar de emoción
a canto nos rodea.
Non cabe dúbida que foi un encontro cheo de emotividade. Santa María de Mixós agocha elementos singulares que falan de diferentes épocas construtivas antes de que estoupase ese estilo tan noso que é o románico. Os elementos mozárabes, asturianos e outros dotan a esta construción dun merecido posto no ranquin dos imprescindibles para visitar, e se pode ser con Nelson e o seu cadelo mellor que mellor.
Non cabe dúbida que foi un encontro cheo de emotividade. Santa María de Mixós agocha elementos singulares que falan de diferentes épocas construtivas antes de que estoupase ese estilo tan noso que é o románico. Os elementos mozárabes, asturianos e outros dotan a esta construción dun merecido posto no ranquin dos imprescindibles para visitar, e se pode ser con Nelson e o seu cadelo mellor que mellor.
Tampa de sartego
Paso
(Fotografías: Mateo Fontán Couto)
Comentarios
Publicar un comentario