CÓNTAME UN CONTO, BUENAVENTURA!

Mateo  Fontán Couto
Arrastro a débeda de falar do último que escribiu Buenaventura Aparicio Casado: un novo conto para cativos que ben aproveitado presta tamén aos maiores. Edítao Ab Origine Edicións e leva por título Etram e Ailux na Terra dos Mortos. Con estas liñas inxenuas quero pagar o debido.
Acerca do autor sobran un pouco as palabras. Buenaventura resulta amplamente coñecido no ámbito cultural galego, sobre todo no «mundillo» das Ciencias Sociais e, postos a afinar, nos eidos da Antropoloxía Cultural, a Arqueoloxía e a Historia. Nas súa ficha biográfica máis recente dise que anda xubilado, mais isto non é do todo certo. Si que chegoulle no 2006 o tempo de retirarse da docencia, digamos, de forma oficial; porén o seu ministerio vai sempre con el. Continua a percorrer os colexios e calquera lugar  do que o chamen para ensinar e educar no valor e a conserva do patrimonio, tanto material como inmaterial. Diría máis, moitas veces chega sen chamar, pois Buenaventura é home de iniciativa. Ultimamente gústalle falar na radio sobre unha das súas paixóns meirandes: a arte rupestre galega, da que tanto ten escrito e divulgado.

(Foto: Faro de Vigo. es)

Precisamente acerca dun petróglifo, o da Pedra do Cervo en Ponte Caldelas, foi sobre o que versou o seu primeiro conto, onde se fala da máxica relación entre unha fermosa fada e un cervo gravado na pedra. A este seguiulle un libro que bautizou co nome de O Anticonto da  Pedra do Cervo. Constitúe esta obra unha reflexión sobre temas actuais con certa retranca e visión crítica. Polas súas páxinas fálase dos nenos, do maltrato animal, das linguas, dos cazadores e dos futbolistas, da política e os políticos... Pareceume un orixinal compendio de leccións sociolóxicas no que se podería albiscar certa inspiración na dialéctica hegeliana, é dicir, dunha tese (conto) xorde a súa antítese (anticonto) e emerxe a síntese para dar comezo de novo ao ciclo. Fóra de especulacións persoais, trátase dun interesante traballo, no ámbito da Socioloxía, escrito de forma directa e onde Antonio Machado exerce de guieiro lírico e director espiritual. Antón Xil desde a súa sección no Diario de Pontevedra definiuno como «un auténtico tratado do sentido común (...) ».


Péchase agora o círculo coa saída de Etram e Ailux na Terra dos Mortos, un conto ambientado na prehistoria da época megalítica con tinguiduras de ciencia ficción. O argumento, contado de forma moi sucinta, sería tal que dous alieníxenas chamados Eitram e Ailux viaxan nunha máquina do tempo coa que retroceden, de forma accidental, catro mil trinta e oito anos, é dicir até o 2019 a. C. Unha vez aterrados descobren un «novo» mundo cheíño de curiosidades onde o culto aos mortos e a comuñón coa natureza parecen ter unha grande importancia. Da man dunha nena chamada Imarña os dous extraterrestres establecen relación coas xentes do lugar producíndose unha proveitosa oportunidade para aprender os un dos outros e facer emocionantes descubertas.

E até aquí podo ler!, como diría aquela. É o mellor, aproveitando estas datas, adquirir o conto e convertelo en agasallo, deste xeito estaríase apostando pola cultura e a salvagarda dos pícaros, a cal pasa polo descubrimento da lectura ou a experiencia de escoitar un conto.

Un relato delicioso, tallado con valores sociais e cunha linguaxe de esencia «Buenaventuriana»: procura de imaxes claras e belidas, aproveitamento da ironía e das expresións populares cun uso doce do galego que evidencia o alto valor estético do idioma neste tipo de xénero literario. Todo isto queda perfectamente envolto nas estupendas ilustracións de Pilar Castro Caamaño.

O certo é que non resulta doado a escrita dun conto, ben o sabe o autor para o cal resultou ser, nas súas propias palabras, «un autentico desafío». Pois xa leva dous desafíos superados, e aínda que é desexo do contista volver ao ensaio, que é o seu terreo natural, diríalle:
Cóntame un conto, Buenaventura!

Comentarios

Publicacións populares