DESCUBRINDO A FILGUEIRA
Mateo Fontán Couto
Moito
se leva falado dende a elección, por parte da Academia, de adicar o
Día das Letras Galegas deste ano á figura do pontevedrés Xosé
Filgueira Valverde. Moito se escribiu sobre as luces e as sombras dun
personaxe extraordinario que xera polémica arredor da súa
traxectoria vital, salvo nunha cousa onde todo o mundo parece estar
de pleno acordo: a súa condición de sabio –a palabra máis
empregada é a de polígrafo–, pola cal nada relacionado con
Galicia éralle
alleo. Unha dedicación plena pola cultura do seu país que a priori
debería de ser mostra máis que suficiente do seu compromiso con el.
Unha obra escrita prodixiosa en volume e calidade que moi poucos
–diría que ninguén, salvo Otero Pedrayo– poden igualar. Exerceu
moitos
cargos de gran responsabilidade no ámbito da cultura e a súa
protección, e obtivo incontables
distincións.
No
entanto,
como ninguén
pode deixar de ser fillo do seu tempo, a Filgueira perséguenlle
vetustos
pantasmas
de tráxicos sucesos por todos coñecidos. A certos «feitos»
agárranse algúns, sen a distancia e a comprensión necesaria, para
arremeter contra a decisión da Academia Galega. Coido
que a figura de Filgueira Valverde chegou a sufrir
bullying
por parte daqueles que incluso propuxeron
non ensinar a súa
vida e
obra nas
escolas. Eses son os mesmos quen non se dignan a ler, informarse ou
escoitar, e só fan ruído inútil. Porque o debate, sendo unha cousa
boa, só se dá cun coñecemento previo sobre o tema. Con Filgueira
non se produciu, polo
menos
por parte dalgúns que se alzan en voz da conciencia dun tempo pasado
e doente.
Sexa!
Lonxe
da miña intención a de querer convencer a ninguén. Remito
ás
conferencias que se están a celebrar
durante todo o ano e
aos
magníficos estudos publicados
sobre
Filgueira a quen queira afondar na realidade das cousas; nunha
vida e nunha
obra chea de circunstancias,
matices, paixóns e, ante todo, traballo incansable.
Eu
prefiro
recordar como foi o meu encontro con Filgueira Valverde a través
da súa obra,
e como
segue a ser un constante descubrimento
nas miñas lecturas. Filgueira entra sen chamar en todo sitio onde se
estea a tratar de literatura, historia, arte, arqueoloxía, música, filoloxía, antropoloxía, epigrafía, bibliografía... alí onde se
fale de Pontevedra, Compostela... de Galicia.
Caricatura de Filgueira Valverde por Siro
(Imaxe obtida de http://filgueiravalverde.gal/ )
De cativo xa sabía que don Xosé era unha persoa
importante na miña cidade –máis tarde descubriría que realmente
érao en toda Galicia e mesmo fóra dela–, que era un erudito o cal
dirixira o Museo que tanto me gustaba. Non lembro que foi o primeiro
que lin del, se cadra algún artigo da revista do Museo de Pontevedra
ou dos seus afamados adrais. Na medida que a miña curiosidade
facíase máis intensa iría descubrindo que a man de aquel home
estendíase por tódolos campos polos que eu paseaba; abraiábame
–segue a facelo– a cantidade de temas dos que tiña escrito, esa
capacidade de poder opinar con autoridade en calquera ámbito
cultural, de ser referencia constante nos traballos doutros. Tal
«omnipresenza» parecíame atributo dunha especie de súper-heroe
das letras. Falaba de lírica medieval galega, de artistas e obras de
arte, dos libros vellos e novos, das xentes, da música culta e da
tradicional, dos acibeches, das lendas, das liñaxes fidalgas, dos
canteiros e os oficios populares, etc.
Sobre Pontevedra o coñecemento de Filgueira é
desbordante. Á súa cidade dedicou moito do mellor da súa produción
literaria. Non resulta doado ollar para algún elemento do patrimonio
da Boa Vila que o vello profesor non analizara con anterioridade: a
fonte da Ferrería, a Basílica de Santa María, o Museo, as grandes
construcións pero tamén as leves pegadas de restos esparexidos polo
casco histórico. Elaborou importantes guías de Pontevedra, tamén
de Santiago de Compostela, onde dá cabida a elementos que espellan o
seu estilo docente e o seu cariño infindo á cidade. Porén, a súa
vasta cultura non se detiña nas pedras se non que ía mais aló.
Ninguén coma el para coñecer a historia do Gremio de Mareantes; dos
grandes personaxes que tiveron que ver con Pontevedra dá boa conta
na súa espléndida obra Pontevedreses universales,
reunida e editada en tres tomos. Pero o ollar insaciable de Filgueira
abranguía tamén aos artesáns, aos prelados e párrocos ou ás
xentes anónimas de séculos pasados que só el sabía traer á
memoria dunha cidade.
Á investigación sacrificou a súa faceta de creador
literario, que aínda que breve non carece de interese. Recórdome
desfrutando lendo Quintana viva... «porque
un santo labrado na pedra ten dous nomes, o
da pedra e máis o do
santo...»
coido que dicía nunha das páxinas. Escribiu O Vigairo
inspirándose nos antigos mareantes de Pontevedra, unha farsa
titulada Agromar que estreou o grupo Arume fai moi poucos días
no Museo de Pontevedra con motivo dos actos da
homenaxe, e mesmo poesías sobre o mar feitas
ao modo antico.
Se ao celebrar o Día das Letras Galegas celebramos
unha literatura, unha obra como legado, un traballo enfocado ao feito
galego, non se me ocorre maior merecedor que a don Xosé. Celebrar a
obra de Filgueira Valverde é celebrar a Galicia. O mellor de todo é o que del quédanos por ler e descubrir.
- ALONSO MONTERO, X.: Xosé Filgueira Valverde.
Biografía intelectual, Xerais, Vigo, 2015.
- VV. AA.: Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un
século de Galicia, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2007.
(Catálogo da exposición).
-
Ó Dr.
Filgueira Valverde. Nos seus noventa anos (1906-1996) Bibliografía.
Traballos. Eloxios.
Preparada por M. Jesús Fortés
Alén. Caixa de Aforros de Pontevedra, 1996.
Comentarios
Publicar un comentario