O CRISTO DE XENDE
Mateo Fontán couto
É San
Paulo de Xende parroquia do concello da Lama, parroquia demograficamente
pequena. Na súa voz máis recente (ano 2003) a Gran Enciclopedia Galega dálle 127 habitantes. A Galipedia
informa de 95, tirando do padrón municipal de 2013. Pertence ao
arciprestado de Oitavén e a diocese de Tui-Vigo. A parroquia, que até 1904
dependía de Forzáns, compóñena sete lugares: A Aldea, A Baralla, O Catadoiro, O
Eido de Caneiras, A Igrexa, A Paradela e A Veiga do Muíño.
O seu
é relacionar a ese val bautizado polo río Xesta que é Xende co resto das demais
parroquias lamenses. Un recuncho, o da Lama, de atrevidos cumios e moita
fermosura. Éche terra de lindos cruceiros e coloridos petos de ánimas; terra secularmente
cargada de relixiosidade e certo orballo telúrico. O Monte do Seixo ou o
carballo do Pelete son numenes do que
falo.
Ocorre
que Xende acolle un Cristo, o cal supón o epicentro dunha romaría soada. O santísimo Cristo da Agonía de Xende é unha imaxe de feitura barroca, pódese
encadrar, seguindo aos especialistas, no primeiro terzo do século XVIII. Son
características súas o rostro dorido e resignado e mais o perizonium de tea que cubre ao tallado. A empresa Acanto realizou
en 2013 labores de restauración no conxunto escultórico do Calvario do templo
de Xende, composto polo Cristo, o san Xoán e a Virxe. As labores consistiron grosso modo no acondicionamento e traslado do conxunto, tratamento
da película pictórica, tratamento do soporte, traballos de reintegración,
traslado e montaxe.
González
Reboredo ten apuntado que a escultura do Cristo pode proceder do antigo
convento de San Domingos de Pontevedra, e que tras a desamortización de
Mendizabal en 1836 sería mercada, seguindo a tradición oral, por zapateiros ou por uns que “andaban ao sal”.
Antes de 1850 este crucificado xa recibirá un intenso culto.
Estampa devocional do santo Cristo de Xende / colección Fontán Portela.
A
romaría do Cristo de Xende prodúcese o día da Trindade, a fin de semana
anterior á celebración do Corpus Christi. Sobre a orixe desta romaxe atopamos
diferentes opinións; coido a máis razoada a do devandito González Reboredo,
situándoa pouco anterior á segunda metade do século XIX. Don Antonio Fraguas
escribiu que antigamente moitos peregrinaban a pé con farois de aceite como
ofrendas, actitude esta que foi mudando cos tempos tan de locomoción mecánica
que corren.
A
devoción de Xende, da Lama enteira, atópase enmarcada en varios elementos
arquitectónicos fundamentais á hora de tratar de concibir o espazo e o sentir
da celebración. Está o campo da festa, claro! Pero tamén o viacrucis de Manuel
Piñeiro que comeza nunha cova chamada de Santa Bárbara e remata nun fornelo, que cobre a ese cruceiro, obra do canteiro Manuel González Perdiz en 1868, que
tanta cousa suscita... A igrexa é obra da
segunda metade do XIX. En orixe foi capela, co pasar dos anos impúxose a
ampliación do templo. Tamén resalta o que antigamente era casa para romeiros, hoxe
reitoral.
Procesión
do Cristo de Xende no ano 2018
Fotografía tomada de Pontevedraviva.com / https://www.pontevedraviva.com/xeral/46211/a-lama-festas-cristo-xende-2018-procesion/?lang=es
O
Cristo concorre en procesión desde 2012, baixo dosel morado. Na da tarde, máis
antiga, saen ademais outras imaxes: tres virxes e un Sagrado Corazón en
carroza, parte concreta e importante do ritual. Como ocorre noutras localizacións
galegas, algúns fieis acuden á procesión –hoxe en día e cousa case que
anecdótica– “con” ou “en” cadaleito; outros romeiros fan a promesa de levar
mortalla. O máis normal no culto actual son as candeas, os exvotos de cera e as
flores. Non fai tanto era común os donativos en especie, consistindo nalgún
animal.
Unha
ofrecida en cadaleito.
Fotografía: Diego Torrado / Pontevedraviva.com / https://pontevedraviva.com/xeral/28224/xende-preparados-ataudes-celebracion-santo-cristo/
Algún
milagre tamén atribúese ao Cristo da Agonía. Dise que un pintor desprezou
apañar a imaxe por ser un trisco de “madeira vella”. Tempo despois zafaba dun
serio accidente; isto provocou que, agradecido, pintara de balde a figura do
Cristo. Mostra da sona e devoción desta imaxe é unha cantiga rescatada no
número 10 da revista lamense A pedreira
por Cristina Villaverde Ruibal; por certo, tan parecida a outra dedicada á Nosa
Señora da Barca que Rosalía de Castro cantou.
“O Santo Cristo de Xende / ten
bóveda de pedra / ben a podía ter de ouro / se o Santo cristo quixera”.
O
PSOE propuxo en 2012 declarar a romaría de Interese Turístico de Galicia así
como crear dúas rutas de peregrinaxe ao santuario; non sería mala cousa. Se
cadra cumpría o sacar adiante unha publicación ambiciosa sobre o tema, nos
varios ámbitos que cobre. Nesta empresa resultaría imprescindible publicar
todas as instantáneas que en 1919 tomou o importante fotógrafo catalán Pelai
Mas (fillo de Adolf Mas i Ginestà) durante a súa viaxe en motocicleta con sidecar
ao Santuario do Santo Cristo de Xende.
Para saber máis:
- FRAGUAS FRAGUAS, A.: Romarías e Santuarios. Galaxia, Vigo, 1988.
- GONZALEZ REBOREDO, X. M.: «O Santísimo Cristo da Agonía, en Xende, A Lama.», en Tempos de festa en Galicia, tomo I, entre os Reis e o mes de maio, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2006, pp. 429-441.
- GONZALEZ REBOREDO, X. M.: «O Santo Cristo de Xende, ou o Gólgota evocado nas abas do Suído». A Pedreira, nº 7, 2009, pp.11-34.
- LOIS VÁZQUEZ, M.: «Romerias, O Santo Cristo de Xende». A Pedreira, nº 1, 2003, pp.33-44.
*Quero agradecer á empresa Acanto a
amabilidade e a información facilitada.
Comentarios
Publicar un comentario