SOBRE A ANTIGA ANDA DOS AZOUTES

Mateo Fontán Couto

Dentro dos tesouros documentais que podemos descubrir no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra atópase a Tabla de Ceremonias del Concejo de Pontevedra: texto redactado ao longo  dos séculos XVI e XIX onde se recollen as celebracións ás que a Corporación Municipal acudía, así como o protocolo a seguir durante os cultos e as procesións relixiosas. Nela podemos atopar aspectos relativos á configuración do denominado antigo cerimonial da Semana Santa de Pontevedra, como a orde procesional establecida para os días de Xoves e Venres Santo. Este documento, na actualidade perdido o seu orixinal, sería publicado pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e, máis adiante, tamén por Fernández-Villamil nun traballo para os Cuadernos de Estudios Gallegos en 1952, reconvertido en separata polo Museo de Pontevedra.

Para ese xoves que reluce máis co sol a Tabla de Ceremonias indícanos a saída, no terceiro posto, da Anda dos Azoutes ao que acompañaba as Confrarías de Santa Catalina, San Antonio Abad e San Mauro. Cabe preguntarse sobre cal sería a imaxe que pregoaba o castigo que Cristo recibira amarrado a unha columna.

Dúas opcións parécenos as máis probables. Podía tratarse da imaxe sita actualmente na capela dos Barbeito ou das Angustias na Basílica de Santa María e que sae en procesión xunto coa Confraría do Corpo Santo, tamén o Xoves Santo. Trátase dunha talla antiga, téñoa intuída como unha feitura popular de entre finais do XVI ou comezos do XVII, da que non temos constancia de saír ás rúas antes de 2011 pero que reproduce o momento en que Xesús, tras ser azoutado, permanece atado a unha columna alta e fina, de tipo Xerusalén.

A outra opción lévanos de novo a Santa María onde no seu museo, na torre do campanario, se custodia esta talla aínda que tamén ocupou outros sitios dentro do edificio. A iconografía actual mostra a Cristo cativo, como Ecce Homo, pero en orixe a imaxe posuía unha columna o que revela que foi concibido para representar a flaxelación no pretorio. Non coñecemos constancia documental sobre a súa autoría; foi unha imaxe moi vinculada á Confraría do Espírito Santo, alcumada “do Instituto”, sacándoa en procesión en varias ocasións o Xoves Santo durante a década dos 50 do pasado século e tamén utilizada para postular no templo de Santa María durante a Semana Santa.

No seu feitío poderíase albiscar a man do escultor barroco Esteban Cendón Buceta. Saído da gubia deste autor atribúese o Ecce Homo ou Paso da Coroación de Espiñas acompañado pola mencionada Confraría do Espírito Santo ata o ano 2008, no que se decíde sacar unha réplica da talla, realizada por Manuel Delgado-Gambino, ante un posible maior deterioro da orixinal. Do mesmo xeito, o Cristo da Expiración da Confraría da Vera Cruz e Misericordia mostra certo parecido no seu tratamento, ao igual que o Cristo Xacente sito debaixo do retablo da Virxe da Soidade en Santa María e do que existe proba documental, nos cartapacios da antiga Confraría da Nosa Señora da Soidade, da autoría do mesmo en 1667 por este autor. Isto convida a pensar na realización dunha serie de obras do ciclo da Paixón que o escultor puido facer para a nosa cidade.

Se seguimos as líricas descricións que o Padre Amoedo fai no Carmen Patrium Sive Pontevedra, xunto á figura de Cristo podía estar as duns saións executando o castigo. Ademais o  xesuíta lembra esta anda en segundo lugar na orde procesional.

A actual representación da Flaxelación que percorre as rúas pontevedresas é un meritorio conxunto escultórico executado por Enrique Carballido en 1929 e custodiado pola Confraría do Noso Pai Xesús do Silencio e unha representación da Orde Franciscana Segrar durante o Xoves Santo.

 (1)

 (2)

  (3)

 (4)

Fontes gráficas: Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra (1), Francisco Luis López Sánchez  (2 e 3), M.F.C. (composición 4)

Artigo publicado no Diario de Pontevedra o 29 de marzo de 2018

Comentarios

Publicacións populares