O DÍA DAS TRES GRAZAS
Mateo Fontán Couto
No caixón das tradicións pontevedresas o Día das
Tres Grazas ocupa un espazo avalado polo verniz do tempo e a
irredutibilidade da fe. Así, cada primeiro venres de marzo comprobaremos como, dende cedas horas da mañá, vaise formando unha
longa cola para ir visitar ao Nazareno da capeliña da rúa Tetuán.
A tradición marca que ese día poderase formular tres
peticións diante da venerada imaxe, e alomenos unha ten opcións de se cumprir. En moitas localidades prodúcese este acto que afunde nos
anos o seu senso e que parece vén ser unha especie de símbolo ou
recordo litúrxico das tres caídas que Cristo sufriu camiño do
Calvario. Na nosa cidade, ademais da imaxe da rúa Tetuán, reciben
moitas visitas o Nazareno do convento de Santa Clara, que xusto
agarda a «exclaustración» para celebrar a súa novena e poder ser
contemplado polos fieis, aínda que este ano poida que falte á cita
ante o peche do convento das clarisas; porén, dende 2014 a
Confraría da Vera Cruz e Misericordia sácao en procesión o Luns
Santo. Tamén a patética imaxe do Nazareno da igrexa de San
Francisco goza de moita fama neste día, era esta unha das tallas que
saían nas antigas procesións da Semana Santa pontevedresa.
A capela do Nazareno, moi próxima a onde erguérase a
igrexa de San Bartolomeu «o vello», recibía antigamente o nome das
«Emparedadas», xa que nela encerrábanse en vida as relixiosas que
así o decidían, recibindo tan só, por unha pequena fenda, a
comuñón e unha mínima ración de auga e comida para poder
subsistir. Constituíu este un caso único en Galicia ata a súa
desaparición no século XV. Máis adiante coñeceuse como capela
de «Santa
Isabel ou das Emparedadas».
Para autores como Fontoira
Surís o pequeno
templo puido ter relación co
pazo dos Mendiño, xa que a torre deste atopábase ao carón da
capela. Dende 1886 está
adscrita
a Parroquial de San Bartolomeu.
A imaxe do Nazareno mostra a Cristo cativo, coas mans
atadas, no momento de recibir a sentenza a morte por Pilatos. De
gosto barroco, imita a iconografía do afamado Cristo de Medinaceli.
Posúe pelo natural e coroa de espiñas ademais de túnica bordada. A
súa orixe non resulta clara de todo. Para algúns a imaxe puido
chegar de Madrid a finais século XIX por mediación de Dª
Elena Mariño Villanueva, e
tras ser ofrecida a Montero Ríos. No entanto, nun traballo de Xosé
Fuentes fálase da constancia documental de que en 1818 a imaxe xa
posuía un intenso culto. De 1952 a 1955 saíu en procesión no
Martes Santo acompañado pola
Confraría do
Noso Pai Xesús do Silencio, ata
que en 1956 substituíse por outra talla saída do taller dos irmáns
Rivas.
O certo é que a do Nazareno constitúe unha das
grandes devocións da cidade, por iso chegado o primeiro venres de
marzo son centos, incluso miles, os que acoden a solicitar as Tres
Grazas dende as sete da mañá ata a media noite; a xente espera
paciente a súa quenda para asistir á oración dentro da capela, a
cal se enche de flores, exvotos e candeas. Mais durante todo o ano
sempre pódese ver a alguén asomado á capela rezando, agradecendo
ou simplemente contemplando o dorido rostro deste Cristo tan de
Pontevedra.
Para saber máis:
FILGUEIRA VALVERDE, X.:
«Das "Emparedadas" á capela de Xesús Nazareno» en
Semana Santa Pontevedra 1996,
Junta Coordinadora de la Semana Santa de Pontevedra, Pontevedra,
1996.
FONTÁN COUTO, M.: «O
culto ao Nazareno da rúa
Tetuán», Revista da Asociación
de Veciños San Roque,
nº 18, Pontevedra, 2016, pp. 31-33.
FONTOIRA
SURÍS, J.: Pontevedra
monumental,
Deputación de Pontevedra, Pontevedra,
2009.
FUENTES ALENDE, X.: «La devoción a Jesús Nazareno en Galicia», La advocación de Jesús Nazareno: Actas del Congreso Nacional, ARANDA DONCEL, J. (Coord.), Vol. 1, Ed. Hermandad de Jesús Nazareno, Ayuntamiento de Pozo Blanco, 2007, pp. 313-338.
GARCÍA IGLESIAS, J. B.: Habladme piedras,
Alfil, Pontevedra, 2013.
Imaxe do Nazareno da rúa Tetuán (Foto: Xoan Arco da Vella) |
Cola diante da capela do Nazareno o día das Tres Grazas (Foto: A. C. R. Confraría do Espírito Santo) |
Comentarios
Publicar un comentario