ALGO DO FRAGUAS XORNALISTA

Mateo Fontán Couto
Habería que falar algo do homenaxeado polo Día das Letras Galegas deste ano 2019; refírome, claro está, a Antonio Fraguas Fraguas. Ás diferentes institucións e aos expertos corresponde o labor dos estudos sobre a figura obxecto de tributo. Xa contamos cunha fantástica biografía, obra de Malores Villanueva, publicada por Galaxia e que vén sumarse ao relato da vida do sabio nado en Insuela (Cotobade), aberto en anos anteriores por outros autores como, sobre todo, Clodio González.
Tamén existen, como non podía ser doutro xeito, as achegas enfocadas ao público infantil e xuvenil; un exemplo vén da man da editorial Xerais que na súa serie Merlín publicou Antonio Fraguas o bo mestre, o mestre bo da autoría de Héctor Cajaraville. Alén de libros e proxectos editoriais (algún deles certamente fermoso), os xornais deron conta da anual efeméride con suplementos e artigos destinados a cubrir diferentes aspectos da vida e obra de Fraguas, así como poñer de manifesto a súa valía para a cultura galega. Relatorios, mostras, concertos e multitude de homenaxes salpican ao país.

Todo transcorre con normalidade aínda que a estas alturas, e xa coñecido o nome do próximo homenaxeado, está a producirse unha desviación da atención cara á figura de Carvalho Calero, sen dúbida motivada polo custoso da elección por parte da Academia Galega. Mais non debemos esquecer que aínda nos atopamos no ano de Fraguas.


                                              (Fonte: MPG /  www.eldiario.es)


Xa coñecemos o mérito dos traballos de Fraguas nos eidos da historia, a etnografía/antropoloxía, a arqueoloxía, a xeografía e outras achegas ás Ciencias sociais, sempre en clave galega. Creo recordar que o primeiro que lin del foi o seu traballo sobre A Porta Santa da catedral compostelá. Grazas ao amoroso afán compilador do meu pai tiven acceso a unha morea de noticias acerca do mestre e tamén a moitos artigos que foi publicando na prensa. O certo é que o traballo xornalístico de Antonio Fraguas é intenso e cunha inxente cantidade  de  rexistros.

O Consello da Cultura Galega publicou en 2007 unha escolma dos artigos de Fraguas nos xornais  La Voz de Galicia e O Correo Galego titulado Polas catro témporas (1992-1999). Nesta fermosa e instrutiva escolla obsérvase a erudición de Fraguas, nas súas derradeiras colaboracións, sobre temas composteláns, máis encadradas na “Voz”, e en varios outros asuntos. Achegarse a esta obra resulta doado, pois se pode descargar dende a páxina da institución. Vénseme a cabeza que talvez sería un bo momento para abordar unha nova escolma.


                                                                    (Fonte: consellodacultura.gal)


Na constante divulgación de todo aspecto galego, os artigos de Fraguas son como aloumiños á terra. Escribe de forma sinxela, conforme ao seu estilo. É capaz de alertar, mesmo augurar, dos perigos do lume e os malos coidados do monte; fala de lendas, de enredos, de cantigas, das tradicións, dos tesouros arqueolóxicos galegos... dun mundo de temas. Nun artigo de 1991 titulado “Algo de San Xoán” publicado no Faro de Vigo, cabeceira habitual coa que colaboraba, fala sobre a coñecida tradición de deixar un vaso de auga cunha clara de ovo dentro; ao día seguinte, e segundo a forma que tomara a clara, podíase interpretar o porvir. Fraguas conta o caso dunha rapaza á que lle saíu o que parecía unha caixa ou cadaleito e que acabaría por morrer non moito tempo despois. “Non gaste o ovo na sorte, e millor como resulta en tortilla”, aconsellaba con retranca cara ao final do artigo.
 
No suplemento titulado “Lecer”do xornal O Correo Galego Fraguas escribía  a contraportada; nela  gustaba moito falar de libros e publicacións. Dende neno xuntara unha gran biblioteca que acabaría doando ao seu querido Museo do Pobo Galego en 1994. Moito ten lido Fraguas!, el mesmo definíase como un “pica-flor” que lía de todo. Grazas a esta gran paixón e capacidade lectora o interesado tiña a posibilidade de coñecer as novidades editoriais de tema galego, mesturadas co que respecto diso tiña que achegar o mestre. Escribiu moreas de recensións de obras, algunha xa convertida en clásico hoxe en día. Pero tamén incluía artigos de divulgación, obituarios e outras pezas xornalísticas, moitas delas recollidas na escolma devandita.
 
Un dato da súa constancia: cando o 29 de marzo de 1996 morre a súa queridísima dona, Teresa Martínez Magariños, a contraportada de “Lecer” con data do 31 de marzo vai asinada por Nicanor Rielo; ora ben, a do 7 de abril xa volve a contar coa pluma de Fraguas nun artigo sobre a Semana Santa de Loureiro. O vello mestre refúxiase no traballo ante o tremendo golpe.
 
En fin, son tantos os aspectos que poderíamos tirar da biografía de Antonio Fraguas: a dedicación a Galicia, o seu traballo constante e quedo, a súa talla humana, o investigador e o divulgador, os grandes recoñecementos mais os humildes... Que o que resta deste 2019 sirva para aumentar o noso coñecemento acerca da senlleira figura de don Antonio, e sirva tamén de motivación para investigadores do mañá.


                                                                         (Fonte: Xurxo Lobato)

Comentarios

Publicacións populares