UNHA EXPOSICIÓN NA HISTORIA: “ENTRE DÚAS AUGAS. PONTEVEDRA 1930-1940”
Mateo Fontán Couto
Todo deu comezo coa inauguración da
mostra, no Palacio de Exposicións e Congresos, o día 30 de abril. No
entanto, a cousa viña dun gran traballo e esforzo previos que, talvez, fan da exposición
“Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940” a máis ambiciosa promovida polo
Arquivo Municipal e unha das mellores, nos últimos tempos, sobre a historia da
capital pontevedresa.
Os
principais “culpables” da iniciativa foron nomes coñecidos: Enrique Sotelo
Resurrección dirixe o Arquivo Municipal de Pontevedra desde hai anos. Posúe o
acougo e o rigor no traballo dos bos arquiveiros. Foi comisario doutras mostras
sobre aspectos da Boa Vila. Autor de artigos e obras de valía como Pontevedra, villa amurallada –en
coautoría con Antonio de la Peña e Juán Juega–; A Pontevedra de 1560-1563 e Pontevedra,
1840-1915, libros que transcriben as sesións municipais durante eses
períodos e constitúen unha útil ferramenta para a investigación; ou tamén o interesante
traballo que asinou xunto a Roberto Taboada sobre as fontes de ferro en
Pontevedra.
Precisamente
do arquivo persoal de Roberto Taboada Rivadulla saíu a maioría de documentos
que nutriron á mostra. O ex concelleiro e parlamentario galego atesoura un rico
patrimonio documental e gráfico que abrangue diferentes temáticas e que, sempre
que se pode, agroma en forma de publicación ou mostra; sirva de exemplo a exposición, en xaneiro de 2018, de
título “Las tres décadas de oro del Colón gallego (1899-1930)” que acolleu a actual
sede de Turismo Rías Baixas.
Outro
responsable directo foi Lino J. Pazos, eminente historiador de todo aquilo que
teña que ver co mundo marítimo, do que nada lle resulta alleo. Con máis dunha
trintena de libros ás costas, Lino J. Pazos é un prolífico estudoso e
divulgador das embarcacións, os naufraxios, os faros e tantos outros aspectos
do mar. A obra Veleros en el tráfico
marítimo con Cuba: 1800-1900 sirve de perfecto exemplo da dedicación coa
que se entrega á investigación, traballo que ben podía valer un doutorado. Á
súa autoría tamén se debe a obra Castelao
entre nós, 1975-1986 e unha morea de artigos. Supón, á súa vez, un gran
dinamizador cultural.
Co
cadro presentado, resta comentar en que consistiu a exposición: 360 documentos,
fotos e obxectos para ilustrar a década entre 1930 e 1940 en Pontevedra. Aos
fondos persoais de Taboada e Pazos temos que engadir os saídos do Arquivo
Municipal de Pontevedra. A mostra, ampla e exisente de tempo para o visitante,
dividiuse en nove categorías:
A – POLÍTICA E ELECCIÓNS
B – GOLPE DE ESTADO E GUERRA
C – INSTITUCIÓNS CULTURAIS, INVESTIGACIÓN, FESTAS,
PROCESIÓNS, DEPORTES, ETC.
D – ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS (ANUNCIOS, FACTURAS)
E – PERSONAXES, ACONTECEMENTOS...
F – PROPAGANDA REPUBLICANA E FRANQUISTA
G – MOEDAS, BILLETES, LETRAS DE CAMBIO, BANCOS...
H – O GOBERNO DA CIDADE
I – SANIDADE
Unha
completa diagnose, polo tanto, dunha época que confrontou dúas maneiras moi
diferentes de facer as cousas: a da República e a da ditadura franquista.
Mostra aséptica, moi baseada no valor do documento e a edición de fontes. O
dato rigoroso e a curiosidade dialogan sobre unha etapa crítica na historia
recente da cidade. O visitante, sobre todo o de certa idade, sentíase removido,
para ben ou para mal, ante o recordo que
lle traía unha fotografía ou un cromo e podía descubrir datos esclarecedores en
forma de misivas ou contemplar ilustradores obxectos.
Son
os tempos da caída de Primo de Rivera e a denominada “ditabranda”, do Bienio Negro;
a chegada da Segunda República Española, do franquismo, da represión...
Contexto para unha cidade que ve como os acontecementos moldean o seu urbanismo
e a vida cultural, social ou económica.
Mais
a exposición foi o eixo central sobre o que xiraron outras actividades como o
relatorio, o 11 de xuño, a cargo de Anxo Serafín Porto Ucha sobre “Dous
modelos educativos: a escola republicana e a do nacional-catolicismo”ou a
representación “A Lola” levada a cabo por Avelaiña Teatro o 28 de
xuño.
O 18 de xuño presentábase o catálogo da mostra na Casa da Luz. Un libro
necesario para testemuñar á exposición. Cunha edición coidada, con tapa dura e
nun suxestivo vermello, o catálogo componse dunha presentación do alcalde
Lores, un pequeno texto sobre a exposición a xeito de limiar, unha introdución
baseada nun feixe de publicacións (sobre todo a Historia de Pontevedra publicada por Vía Láctea) e o conxunto de
imaxes que respecta a división da mostra.
Cómpre
recordar que a exposición foi dedicada ao gran historiador galego Juan Juega
Puig, ao que Pontevedra aínda débelle un xusto recoñecemento, talvez en forma
dun premio e dunhas xornadas.
Concluída
o pasado 7 de xullo, a exposición “Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940”
xa está na historia dos eventos culturais celebrados con éxito na axenda deste
2019. Quen sabe se nun futuro será outra mostra a que recorde unha época tan
determinante no devir dunha cidade e mais dun país enteiro, se así ocorre non
terá máis remedio, e mellor axuda, que fixarse no ronsel desta magnífica
mostra.
(Foto: M.F.C.)
Comentarios
Publicar un comentario