CESANTES, TRASMAÑÓ E VENTOSELA
Mateo Fontán Couto
O
Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, que tantas iniciativas saca
cara adiante, tivo a ben a posta en marcha dunha serie de publicacións
dedicadas ás parroquias do municipio. As tres primeiras xa están pola segunda
edición, son as que falan de Cesantes, Trasmañó e Ventosela na pluma de tres
bos coñecedores destas paraxes.
Para
a parroquia de Cesantes contouse coa autoría de Lola Míguez, integrante do
Seminario de Estudos Redondeláns, a cal mediante un relato curto introduce ao
lector nas vicisitudes emocionais deste lugar. Elías é o protagonista do conto,
herda unha casa onde pasaba tempo de cativo. As lembranzas van xurdindo como
imaxes mediante unha escrita agarimosa: a antiga telleira, como un patrimonio esquecido;
a Praia Vella; as illas de San Simón e Santo Antón; o peto de ánimas da
Macarella; o cruceiro do Cebreiro... Por medio deste personaxe a autora fainos
partícipes dos aires e as fermosas paisaxes que loan a Cesantes.
O
arqueólogo Xurxo Constela é o autor do texto sobre San Vicente de Trasmañó.
Desta vez atopámonos cun escrito de carácter máis técnico, pero tamén amable. Divide
o libro en cinco pequenos capítulos: “Situación”, “Natureza”, “Medio Humano”, “Historia”
e “Patrimonio Arqueolóxico”. Trasmañó presenta peculiaridades tales como saída
ao mar; zonas acuíferas e anegadas que reflíctense na toponimia dos lugares; as
pedras, ou mesmo unha planta endémica atrapainsectos. A ruta polos muíños,
escoltando o descorrer do río Fondón,
resulta suxestiva ao camiñante. Tamén os ricos vestixios arqueolóxicos,
no monte Mirallo, conforman un forte e ineludible atractivo. Creouse a web
montepenideprehistórico.com coa finalidade dun mellor coñecemento destes
remotos testemuños mediante un “Museo virtual”.
Ventosela,
entre veciños máis denominada San Martiño, é a parroquia da que escribiu Olga
Nogueira: acordeonista, filóloga e xestora cultural. Divide o libriño en catro
capítulos correspondentes aos catro elementos. No primeiro, dedicado á auga, ten
cabida a traída, as normas e dereitos sobre tan importante recurso; tamén as
cinco fontes parroquiais -que foron seis-; os muíños das Velascas e o do
Regueiro, este último co interesante personaxe de Xoaquín o Tareixo, e ata o
edificio da escola. O lume titula o segundo apartado; resulta unha alegación
contra a lacra dos incendios forestais e a especulación do monte, aínda que
tamén se fan liñas sobre o lume amigo. O terceiro capítulo trata da terra: oda
ao minifundio, microtoponimia, apelidos, persoas e negocios... No derradeiro
episodio é quenda, claro está, para o vento, escultor dos impresionantes
conxuntos de pedras que conforman un inesquecible itinerario. Tamén nos fala a
autora sobre o leite, da importancia da celebración do magosto e o xogo das
buxainas, da igrexa ou dos maios e as coplas.
Tres
estilos diferentes e persoais que traen ao noso coñecemento tres fermosas
parroquias redondeláns en forma de xeitosos opúsculos, os cales podemos
adquirir gratuitamente tanto na biblioteca de Chapela, no Multiúsos da
Xunqueira ou en determinados establecementos hostaleiros que apoian a campaña.
Que non pare aí a cousa, e que máis cedo ca tarde podamos gozar do que nos
teñan que contar sobre as outras dez parroquias.
(Foto: Mateo Fontán)
Comentarios
Publicar un comentario