CASTAÑAS MEDIEVAIS

Mateo Fontán Couto
O autor Heitor Picallo Fuentes (Cuntis, 1974) é unha desas persoas con varias inquietudes, e a súa angueira reflexa paixón. É enxeñeiro técnico naval de profesión, aínda que tamén exerce de investigador, escritor e mesmo ilustrador de libros e publicacións periódicas. A súa obra xa é extensa, pero sobre todo mantén unha calidade evidente. Ten publicado en varias revistas especializadas e de divulgación e tamén en xornais, así mesmo escribiu contos infantís e varios ensaios, o último, anterior ao que vimos falar, trata sobre o Cuntis romano e é realmente bo. Á literatura e ás artes plásticas dedica moito do seu talento. Heitor representa, polo tanto, un valor actual e seguro na creación, defensa e o estudo do feito galego.

 O seu último traballo leva por título: No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos, publicado pola editorial Fervenza. Trátase dun libro rigoroso, cun gran manexo das fontes primarias e un evidente dominio das técnicas paleográficas por parte do autor. A pescuda en varios arquivos, apoiada na transcrición doutros importantes materiais a cargo de expertos, constitúe a base sobre a que se ergue o estudo. A finalidade deste traballo vén explícita no título do mesmo: a importancia dos castiñeiros e o seu froito para a subsistencia e a economía galega medieval.
Para isto Heitor, ademais de basearse na recollida minuciosa dos datos, ofrece un interesante esforzo analítico e interpretativo do tema. Resulta así mesmo un libro orixinal, adscrito a temáticas como a económica, a lexislativa, a biolóxica ou a antropolóxica pero poñendo o foco nun produto tan básico e característico para Galicia como o é a castaña. Os soutos e os castiñeiros son os protagonistas e arroxan luz no estudo dun período fundamental na nosa historia. O resultado, sorprendente e en gran parte novo, fala dun dos mellores traballos neste eido nos últimos anos, sendo xa referencia inevitable.

Sobre castiñeiros e castañas atopamos referencias en multitude de fontes: eclesiásticas, diplomáticas, nobiliarias e moitas outras, gardadas en diversos mosteiros e arquivos, as cales dan consistencia ao traballo. Tal e como nos indica Picallo, o primeiro documento empregado sae do Tombo de Celanova, con data de 842 e o último de 1519 procede do priorado de San Munio da Veiga de Limia, polo que vemos que a pescuda chega ata os primeiros tempos da Idade Moderna. Son máis de 40 cenobios, repartidos nas catro provincias, os rastrexados documentalmente.
O libro constitúese en seis capítulos. Antes topamos cos fermosos agradecementos e o limiar a cargo de Manuel López,  secretario da I.X.P. Castaña de Galicia. Na introdución ademais de expoñer motivacións, método e a descrición do estudo, infórmasenos dun antecedente deste traballo no número 18 da revista Raigame a cargo do mesmo autor. No primeiro capítulo baixe modelando o obxectivo a través dunha nutrida colección de exemplos en forma de privilexios reais, preitos,  leis, doazóns, contratos, etc. No segundo capítulo aténdese aos castiñeiros: seu cultivo e coidado, a súa relación coas explotacións vinícolas e outros aspectos. “O castiñeiro como materia prima” é o título do terceiro capítulo. A castaña é  protagonista no cuarto atendendo ás variedades, o seu coidado e o seu consumo, a castaña nos contratos, como produto suxeito a renda, a súa venda... No capítulo quinto fálase da castaña dentro da diocese compostelá durante os séculos XIV e XV. Xa no derradeiro capítulo trátase, nun interesantísimo aspecto, sobre topónimos e ecónimos. Conclúen o libro o epílogo, as abreviaturas, fontes e recursos de localización documental e a bibliografía. O volume conta con suxestivas fotografías, nun formato comprometido co medio ambiente.

Polo tanto estamos ante un magnífico percorrido, que non deixa ningún aspecto ao azar, sobre dous dos recursos máis importantes do medievo en Galicia como son os castiñeiros e as castañas. Obra de valor histórico, sen dúbida, pero obra que tamén fai pensar sobre a utilidade da reforestación deste tipo de frondosa nos nosos tempos. Parabéns ao autor!

 

Comentarios

Publicacións populares