Semana Santa en linóleo
Mateo Fontán Couto
Foi nalgún momento do pasado cando en Pontevedra a Semana Santa comezou a dialogar coa novidade do linoleogravado. Procesións, imaxes e silencios atoparon na técnica introducida por Castelao un medio singular para seren interpretadas e reproducidas, establecendo unha conexión duradeira entre expresión artística e identidade cultural que marcou a memoria visual desta celebración na cidade.
É precisamente nese tránsito entre tradición e renovación onde cobra especial relevancia a figura de Castelao. Durante a súa estadía en Europa en 1921, o intelectual galego descubriu en Múnic as potencialidades do linóleo como soporte artístico. A técnica, económica e versátil, permitía unha reprodución rápida e expresiva das imaxes, algo fundamental nun contexto cultural que buscaba novos medios de difusión. Ao seu regreso, xa na década dos anos vinte, introduciuna en Pontevedra, abrindo unha vía nova para a creación gráfica en Galicia.
Castelao non se limitou a adoptar o linoleogravado, senón que o converteu nun instrumento de transformación cultural. Grazas ao seu carácter maleable e económico, o linóleo facilitou o acceso á práctica do gravado e favoreceu o seu desenvolvemento como linguaxe artística. A súa capacidade de síntese, o dominio do branco e negro e a forza expresiva facíano un medio idóneo para unha época que procuraba outras formas de comunicación visual.
Será, porén, nas décadas posteriores cando esta técnica acade unha especial relevancia no ámbito editorial. O gravado ao linóleo converteuse entón nun método privilexiado para ilustrar revistas e publicacións culturais. Cabe citar títulos como Cristal, Alborada, Sonata Gallega, Céltiga ou Sal-Lux, onde a imaxe gravada non era un mero acompañamento, senón unha parte esencial do discurso. Neste ecosistema editorial destacariamos a revista SPES, editada en Pontevedra entre 1934 e 1962.
Subtitulada Revista mensual. Órgano de la Juventud Católica de Pontevedra, apareceu o 15 de xuño de 1934 e constituíu un verdadeiro vehículo de expresión da comunidade católica pontevedresa, especialmente da súa xuventude. Dirixida inicialmente por Gabriel Méndez Rodríguez ata 1947, continuou baixo a dirección de Jesús Muíños González. Nela colaboraron figuras como Vicente Risco, Sofía Casanova, Xosé Filgueira Valverde, Sánchez Cantón, Gerardo Ávarez Limeses ou Celso Emilio Ferreiro, configurando un espazo de encontro entre pensamento, relixiosidade e creación.
Mais foi no eido visual onde SPES acadou unha identidade máis singular: o linoleogravado converteuse practicamente na súa única linguaxe artística. Neste contexto consolídase a denominada Escola Linoleísta de Pontevedra, unha corrente estética compartida por diversos artistas que atopan no linóleo un medio privilexiado de expresión, especialmente vencellado á temática relixiosa.
Entre eles, destaca de xeito especial Luís Pintos Fonseca, figura clave tanto no desenvolvemento do linoleogravado como na recuperación da Semana Santa pontevedresa. No eido do gravado deixou valiosos exemplos de temática relixiosa, varios deles vinculados á Semana Maior. Os seus linoleogravados, de fonda forza expresiva, foron empregados en carteis e programas, nos que a efixie do Cristo dos Mareantes aparece como unha inspiración recorrente, converténdose nun símbolo visual da cidade.
Cada creador achega, con todo, a súa propia mirada. Ángel Bravo, por exemplo, desenvolve un traballo detallista e minucioso, preocupado por empregar o buril en toda a prancha e en múltiples direccións, xerando superficies densas e de gran riqueza textural. Pola súa banda, Rafael Núñez sitúase na liña de Carlos Sobrino e Pintos, introducindo composicións de forte carga simbólica que en varios anos engalanarían os programas da celebración. Xunto a eles, artistas como “Turas”, J. L. Alonso, ou Alejandro Paisa Gil contribúen a definir unha estética coherente, baseada na síntese formal e na intensidade expresiva.
Así, poderiamos dicir que existe unha continuidade entre a procesión e a estampa. Se a primeira percorre as rúas, a segunda habita as páxinas impresas e a memoria colectiva. Ambas constrúen relato, ambas fixan imaxes que perduran máis alá do instante. Entre o eco contido dos tambores e o negro profundo da tinta sobre o papel, Pontevedra consolidou unha tradición singular onde arte e espiritualidade se fundiron. Naquel período, o linoleogravado serviu como unha ferramenta de expresión colectiva, unha maneira de narrar, con intensidade e sobriedade, a identidade dunha cidade que soubo transformar o rito nun exercicio creativo e visualmente memorable.
![]() |
Gravado de A. Bravo para a portada de
SPES
Artigo publicado no Diario de Pontevedra o 31/03/2026



Comentarios
Publicar un comentario