Castelao en 2025: memoria viva e reflexión
Mateo Fontán Couto
Este 2025, ao cumprirse 75 anos
do pasamento de Castelao, Galicia celebrou unha conmemoración sen precedentes.
Declarouse oficialmente o «Ano Castelao»,
e durante meses a súa figura resoa en exposicións, conferencias, filmes,
reedicións de libros e innumerables iniciativas culturais. Non é que Castelao
regresase —xa que nunca marchou—, senón que a súa voz atopou novos camiños para
dialogar co presente, deixando rastros inesperados e vibrantes na conciencia
social.
Cada ano dedico tempo a preparar
un dossier de prensa, unha tradición familiar herdada do
meu pai, na que sempre inclúo Castelao entre os temas que sigo con atención.
Este 2025 destacou pola intensidade das referencias e pola diversidade de ecos
que se entrelazaron nunha conversa colectiva sobre a súa vida e obra, como se
Galicia estivera redescubríndoo unha vez máis.
As lembranzas non se limitaron
ás grandes exposicións ou á pantalla do cine. Asociacións, escolas e concellos
organizaron lecturas, obradoiros e homenaxes que denotan que a súa figura segue
presente en distintos recunchos, suscitando interese e emoción nas diferentes
idades. Estes xestos, discretos mais profundos, subliñan que a súa obra non
pertence só aos expertos, senón á experiencia viva da cultura galega.
A exposición «Castelao. Mirar por Galicia», na Cidade da Cultura, achegou a súa
voz ao público mediante realidade virtual, holo gramas
e tecnoloxías innovadoras. No cine, Antes de Nós, de Ángeles Huerta e Pepe Coira,
presentou un Castelao humano: médico, pai e persoa atravesada pola dor e a
esperanza, completando a imaxe do mito. As reedicións de emblemas como Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galiza permitiron
redescubrir a súa palabra, lembrando que, como subliña Ramón Villares, hai que
lela na súa integridade para comprendermos a súa magnitude política e ética.
Cómpre deterse un intre e pensar
nun vello risco: o exceso de protagonismo de Castelao, que leva décadas
ocupando o centro do escenario, pode acabar por tapar outras voces igualmente
fundamentais da nosa cultura. Admirar a súa grandeza é lexítimo e merecido,
mais non debería facernos esquecer a rica diversidade de nomes e camiños que
deron forma á nosa historia. Cando toda a luz cae sobre unha soa figura, o
resto do horizonte corre o perigo de esvaecerse.
Hai
pouco, dende cátedras e tamén dende a Xunta de Galicia, falábase da
posibilidade de declarar o 2026 como o «Ano Ramón Otero Pedrayo». E penso que
nesa idea sinxela latexa algo fondo e prometedor: sen restar mérito ás
celebracións do Día das Letras Galegas ou do Día das Artes Galegas, poderiamos
tamén volver a eses clásicos que agardan unha nova ollada, unha revalorización
serena da súa obra e da súa pegada. Non faltan esgrevios esforzos —fundacións
(bravo! polas Castelao, Vicente Risco e Otero Pedrayo), escolas,
investigadores—, mais quizais faga falta sumar máis mans e máis ilusión.
Sería
bo —e posible— botar máis leña no carro das homenaxes? E, mentres tanto, que
pasa co apoio á investigación e á divulgación desas figuras máis «pequenas»,
pero igual de necesarias, que conforman o tecido vivo do noso país? Ao fin e ao
cabo, tanto o mundo cultural como a propia Administración teñen aí un papel que
cumprir, algo máis fondo que deixar que as ideas viaxen polo vento, coma o
Grifón de Conde.
Revisar o meu dossier de prensa convértese
nun diálogo co pasado e co presente. Non se trata só de arquivar recortes ou
rexistros de actos; é percibir como a obra de Castelao toca vidas, pequenas e
grandes. Ao longo do ano, observacións simples chamaron a atención: obradoiros
escolares alentando ilustracións de Castelao, a lectura compartida de fragmentos das
súas cartas, familias que visitan exposicións e transmiten lembranzas dos seus
avós. Cada momento demostra que Castelao habita nas conversacións, nas
reflexións e nas emocións que suscita.
A súa existencia complexa —médico,
artista, escritor, político exiliado— converteuno nun referente de coherencia e
compromiso. Mostra que a memoria e o respecto pola historia non se constrúen só
nos grandes eventos, senón tamén na transmisión silenciosa de valores e
experiencias que perduran no tempo.
Asemade, o Ano Castelao 2025
abre unha xanela cara ao futuro. As súas ideas seguen sendo ferramentas para
comprendermos Galicia hoxe. A súa capacidade de integrar arte, política e
literatura serve de modelo sobre como a cultura pode transformar a sociedade
mantendo rigor e profundidade.
Os actos pendentes, as lecturas
e os debates que aínda se desenvolverán indican que a lembranza é dinámica.
Cada época pode reinterpretala, actualizar o seu significado e aprender das
súas conviccións e dilemas. Castelao actúa como ponte entre xeracións,
permitindo que os máis novos comprendan as raíces da identidade galega e que os
maiores se sintan parte dunha historia viva. O seu legado convértese así nun espazo
de reflexión conxunta, creatividade e compromiso ético, capaz de inspirar en
calquera momento, non só nas grandes celebracións.
Chegado novembro, o balance é
evidente: o Ano Castelao consolidou a súa presenza na memoria colectiva e puxo
en valor tanto os grandes eventos como as iniciativas máis discretas. Permitiu
que Galicia (quen sabe de fóra?) revisase a súa obra, reflexionase sobre a
pluralidade de voces e recoñecese a importancia do diálogo interxeracional. E,
aínda que este mes marca un punto de balance, o ano non rematou: quedan actos, lecturas
e homenaxes por celebrar, lembrando que a súa memoria segue en constante
transformación.
Castelao non desapareceu. Non está no cadro, non na estatua, senón nas
mans que remexen nos libros ou no riso abafado dos nenos que corren entre
cruceiros antigos. A súa voz non ruxe, marmula; e quen a escoita sente o
corazón ir máis forte, un tanto fascinado.
Neste tempo de defuntos
reparamos en Un ollo de vidro, aquelas memorias
dun esqueleto que nos conta historias macabras e irónicas, escenas que nos fan
rir e estremecernos ao mesmo tempo. Así é Galicia: aceptar a morte con seriedade
e certa retranca, sentir a vida, recoñecer o que persiste nas pequenas cousas,
nas historias que se contan de xeración en xeración ou nos debuxos que se
esquecen e aparecen.
O legado camiña connosco. Cada
época engade a súa pincelada, ás veces torpe, ás veces brillante, sempre viva.
Porque honrar o pasado non é lembrar en voz alta, senón sentir que latexa, que
respira, que se transforma. A vida, Galicia, Castelao… unha pintura que nunca
se remata.



Comentarios
Publicar un comentario