Popule meus...
Mateo Fontán Couto
Non se pode negar a tradición musical que envolve á Semana Santa nas súas diversas vertentes e manifestacións en calquera localidade. Máis aló das marchas procesionais que as bandas confrades, militares e agrupacións musicais despregan a través dos seus amplos repertorios temos que ter en conta todo o patrimonio musical que agocha este tempo e se manifesta nos concertos de polifonía sacra, interpretación de motetes ou mesmo nos sons tan característicos como o que produce unha carraca ou o repique dunha campá que porta un nazareno; do mesmo xeito, o silencio xoga na Semana Santa un papel creador de momentos e atmosferas que se diría, malia o aparente contraste, que están embebidos de musicalidade
A Semana Santa de Pontevedra non fuxe da relación coa música propia deste tempo. Á altura de 1954 un soidoso texto, nunha revista de Semana Santa, asinado por S. Feliú lembraba os coros «casi improvisados de 15 o 20 voces» que na igrexa conventual de San Francisco interpretaban obras de Palestrina, Victoria e Guerrero; ou, máis adiante no tempo, durante a procesión no claustro o «Vere Laugores» de Victoria en corenta voces femininas. Tamén se anota no repertorio daqueles tempos coa Orquestra de Cámara «As sete últimas palabras de Cristo na Cruz», obra de Franz Joseph Haydn, ou as «Passio» do Padre Luís Mª. Fernández Espinosa xunto con outras afamadas pezas sacras. Na mesma publicación Sánchez Cantón, referíndose á musica na Semana Santa de Pontevedra, invoca o «Miserere» de Iglesias Vilarelle ou as entoadas composicións relixiosas que a Sociedad Coral Polifónica ofrecía. Esta mesma institución musical, xa centenaria como sabemos, celebraría en 1925 os seus dous primeiros concertos un 9 de abril, Xoves Santo, en San Francisco e o Venres Santo na igrexa de Santa María.
Nas antigas procesións os templos pontevedreses recibían ás imaxes con ecos de harmonía devocional. O Coro do Instituto de Pontevedra arroupou musicalmente moitos dos actos piadosos durante a Semana Maior na cidade, e aínda os pontevedreses e pontevedresas acordarán de momentos como o que se producía na praza do Teucro, no Martes Santo, cando os Ex-cantores do Coro do Instituto saudaban ao Nazareno e mais á Esperanza. Este tipo de entidades como a Polifónica ou os Cantores do Instituto foron protagonistas habituais no Concerto de Semana Santa abandeirado polo Museo de Pontevedra, tristemente extinto, e que contaba con programas marabillosos. Neste mesmo ano a música tivo unha forte presenza nos actos previos á nosa Semana Santa coa organización do I Certame de Bandas Confrades e cun belido concerto sinfónico de música procesional a cargo da Banda de Música de Pontevedra onde se interpretaron obras dos grandes compositores do xénero, tales como Óscar Navarro, David Rivas, o coruñés Ricardo Dorado, Manuel Font de Anta ou Abel Moreno, entre outros.
Mais o meu recordo musical, que aínda latexa e agardo cada ano, prodúcese durante os viacrucis de Coresma organizados pola Confraría do Espírito Santo. Neles cada estación que percorren os confrades xunto coa súa Cruz Guía é ilustrada musicalmente. Moitos anos foron os ex-Cantores do Instituto e actualmente un grupo de entusiastas, liderados por Fernando Olbés, os que escollen a peza para cada pasaxe, de entre elas quedo co «Popule meus», de Tomás Luís de Victoria.
Pertencente á obra Officium Hebdomadae Sanctae, composta en Roma no 1585 para celebrar a Semana Santa, o «Popule meus» foi concebido como un improperio, é dicir, un canto antifonal de preguntas e respostas que empregan citas bíblicas en grego e latín expresando os queixumes de Cristo sobre a ingratitude do pobo xudeu. Ideouse para o oficio de Venres Santo durante a Adoración da Cruz. A escoita desta maxistral creación, dun dos meirandes compositores do Renacemento español, arrouba os sentidos máis ásperos e fríos.
![]() |
Programa Concerto de Semana Santa (Col. Fontán Portela).
Publicado no Diario de Pontevedra o 16/04/2025
Comentarios
Publicar un comentario