AO RESCATE DE EUGENIO REGUERA PARDIÑAS
Mateo Fontán Couto
Da man de Clodio González Pérez chéganos unha nova biografía
para abonar o campo das nosas letras co rescate dun personaxe moi pouco
coñecido malia o seu destacado percorrido no mundo da política galega do século
XIX e o seu legado cultural; estámonos a referir ao pontevedrés Eugenio Reguera
Pardiñas.
No tocante á autoría do libro sobran as presentacións
ao falar de Clodio González, pois se trata dun dos meirandes produtores
bibliográficos de Galicia na actualidade, destacando especialmente nos eidos da
etnografía e a historia. A extensa obra deste mestre xubilado e inquedo
investigador repártese por unha morea de temas. Moi coñecidos son os seus
traballos sobre os maios ou os cruceiros, como magníficas resultan as súas
varias historias locais e bibliografías. Se ben a cultura popular centrou os
seus maiores esforzos divulgativos non esqueceu outros importantes aspectos da
realidade social galega. Así mesmo, destacan as súas facetas como editor e
conferenciante.
O investigador de Cenlle, proposto para cronista deste
pobo ourensán, legounos amais de cuantiosos libros e obras colectivas innumerables
artigos repartidos en revistas e xornais (de grata lembranza persoal a sección
“O rodicio do tempo” para Galicia Hoxe).
Académico correspondente da RAG, entre outros nomeamentos en diferentes
institucións, viu recompensada a súa actividade con diversos premios e
recoñecementos. Queda pois certificada a calidade e rigor que esta nova
investigación Eugenio Reguera Pardiñas.
Vida e obra dun precursor do Rexurdimento (1806-18886) amosa dende a súa
primeira liña.
O libro, en edición non venal, procura en menos dun
cento de páxinas abordar cantos máis aspectos posibles sobre esta descoñecida figura
decimonónica na que González Pérez traballou silandeiramente a partir de fontes
primarias e ao longo dun dilatado tempo dende que batera con ela, no Archivo
Histórico Nacional, a finais da década dos setenta. Componse de catro partes ás
que temos que sumar o limiar, os acaídos apéndices e a bibliografía.
A primeira parte atende á azarosa vida deste
pontevedrés, bautizado en San Bartolomeu, fillo de Andrés Reguera Mondragón,
militar falecido en combate contra o bando napoleónico, e Gertrudis Pardiñas. O
esclarecemento do seu lugar de nacemento supón un bo pistoletazo de saída para
afondarmos nunha biografía escurecida polo tempo.
A partir de aquí sucédense os datos sobre Eugenio
Reguera, froito da investigación: a súa carreira como militar, chegando a
tenente de segunda, até que en 1834 é nomeado oficial primeiro da subdelegación
do Ministerio de Fomento en Pontevedra. Da súa vida máis persoal cóntasenos que
casou en Noia con María de los Desamparados Malvar malia que a noiva non estaba
presente na cerimonia, con ela tería catro fillos. Tamén se nos proporciona
datos da súa faceta como empresario e do seu periplo como funcionario. Así
mesmo, resultan interesantes os apartados que nos falan da súa experiencia como
Gobernador Civil tanto en Segovia coma en Lugo, lugares onde emprenderá loables
proxectos no sector cultural. As últimas páxinas desta primeira parte van dende a
xubilación até o seu pasamento o 8 de xuño de 1885, sen que nunca lle
abandonase a súa curiosidade intelectual.
A segunda parte
do traballo, capítulo interesantísimo, aborda a obra de Eugenio Reguera Pardiñas.
Destacariamos neste senso o seu carácter compilador e o feito de que nunca
publicase nada. Sete son os volumes con apuntamentos e manuscritos del, tamén
doutros, que custodia o Archivo Histórico Nacional onde podemos rastrexar os
múltiples intereses que tiña e que Clodio González debúllaos en varios
apartados: Unha obra sobre Galicia, a cuestión do idioma galego, un vocabulario
galego-castelán, unha haxiografía sobre santo Ero de Armenteira e algúns poemas
da súa autoría. Así mesmo faise referencia ao seu patrocinio e pequena vocación
de mecenas para con os traballos doutros como a Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia, de Leopoldo Martínez de Padín.
Unha terceira parte é debedora da anterior, pois trata
do devir dos apuntamentos e manuscritos
tralo pasamento de Eugenio Reguera. Xorde entón a figura de José Villa-Amil y
Castro: destacado arquiveiro, bibliógrafo, anticuario, historiador e
intelectual da época que adquiriría os volumes facticios de Reguera. Deste
chegarían ao Archivo Histórico Nacional aínda que é moi probable que se perdese
a pista a outros valiosos documentos. Do mesmo xeito, ofrécense unhas curiosas
liñas acerca dunhas cartas do Padre
Sarmiento que no seu momento obraron en poder de Reguera.
Actuando como breve epílogo o cuarto capítulo recolle o dito sobre Eugenio Reguera Pardiñas e preséntao como unha persoa polifacética, que ostentou diferentes cargos (tenente, gobernador civil, alcalde de Meis...) e amosou un constante amor erudito pola súa terra, destacando as achegas feitas no eido da lingüística co seu vocabulario galego-castelán e a interesante terminoloxía agropecuaria recollida. Botamos en falta algún retrato e sacamos en limpo que Eugenio Reguera Pardiñas foi sen dúbida un precursor do Rexurdimento, unha figura a ter máis en conta a partir deste traballo.
Comentarios
Publicar un comentario