SETENTA ANOS DE SILENCIO E ESPÍRITO SANTO
Mateo Fontán Couto
O 27
de marzo de 1952 un fato de estudantes da universidade compostelá e oriúndos de
Pontevedra darían lugar a unha nova confraría para a Semana Santa da Boa Vila,
nacía deste xeito a Confraría do Noso Pai Xesús do Silencio. Como emblema
escolleron, tras a necesaria autorización eclesiástica, a Cruz de Santiago.
Non moitos días despois, concretamente o Domingo de Ramos dese 1952, quedou oficialmente fundada a Confraría do Espírito Santo de Alumnos e Ex-Alumnos do Instituto de Pontevedra. Como ben indica esta primeira denominación, a nova corporación relixiosa estaba ligada ao Instituto de Pontevedra en cuxo escudo aparecía a pomba do Espírito Santo, de aí a súa advocación. Amais será na capela do centro de ensinanza onde esta «Confraría do Instituto» eríxese; o seu emblema: unha cruz florenzada coas iniciais IP (Instituto Pontevedra) no centro.
Ambas as dúas confrarías de orixe estudantil celebran neste 2022 o seu setenta aniversario. Os principais promotores e primeiros directivos da Confraría do Silencio serían Francisco Ferreiro Sanz (presidente), José Ángel Fernández Arruty (vicepresidente), Enrique Marescot Fernández (secretario), Salvador Fernández Sansilvestre (contador) e Gaspar Carragal Yáñez (tesoureiro). Pola súa banda a Confraría do Espírito Santo tería nas figuras de Xosé Filgueira Valverde (presidente nato) e don Lino García García (consiliario) a súa Presidencia de Honra. A primeira xunta directiva da confraría, constituída o 16 de marzo de 1953, estaría composta por cinco vocais, un contador, un tesoureiro, un secretario, dous vicepresidentes e o presidente do cal se inscribe o nome, para os primeiros meses, de Faustino Mosquera González.
A uniformidade destas confrarías foi evolucionando a través do tempo, sobre todo para os membros directivos; mais no básico mantívose co decurso dos anos. Na actualidade os nazarenos de filas da Confraría do Silencio portan farois e visten túnica negra; o cíngulo, o capuz e as luvas son brancas e a capa de cor dourada. No tocante aos confrades do Espírito Santo o hábito é granate cinguido con cinto de esparto, tamén levan capuz, luvas e capa branca; portan fachóns eléctricos no cadril, substitutos dos primeiros de cera.
No Martes Santo a Confraría do Silencio sae en procesión
coa imaxe de Xesús Nazareno, obra dos irmáns Rivas en 1956. Anteriormente era a
imaxe da capeliña da rúa Tetuán a que se sacaba nesta procesión, á cal tamén
acode invitada a Confraría da Nosa Nai da Maior Dor acompañando á Virxe da
Esperanza, propiedade do Silencio e tamén saída do taller compostelán dos
irmáns Rivas en 1958. Na Procesión dos Pasos escoltan o de Xesús Cativo (mesma
imaxe que a do Martes Santo pero con túnica branca) e o da Flaxelación, xunto
coa Orde Franciscana Segrar. O grupo escultórico da Flaxelación composto pola
figura de Cristo, ao culto en San Francisco, e dous saións é obra en 1929 de
Enrique Carballido. Para a Procesión Xeral do Santo Enterro, esta confraría
saca ás rúas un belido paso de palio levando á Nosa Señora das Angustias, imaxe
do século XIX conservada na basílica de Santa María, obra de Juan Manuel
Magariños Blanco.
A Confraría do Espírito Santo custodia no Xoves Santo o
paso do Ecce Homo, representando o momento da Coroación de Espiñas. A imaxe,
exposta a día de hoxe na igrexa de Santiago de O Burgo, é unha lograda replica
feita por Manuel Delgado-Gambino Rodríguez doutra conservada no Museo
Provincial, antigamente coñecida como «Noso Señor da Canela», que saíu en
procesión ata o estreo da nova imaxe en 2008; era aquela unha das máis antigas
tallas da Semana Santa pontevedresa (S.XVII), atribuída a Esteban de Cendón
Buceta. Na Procesión do Santo Enterro acompañan, dende 2001, á Santa Cruz;
antes escoltaban á reliquia do Lignum Crucis, que pecha o Venres Santo.
Setenta anos separan estas liñas dos primeiros folgos de
dúas confrarías pontevedresas que comparten ano fundacional e sabor estudantil.
A elas desexámoslles moita saúde e prosperidade para seguir engalanando, coa
súa insubstituíble presenza, a nosa Semana Santa.
A Confraría do Espírito Santo co Ecce Homo en 1956 (Foto Graña. Col. Sánchez-Agustino) |
|
Comentarios
Publicar un comentario