SANTIÑOS EXILIADOS

Mateo Fontán Couto

O pasado 16 de febreiro lin no Diario de Pontevedra unha nova onde se informaba da retirada dunha imaxe de san Vicenzo que se atopaba sobre un portón metálico dunha vivenda en Trasponte, Cuntis. A escultura do santo, realizada en pedra, asentaba nunha base sita nunha cornixa de cemento que cubre o lintel da entrada. A pesar de que se trataba dunha propiedade privada, e como ben sinala o xornal, a veciñanza entendía esa talla como patrimonio do lugar. O caso é que a casa se vendeu e dende o verán de 2021 a representación do bo de san Vicenzo abandonou o sitio no que se atopaba.

E falamos dunha talla con referencias a termos en conta, pois foi debuxada a lapis por Antonio Palacios ou usada para un gravado do artista e sacerdote Luís Pintos Fonseca; á súa vez os irmáns Héitor e Martíño Picallo fan mención dela nun traballo publicado na revista do Museo de Pontevedra de 2002.

Todo isto fíxome lembrar que en Pontevedra, no número 90 da Avenida da Coruña, unha desas casas vellas que co paso do tempo van escaseando cada vez máis en detrimento de novas e máis actuais edificacións posuía un nicho no seu muro exterior, e dentro deste unha imaxe de feitura popular da Virxe co Neno. A talla, seguramente realizada nalgún tipo de material calcáreo, distaba moito do valor artístico e cultural que posúe a de san Vicenzo. A Virxe, coroada, sostén ao seu fillo coa man esquerda, mentres este xoga entretido coas roupaxes da Nai; a man dereita de María parece soster un escapulario ou agarrar un prego do vestido. Iconografícamente é moi probable que se tratase dunha Virxe do Carme. 

Era habitual vela adobiada con flores no interior do nicho, o que nos podería estar falando dunha “conexión” que fai que un ben privado cree un vínculo coa veciñanza até chegar a posuír, neste caso, certo carácter devocional. Lamentei o tapiado do nicho, mais conservo dúas fotografías que testemuñan que alí estivo unha representación da Virxe co Neno.






                                        Detalle da nova aparecida no Diario de Pontevedra

Comentarios

Publicacións populares