NOVENTA ANIVERSARIO DE LOGOS MAIS UNHA NADALIÑA DE FILGUEIRA VALVERDE

Mateo Fontán Couto

En 1931 tería lugar o nacemento dun boletín católico escrito todo el en galego. Foi promovido e editado por dúas influentes figuras da cultura pontevedresa do momento: Antonio Iglesias Vilarelle e Xosé Filgueira Valverde. Se ben, outros nomes relevantes participaron na creación desta publicación que neste 2021 acadou o seu noventa aniversario. Así, cómpre non esquecer o influxo de Losada Diéguez na posta en marcha da revista; Ángel Amor Ruibal proporcionou o nome: Logos, e Castelao realizaría as ilustracións incluíndo o fermoso profeta Daniel da portada que foi tomado da efixie mateana do Pórtico da Gloria.

Os colaboradores de Logos foron principalmente relixiosos e intelectuais de sentimento galeguista e ideais conservadores, cunha perspectiva cristiá do mundo. En total sairían da imprenta de Xulio Antúnez 49 boletíns, entre 1931 e 1936, con carácter mensual aínda que pasou por períodos onde publicaríase cun ritmo trimestral e logo bimensual. Sotelo Blanco Ediciones realizou unha edición facsímile en dous volumes no ano 1983, con limiar do propio Filgueira Valverde sobre a historia desta revista de cultura relixiosa. Logos enriqueceu o feble corpus de publicacións periódicas galegas nunha época, antes do estoupido da Guerra Civil, onde asumiu o rol da defensa do catolicismo en clave galeguista.

De entre os moitos colaboradores foi Filgueira Valverde o que máis achegas proporcionou á revista. Fíxoo mesturando o seu propio nome co pseudónimo de J. Acuña, ou usando iniciais; disto teño tratado nun artigo para a revista da Asociación de Veciños San Roque de Pontevedra. Amais da edición, e de sacar cara adiante cada número, o xove erudito dotou ao boletín de seccións que el mesmo cubría, como a que fala dos mosteiros ou a dedicada a bibliografía. Foi, xunto con Vilarelle, o motor da publicación que chegou a fomentar o galego en estampas populares, viacrucis e noutros proxectos truncados.

No Nadal de 1991 Xosé Filgueira Valverde e a súa dona María Teresa Iglesias de Oscáriz felicitaron as festas cunha belida tarxeta postal, ou “nadaliña”, como era o seu costume. A portada reproduce o debuxo que Castelao fixera do profeta Daniel para o boletín Logos; Debaixo e nunha marxe os desexos “LEDO NADAL / BO ANINOVO”. A contraportada ilústrase coas unciais que Luís Pintos Fonseca creara, mediante xilografías en buxo, para a obra literaria de Filgueira Os nenos.

O contido da tarxeta amosa nun lado unha panxoliña de Nadal de Álvaro Cunqueiro que reproducimos a continuación:

MEDO QUE TIÑA SAN XOSÉ DE QUE O NENO LLE SAÍSE MARIÑEIRO

¡San Xosé tiña moito medo

de que o neno lle saíse mariñeiro!

¿E quén lle dixo a San Xosé

que habia mar, e veleiros,

e rapaces mariñeiros

descalzos na veiramar

ollando ir e vir o mar?

San Xosé tiña moito medo

de que o neno lle saíse mariñeiro

Un día sairía ó mar

co nordeste estribando lixeiro,

como soen rapaces do mar

cando saen ó viaxe primeiro.

Cando saen á i-alba do mar,

nun veleiro

a navegar.

¡San Xosé tiña moito medo

de que o neno lle saíse mariñeiro!


Debaixo desta leda composición a felicitación explica, nuns breves apuntamentos, as ilustracións escollidas. Con respecto á portada indica:

CASTELAO:

O profeta Daniel do pórtico da Gloria do Mestre Mateo.

Debuxo para a portada do boletín “Logos”, publicado

por Iglesias Vilarelle e Filgueira Valverde. 1931.

É lóxica a representación de obras e proxectos vinculados ao que manda a felicitación, pois dota de personalidade á tarxeta en si mesma, presentándonos a aquel ou aqueles que a envían. No Nadal de 1991 Filgueira Valverde escolle a ilustración da portada de Logos, talvez, e máis alá da evidente bonitura do debuxo, reivindicando a proposta editorial que esta revista constituíra no núcleo das arelas do galeguismo cristiá.

No outro lado da nadaliña léese:

Na Noite Mellor

e o abrente do Ano,

ledicias e amor.

O nome de Filgueira, o da súa dona “e os seus fillos e netos” xunto coas sinaturas do matrimonio completan o cartón. Nadal, 1991. Aninovo, 1992.




A Nadaliña de Filgueira Valverde e a súa dona para 1991
(Col. Fontán Portela)


Comentarios

Publicacións populares