CRÓNICAS “MILAGRENSES”
Mateo Fontán Couto
Un pode escribir dando prioridade ao corazón e crear
un relato emotivo, ou á cabeza, onde o relato acadará maior peso intelectual. Nas
crónicas dos domingos de Milagros Bará no Diario
de Pontevedra atopamos unha mestura moi acaída de ambas as dúas actitudes.
Milagros é corazón cando escribe porque escribe sobre
a súa querida cidade: Pontevedra. Os seus textos transmiten o interese
compartido cos demais. Non sabería explicar o como..., pero ben se nota que
Milagros Bará é a primeira que se sorprende e desfruta descubrindo novos perfís
históricos; nas descricións e fervenza de datos intúese a curiosidade e paixón
polos avatares da cidade e dos personaxes que a fixeron e a fan posible.
Personaxes que van dos moi coñecidos aos máis heterodoxos. Talvez sexan estes
segundos os que atraen a miña curiosidade con maior forza, pois supoñen unha
descuberta semanal daquelas persoas silandeiras no devir dos días, mais de peso
na personalidade intrahistórica dunha urbe. Neste senso, os perfís que nos brinda
Milagros acadan un alto valor na construción da nosa historia local e supoñen achegas
novas ao tempo que moi saborosas, sobre todo se gustas ler a Milagros con café
e biscoito ou, como eu prefiro, co vermú e as olivas dominicais.
Cos perfís máis coñecidos a nosa autora actúa como
divulgadora de personaxes aos que sempre convén redescubrir e tratar coa
consideración que merecen. As páxinas que dedica aos episodios históricos, ás construcións
relevantes e a outros aspectos sempre procuran constatar e, coido, sorprender. Así,
Milagros escribe do xeito en que o faría unha especie de notario “emocional”:
con solemnidade e certo aveciñamento.
Amais do corazón descubrimos a cabeza na
escrita das crónicas de Milagros. Non só polo esforzo intelectivo necesario para
elaborar os artigos, tamén na xestión do tempo para preparalos. Non resulta
doado sacar unha historia semanal que precisa ser corroborada con bibliografía e
coa pescuda de datos nos que Milagros Bará revélase como mestra, pois é incansable
na investigación e en seguir, ao xeito dun Teseo moderno, o fío dun asunto falando con familiares, expertos e quen poida achegar unha faísca de luz ao
asunto.
Xa podemos adquirir e gozar do cuarto volume das Crónicas de Pontevedra de Milagros Bará, cunha fermosa foto da carroza da Peregrina como portada e con prólogo de Xosé Armas Castro. Unha nova compilación de artigos da súa sección no Diario de Pontevedra, editada e sacada cara adiante co esforzo da autora e que, amais de ofrecer a comodidade de ter os artigos reunidos nun libro, agasállanos cun bo número de fotografías a cor que ilustran perfectamente o contido de cada historia ou perfil histórico. Así xorden nas páxinas deste novo volume corenta crónicas que falan de personaxes tales como: a raíña Goto, o Padre Feijoo, Domingo Fontán, Benito Soto, Eduardo Gasset, o conde de Bugallal, Benito Corbal, Celestino López de Castro, Periquiña Popó, Viñas Calvo, “Barquerito”, etc. A isto temos que unir o relato sobre episodios pandémicos en Pontevedra; apuntes do antigo Hospital de San Juan de Dios ou a capela de San José; historias que falan das Ruínas de San domingos, do carballo de Santa Margarida, da illa de Cortegada, da imprenta e libraría Portela, de Autos Cándido ou do asasinato acontecido no Hotel Colón, entre outros varios e interesantes acontecementos que recolle o volume.
O libro foi moi ben presentado por Miguel Ángel Rodríguez, José Ramón Carril e a propia autora na Sala Nemonón de Pontevedra o pasado 18 de novembro, e tense pensado noutra futura presentación no Liceo Casino. Só me resta agradecer a Milagros Bará que o intre de cada domingo preguntándome de que vai escribir sexa unha sensación leda que se repite semanalmente. Agradecerlle o esforzo e a publicación deste libro útil e entretido así como os xestos e verbas cara á miña familia por un triste episodio recente. Eu son dos que recortan e gardan as crónicas “milagrenses” como especie de exercicio terapéutico na obriga de saber máis sobre a historia da miña cidade; e son dos que agardan o libro cada ano cos artigos reunidos e fermosamente editados, a xeito de fito que vai marcando o tempo que nos tocou vivir e que tamén empregamos para coñecer tempos pasados. Xa agardamos o quinto!
Presentación na sala Nemonón |
Comentarios
Publicar un comentario