A VIRXE PEREGRINA NOS CRUCEIROS
Mateo Fontán Couto
Á memoria do meu pai, do que sempre serei debedor...
O interese pola advocación, iconografía e outros varios aspectos relacionados coa Nosa Señora do Refuxio a Divina Peregrina vén de moitos anos atrás. Nomes como os de Sánchez Cantón, Filgueira Valverde ou, sobre todo, Alfredo García Alén rozaron o camiño neste tipo de estudos. Hoxe lembro con saudade a delicada sala dedicada á Peregrina no Edificio Sarmiento do Museo Provincial. Chegarían despois libros xa clásicos como o de Mª del Carmén Fernández Arruti ou o imprescindible catálogo, realizado por varios especialistas, complemento –xunto a un ciclo de conferencias– da mostra «A Virxe Peregrina. Iconografía e culto», levada a cabo no Xacobeo do 2004 no devandito edificio do Museo. Máis recente é o interesante traballo publicado por Roberto Taboada.
Tamén nos nosos cruceiros ten cabida a representación da Peregrina. Segundo as investigacións a súa iconografía consolídase a finais do século XVIII; observamos que a incorporación deste modelo aos cruceiros desenvólvese maioritariamente durante os séculos XX e XXI. Talvez os camiños de peregrinación sexan unha pista da súa distribución, mais sen un inventario completo que manexar conformarémonos con citar algúns exemplos ao longo do país.
No concello lucense de Alfoz, na parroquia do Castro de Ouro, érguese o cruceiro da fonte, datado en 1987 e que botou anos en Madrid para no 2002 volver ao fogar. Foi recolocado por Antonio Couso Braña, no reverso da cruz contemplamos unha Virxe Peregrina co Neno Xesús no colo.
En zona coruñesa, no concello da Pobra do Caramiñal, queremos destacar un cruceiro dos denominados «de capeliña» que contén a imaxe da Virxe Peregrina. Sitúase no parque do Castelo e é unha obra de Juan Cabeza Quiles, do 2003. Trátase dun cruceiro conmemorativo da Ruta Xacobea. Fai xogo con outros tres cruceiros con capelas consagradas á Virxe de Guadalupe en Rianxo, a Virxe do Carme en Boiro e outro culto mariano máis en Ribeira. A escolla da Virxe Peregrina débese, amais da evidente relación co Xacobeo, porque alí situábase unha capela baixo esta advocación, perdida no século XIX.
Mais é na provincia de Pontevedra, da que é patroa, onde descubrimos máis representacións da Virxe Peregrina nos cruceiros. Poderiamos citar lugares como Soutomaior, Campo Lameiro onde atopámonos polo menos con dous exemplares e varios modelos máis como o sito preto do castelo en Salvaterra do Miño, de lograda feitura a cargo do artista Eduardo Parrado Conde, quen fora discípulo de Asorey.
En representación da tipoloxía dos cruceiros de imaxe (aqueles carentes de cruz) traemos a estas liñas dous: o sito no Rosal, de 1957, con base cadrada onde resaltan motivos xacobeos, e onde a escultura da Virxe érguese sobre capitel labrado coa representación de catro músicos tocando instrumentos antigos. Esta columna da Peregrina foi proxecto de Agustín Portela realizado por doazón de D. Xosé Español Vicente, natural de Pontevedra. O outro dos cruceiros de imaxe o atopamos en Tomiño, na parroquia de Estás. A Virxe foi realizada por Justino José Estévez, sendo o cruceiro inaugurado o 12 de agosto de 1905; con motivo do seu centenario fíxose un cuño filatélico conmemorativo. En Tomiño a Virxe Peregrina tamén ten confraría propia, unha representación foi convidada non hai tanto á procesión da capital.
Xa en Pontevedra falariamos de tres cruceiros coa imaxe da Virxe Peregrina: o sito no Instituto Frei Martín Sarmiento (posiblemente dos anos setenta), o da casa particular na rúa do Gorgullón e o instalado en 2015 na comandancia da Garda Civil, elaborado por alumnos da Escola de Cantería en homenaxe á Benemérita. Amais poderiamos lembrar o que fixera Daniel (canteiro de Tomeza) para o «chalé dos Fontoira», na rúa Cobian Rofiggnac, trasladado nos oitenta e actualmente sito en Jofre de Tenorio sendo sede do departamento de Servizos Sociais e Benestar. Mais o cruceiro, que foi debuxado por Conde Corbal para o seu libro Cruceros, petos y santos, mudou de localización ata unha vivenda particular en Areas.
Por último cómpre sinalar que a
iconografía en tódolos exemplos citados é a mesma, seguindo o modelo
pontevedrés iniciado coa talla de José de Torres (á súa vez inspirada pola
Peregrina de Sahagún) e continuado coa actual imaxe, obra do escultor Vermell:
a Virxe Peregrina porta vestido, manto, esclavina e sombreiro. Coa man dereita
sostén o bordón do que pendura a cabaza e co brazo esquerdo carga co seu fillo.
Debuxo de Conde Corbal |
Artigo publicado no Diario de Pontevedra (Especial Festas da Peregrina) o 8/08/2021
Comentarios
Publicar un comentario