PUBLICACIÓN DO LIBRO TES CINCO MINUTOS

Ao longo das sesións da Escola de Letras, que botamos a andar a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, nas aulas, escoitouse moitas veces esa expresión de “tedes cinco minutos”, para que as e os alumnos soubesen que ese era o tempo que tiñan para desenvolver unha proposta literaria. Foi divertido e estresante. En todo caso, un pracer dinámico. Ao final non eran cinco minutos… pero era divertido dicilo e que servise para botar a imaxinación a andar.

O libro que tes nas mans é o resultado dun ano de traballo das alumnas e alumnos do primeiro curso da Escola de Letras que se desenvolveu nas cidades de Vigo e Pontevedra durante o estraño e pandémico ano 2020. Comezamos presencialmente pero rematamos coas pantallas. En todo caso, a literatura seguiu, na forma que fose. Abeirados ás súas profesoras e profesores traballaron intensamente para tentar saber cal é a arquitectura interna dos soños, iso que moitos chaman Literatura.

Agora, ofrecémosche o resultado para que ti confirmes o talento, enorme, deste mollo de escritoras e escritores que están chamados a facer grandes cousas entre as letras de nós.

Texto: https://editorialgalaxia.gal/produto/tes-cinco-mimutos-1/ 


Querenzas Enfrontadas

Mateo Fontán Couto

I

            Eu son un xigante. De cativo procurábaos e, ao contrario có resto dos nenos que choraban, cobizaba mirarlles aos ollos.

            Os dous xigantes do meu pobo son mouros. Levan perilla e aros de ouro nas orellas; teñen traxes estampados e gorros árabes que imitan aos de durmir. Os seus grandes ollos sempre queren comezar a rir, mais non o conseguen. Ou bailan ou fican quedos. Os xigantes mouros posúen alma de madeira, carne e óso. Eu son un dos dous xigantes mouros do meu pobo.

            Contemplo o almanaque, mañá volverei tocar o ceo: o Día do Patrón. As rúas ulirán a sol de verán e centeo. Trala ofrenda dos pans e a misa oficial chegará o balbordo: bombas de palenque; bater de vasos cheos; sons de gaita, bombo e pandeiro; berros infantís que arrodéano todo; globos coma nubes de cores que fan estoupido; risas e rumores, asubíos; aturuxos de canecos; frenesí; alboradas ao vento.

            O séquito dos cabezudos agardará a saída da procesión. Estarán todos: o clown, o negro co puro, a bruxa, o pirata, o coello, a fada e o grilo con chistera. Soamente quedará a chegada de dous reis xigantes. Todo o pobo será un só espectador, sempre me deu esa sensación.

 

II

            Chegou o día, e todo canto imaxinei irase cumprindo. Xa ule a pan e vai calor. Ando algo tenso, a gravata séntame ben. Almorzo forte con café, tostadas, anacos de lacón e unha parva de pan e augardente. (...)

           

Relato publicado no libro Tes cinco minutos, Galaxia, Vigo, 2020.

Os desdaparecidos xigantes mouros de Pontevedra, nos que me inspirei para o relato
Fotos: Francisco Luis

























Comentarios

Publicacións populares