A PRAZA DA LEÑA

Mateo Fontán Couto

Cando un pensa nunha imaxe característica da cidade de Pontevedra, un rosario de postais acoden prestas ao maxín. A “Boa Vila” ofrece unha multitude de lugares impregnados de personalidade, dunha delicada beleza e cun sabor entre pedra e ría.

Entre estes recunchos de vida que definen á urbe do Lérez, ocupa un lugar destacado a praza da Leña. Xorde aparentemente como un recolecto espazo, mais agocha o transito de xeracións e conserva a memoria dunha cidade enteira. Acolle os enredos infantís á vez que ofrécese como unha fermosa terraza de granito onde poder desfrutar de viños e tapas.
 
 
(Foto: Gustavo Marshall. 2015)
 
O nome da praza fai referencia á venda de leña e piñas como material de combustión que alí producíase; antigamente denominábase “Eiradiño” ou “Eirado da Leña” e posuía unhas dimensións máis reducidas que as actuais. Nos tempos da República rebautizouse co nome do insigne médico socialista Jaime Vera. Na sesión plenaria municipal do 30 de setembro do ano 1937, tras o triunfo dos sublevados, acórdase denominala co actual nome de praza da Leña. Confórmana unha serie de vivendas asoportaladas, de planta baixa e dous andares, que continuarían ás antigas construcións procedentes da actual rúa Figueroa. Son edificios dos séculos XVIII e XIX que proporcionan un gosto entrañable e moi pechado ao lugar. Tres das vivendas que podemos apreciar posúen soportais adintelados con columnas de orde toscana nos capiteis e baseamentos, outra –actual número 35– mostra dous arcos de medio punto descansando sobre pilastras. Os panos das fachadas, cristaleiras, cornixas e carpinterías dos inmobles constitúen elementos interesantes na fisionomía do enclave.
 
No século XVIII a praza reformúlase coa construción na súa contorna inmediata dos pazos de Castro Monteagudo e García Flórez, actuais sedes do Museo Provincial. O arquitecto Francisco Pons Sorolla y Arnau intervirá –xa no século XX– no espazo con actuacións destinadas á restauración e limpeza de vivendas e mellora dos pavimentos, sempre respectando ao máximo o aspecto da praza.
  
 
 
(Foto: Ksado. 1927) 

(Foto: Ferrer. Comezos do século XX) 


(ca. 1929)

Un dos elementos máis característicos da praza da Leña outórgallo o cruceiro sito no centro. Non se fixo para este sitio, senón que instalouse alí en 1941 procedente de Caldas de Reis. Actualmente o lugar non se concibe sen este elemento que sumouse a unha serie de intervencións, no casco vello da cidade, que viñeron recuperar diferentes obras ou anacos de antigas construcións nun dialogo de inspiración historicista para o “engalanamento” da urbe. O cruceiro, pertencente ao Museo Provincial, sería cedido ao Concello; sufriu varios danos ao longo do tempo, someténdose a restauracións nalgunhas ocasións. Unha primeira recomposición nun debuxo veu da man de Castelao, para o seu afamado e tan belido ensaio As cruces de pedra na Galiza. Da súa traza orixinal queda o capitel e mais a cruz; sendo o fuste, o pedestal e a plataforma de tres chanzos engadidos posteriores. Encádrase entre os séculos XVI e XVII como un modelo de transición ao barroco.

                 (Foto. Enrique G. A.)
 

A estampa da praza da Leña foi reproducida en infinidade de ocasións baixo diferentes artes e técnicas: debuxo, pintura, gravado, fotografía, etc. Artistas como Carlos Sobrino Buhigas, José Seijo Rubio ou Carlos Mourón; fotógrafos de onte, tamén os de hoxe que volven a ela unha e outra vez, e tantos outros, deixaron testemuño dun dos emprazamentos máis feiticeiros da nosa cidade. Coido que non sería demasiado complicado a compilación de obras destacadas e curiosas en diferentes formatos para a montaxe dunha exposición que tivese como eixo vertebrador á praza da Leña de Pontevedra.

(Fonte: todocolección.net)
 

 
 
Pintura de Rafael Prieto Gálvez
 
(Foto: Gustavo Marshall)

Para saber máis:

- FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, C.: Pontevedra. La Memoria rescatada, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2015.

- FONTOIRA SURÍS, J.: Pontevedra monumental, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2009.

- GARCÍA IGLESIAS, J. B.: Habladme piedras, Alfil, Pontevedra, 2013.

Comentarios

Publicacións populares